Jump to Navigation


SANIDADE GARANTE O ACCESO Á ASISTENCIA AOS INMIGRANTES IRREGULARES SEN RECURSOS E DÁLLES 6 MESES DE PRAZO PARA ACTUALIZAR A SÚA SITUACIÓN

martes, 4 septiembre, 2012

 A Consellería de Sanidade porá en marcha ao longo do mes de setembro o Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública, que se ofrecerá a aquelas persoas que non poidan acceder á condición de aseguradas ou beneficiarias e que non poidan subscribir un convenio especial e, polo tanto, non teñan dereito ás prestacións sanitarias por ningún outro medio. Así o anunciou o 31 de agosto a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, quen explicou que a Xunta manterá a cobertura sanitaria -exclusivamente en Galicia- das persoas que soliciten a súa inclusión no programa dende a primeira asistencia médica que reciban a partir do 1 de setembro ata o momento en que se resolva a súa inclusión ou non no mesmo. A titular da carteira sanitaria do Executivo galego explicou que o Servizo Galego de Saúde vén de enviar a todos os seus centros e profesionais unha instrución detallando esta medida e referiu que dita instrución publicarase na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) e no Diario Oficial de Galicia. Tamén se terán en conta as situacións transitorias –de persoas que perden a condición de asegurado ou de persoas sen esta condición previa- e haberá unha prórroga de seis meses –só en Galicia- dende a primeira asistencia sanitaria para acceder a algunha das vías á asistencia sanitaria. Rocío Mosquera destacou que a inclusión no programa non xerará un dereito noutras comunidades autónomas nin no resto de países da Unión Europea; e lembrou, así mesmo, que hoxe se remitiron tamén aos centros do Sergas e ás unidades periféricas de tarxeta sanitaria as correspondentes instrucións. Mantense o requisito dos 183 días de empadroamento para ter dereito á inclusión no programa. Con este programa, segundo a Consellería, Galicia cumpre estritamente co establecido polo Real Decreto Lei 16/2012 e o Real Decreto 1192/2012, que permite que estes sexan complementados a través de programas sociais de saúde pública que estableza cada comunidade autónoma. Acceso ao sistema polas canles máis eficientesO Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública establecerá criterios de inclusión que permitirán diferenciar situacións de fraude ou turismo sanitario; pacientes con terceiro obrigado ao pago; e colectivos sen recursos que non dispoñan doutra vía de acceso. Deste xeito, a Xunta mantén todos os mecanismos de loita contra o fraude e o turismo sanitario ao tempo que garante o acceso ao sistema público de saúde a aquelas persoas residentes en Galicia sen recursos, en situación irregular ou que perderon o permiso de residencia por quedar no paro. Os obxectivos desta iniciativa, explicou a conselleira, é ofrecerlles a estes cidadáns unha asistencia sanitaria nos diferentes dispositivos e asegurar a axeitada protección da saúde colectiva en Galicia fronte ás enfermidades transmisibles. Así mesmo, desta maneira garántese o acceso ao sistema galego de saúde polas canles máis eficientes, sen restrinxilo para algúns colectivos só a través das urxencias hospitalarias ou os puntos de atención continuada (PAC), o que evitará eventuais saturacións destes servizos. No que atinxe á tramitación para ser incluído no Programa, a partir de mañá ás persoas que non teñan a condición de asegurado ou beneficiario remitiráselles ao INSS para que regularicen a súa situación. Se este lles denega o acceso a esta condición, ofreceráselles a posibilidade de adherirse a un convenio especial –se así corresponde- ou ao seu Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública. Vías de acceso á asistencia sanitariaMosquera explicou que o marco regulatorio anterior ao RDL 16/2012 tiña aspectos mellorables que este Real Decreto Lei soluciona: non garantía unha loita eficaz contra o fraude e o turismo sanitario; ocasionaba que o SNS asumise custes de asistencia a europeos no seu país de orixe; o aseguramento non se estendía a todos os cidadáns españois; e ocasionaba conflitos puntuais con pacientes desprazados entre comunidades autónomas. Tras a reforma que supón a entrada en vigor do Real Decreto Lei 16/2012 e o Real Decreto 1192/2012 esténdese o aseguramento a todos os cidadáns españois. A conselleira resaltou que é o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) quen recoñece a condición de asegurado e de beneficiario, tanto de oficio como a petición do propio interesado, e a tarxeta sanitaria é o documento que acredita  esta condición e, polo tanto, que da acceso ao sistema de saúde. Neste sentido, explicou que existen distintas vías de acceso: como traballador en activo; como pensionista da Seguridade Social; como perceptor de prestacións periódicas da Seguridade Social; por ter esgotado o subsidio de desemprego e estar apuntado no INEM; ou por non estar en ningunha destas situacións e non ter ingresos superiores a 100.000 euros anuais. Facturación a quenes están obrigados ao pagoA conselleira fixo especial fincapé en que, en todo caso, o Servizo Galego de Saúde continuará co programa de facturación segundo o cal sempre facturará, pola asistencia sanitaria e as prestacións realizadas a persoas non cubertas polo sistema, a todo aquel que estea obrigado ao pago. Convenios especiaisSegundo dixo a conselleira, os residentes en España que non poidan acreditar a súa condición de asegurado ou beneficiario poderán recibir asistencia gratuíta en situacións especiais, como a atención de urxencias; embarazo, parto e post-parto; menores de idade; solicitantes de protección internacional; e vítimas da trata de seres humanos en período de restablecemento e reflexión. Ademais, Mosquera indicou que o Ministerio de Sanidade está desenvolvendo convenios especiais para poder acceder á prestación da asistencia sanitaria mediante o pago da correspondente contraprestación ou cota. Estes acordos están principalmente dirixidos a españois que nunca traballaron e gañen máis de 100.000 euros ao ano; europeos con residencia legal en España anterior ao 24 de abril e que non cumpran os requisitos do aseguramento; e cidadáns de terceiros países que durante a súa estancia en España queiran formalizar un convenio para ser atendidos polo sistema público. Xuntanza co Foro Galego de InmigraciónA titular da carteira sanitaria do Executivo autonómico sinalou, por último, que o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Antonio Fernández-Campa, e o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes do Foro Galego de Inmigración, entidade formada por asociacións de inmigrantes ou que prestan servizo a este colectivo en Galicia. Nela, os representantes da Xunta informaron sobre o Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, e solicitaron a colaboración do Foro Galego de Inmigración para establecer mecanismos que permitan manter a loita contra o fraude e o turismo sanitario ao tempo que se garante o acceso ao sistema público de saúde das persoas residentes en Galicia sen recursos, en situación irregular. 



by Dr. Radut.