Jump to Navigation


A xerencia integrada de Ferrol presenta en Madrid o modelo de xestión eficiente do deterioro da integridade cutánea tisular

Ferrol conta cunha Unidade de Asesoramento de Cura en Ambiente Húmido, que ten como obxecto promover un plan de mellora integral en prevención e tratamento do deterioro cutáneo
domingo, 8 junio, 2014

 “A xestión eficiente do Deterioro da Integridade Cutánea e Tisular necesita un enfoque global e propostas innovadoras que integran a tódolos implicados no problema, dende a administración ós profesionais, e sen esquecer ós propios pacientes. En Galicia, estase a desenvolver a estratexia institucional Úlceras Fóra como vía para establecer sistemáticas de actuación uniformes que integren adecuadamente a prevención e o tratamento das úlceras. Como complemento a todo o anterior, na Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol temos posto en marcha unha Unidade de Asesoramento en Cura en Ambiente Húmido”. Así o explicaba o director de Enfermaría da Xerencia ferrolá, Luis Arantón Areosa, no Hospital Universitario 12 de Octubre en Madrid, no marco do XXVI Congreso Nacional de Enfermaría Vascular e Feridas.

 

Como indica o Comité Organizador deste encontro nacional “trátase dun foro de debate sobre toda a actualidade relacionada co mundo da enfermaría vascular”. Escolleron o lema Enfermaría 3D, que “fai alusión ó reto que hoxe supón Coidar. Coidar con maiúscula, si. Coidar dende unha perspectiva holística que transcende plantexamentos puramente biomédicos ou aspectos demasiado tecnolóxicos e que permite coñecer ó paciente vascular na súa verdadeira dimensión”.

 

Luis Arantón presentou esta mañá a comunicación Deterioro da integridade cutánea. Xestionar cara á eficiencia, na Mesa Eficacia no proceso de curas, na que deu conta da experiencia ferrolá coa Unidade de Asesoramento de Cura en Ambiente Húmido. Explicou que esta ten como obxecto promover un plan de mellora integral en prevención e tratamento do deterioro cutáneo; e establecer unha sistemática común de actuación para a valoración, indicación, solicitude e rexistro de todo o catálogo de produtos que existen para atender a estas feridas e úlceras, e as actuacións realizadas. “Valídase así con esta sistematización a unificación de criterios de actuación, a mellora dos rexistros e a optimización de recursos”, relataba.

 

Unidade de Asesoramento

Esta Unidade inicia a súa actividade en setembro de 2011 cun profesional con traxectoria e experiencia neste eido. Establécese un programa que, partindo dun catálogo amplo de produtos para atender estas lesións -consta de 31 apósitos diferentes, correspondentes a 12 familias-, supón revisar adaptar e actualizar procedementos e circuítos; establecer estratexias de constante actualización do uso e recomendacións de emprego dos mesmos; e, tamén, ofrecer a outros profesionais un completo programa formativo en prevención e tratamento. Impartiuse en tódolos niveis asistenciais, e para tódolos profesionais implicados. “Vaise incidindo así, igualmente, na prevención de lesións xunto ó emprego axeitado de produtos, e a formación de profesionais referentes para minimiza-los problemas das úlceras, ó mesmo tempo que se racionaliza o emprego e consumo deses produtos”, explica o director de Enfermaría.

 

Durante os anos 2012 e 2103, tense impartido formación a tódolos mandos intermedios da área ferrolá, así como a máis de 700 profesionais de tódolos niveles asistenciais e categorías profesionais, conseguindo unha implementación progresiva do programa e uns mellores resultados en saúde.

 

Estableceuse un modelo común de solicitude de apósito, e que se corresponde con cada paciente cunha ou varias feridas crónicas que precisa atención continuada. Nesta consulta, valídanse estas peticións, e rexístrase toda a información ó respecto. Isto permite unha revisión continua da aplicación do protocolo, e, se é preciso, manter comunicación co profesional que solicita eses produtos. De xeito paralelo aumenta o emprego dos rexistros de calidade, e o reforzo no uso da Historia Clínica relativa a este aspecto.

 

Asegúrase así a indicación axeitada dos apósitos, sen limitación no catálogo, e optimizando o gasto. Prodúcese un coñecemento dun amplo abano de apósitos a disposición do profesional e que abrangue a toda a area, no ámbito dos centros de saúde, os hospitais, e os centros sociosanitarios. Resólvense problemas relacionados coa solicitude, valídanse as mesmas, e establecese unha vía de apoio e intercambio de opinión sobre os coidados dos pacientes, aportando, se é preciso, documentación e suxestións de actuación. Facilítase o material e organízanse accións formativas nesta materia. “Asegurando a indicación adecuada dos apósitos e sen ningún tipo de limitación no catálogo, téñense mellorado os resultados globais e a calidade asistencial, optimizando o gasto económico”, concluía o director de Enfermaría, Luis Arantón.

 



by Dr. Radut.