Jump to Navigation


PRETO DE 50 ALUMNOS DE ENFERMARÍA COMEZAN O SU PERÍODO DE PRÁCTICAS NOS HOSPITAIS DE FERROL

martes, 18 septiembre, 2012

 Un total de 49 alumnos e alumnas de terceiro curso do grao de Enfermaría comezan o seu período de prácticas nos hospitais da Área Sanitaria de Ferrol. Está mañá dábaselle a benvida nun acto específico no que estiveron presentes o xerente da Área, Ángel Facio; o director de Enfermaría da Área, Luis Arantón; a vicedecana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, María Jesús Movilla; o director de Procesos de Soporte da Área, Antonio Acevedo; e as subdirectoras de Enfermaría, Margarita Quintián e Esther Vidal. Estaban tamén os e as supervisoras de Enfermaría, e algúns dos profesionais que coordinarán a formación destes novos alumnos e alumnas. Estes alumnos adquirirán coñecementos nos ámbitos hospitalarios tanto médicos como cirúrxicos, en Saúde Mental, e en socioxeriatría. Estarán divididos en grupos que se incorporarán ós distintos departamentos en diferentes períodos temporais ó longo do total do seu curso académico. Estes alumnos e alumnas estarán acompañados nos centros polo seus titores. Estes alumnos únense ós de cuarto grao, ós que se lles daba esta mesma benvida o pasado ano, e que, dende a semana pasada, continúan tamén a súa parte práctica nos ámbitos de asistencia maternal e infantil, en servizos especiais como Urxencias e Unidade de Coidados Intensivos, ou en Medicina Familiar e Comunitaria. Acto de benvidaDurante este acto de benvida, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, destacou que “acoller alumnos sempre é un reto para a propia Área, e que se está incidindo moito na docencia en Ferrol”. Neste senso, recordou que Ferrol foi a primeira Área de Galicia, xunto con Coruña, en formar a especialistas de Enfermaría Familiar e Comunitaria. O xerente enfatizou que “o esforzo dos alumnos e alumnas ten que estar no paciente, en darlle as mellores prestacións”, e que “o que ensina ós profesionais é precisamente o coidado dese paciente”. Pola súa banda, o director de Enfermaría da Área, Luis Arantón destacou a implicación e interrelación da Área coa Universidade, e a importancia que isto ten para que “non se perda a conexión entre o ámbito docente e o ámbito asistencial; que se adquiran habilidades en torno ó paciente na propia realidade asistencial”, e que os alumnos teñan sempre en conta que, independentemente do aprendido, “a mesma patoloxía varía segundo a persoa”. Pola súa banda, a vicedecana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, María Jesús Movilla, quixo facer unha serie de “agradecementos en maiúsculas” á Área, “ós xestores polo feito de que en ningún momento nos impediron soñar con que as cousas podían facerse mellor, e ademais implicáronse no proxecto; ós supervisores, porque asumen unha responsabilidade máis; e, ós profesionais de Enfermaría polo seu esforzo, porque teñen ó alumno ‘pegado’ na súa actividade diaria”. Dirixiuse tamén ós alumnos para dicirlles que “sodes a segunda promoción de grao de Enfermaría, e tedes a responsabilidade de mellorar e de aproveita-lo tempo”. No acto de peche do acto, o director retomou a palabra para “agradecer o traballo de cada un dos profesionais da Área, porque Ferrol pode estar orgullosa dos profesionais que ten”; e aconsellou ós novos alumnos, “aprendede de tódolos profesionais, e coidade dos pacientes como vos gustaría que vos coidasen a vós e ós vosos familiares”. Claves para os alumnos de Enfermaría en prácticasNesta acto, tamén participaron o supervisor de Calidade, Jose Pesado Cartelle; e a supervisora de Formación, María Luísa Fraga Sampedro, introducindo ós presentes nas cuestións máis básicas nas que terán que afondar durante a súa estadía na Área, dende o lavado de mans, ata os rexistros de Enfermaría ou manuais de procedementos. Jose Pesado centrou a súa intervención en recordarlles que “un hospital é unha pequena cidade, coa súa burocracia interna, pero que ten un persoal moi especializado e que traballa con seres humanos. Isto é o que nos fai distintos”, enfatizou. Invitounos a recordar que o profesional de Enfermaría debe aplicar sempre metodoloxía científica (os distintos rexistros, ou o programa Gacela, por exemplo); coñecer os distintos procedementos de Enfermaría; activar os protocolos establecidos; adquirir unha visión holística da persoa, isto é, que o ou a paciente non é só unha persoa, se non el, o seu entorno, a súa familia e as súas circunstancias; e ter sempre presentes cuestións éticas e de humanización, rematou.  Pola súa banda, a supervisora de Formación, María Luísa Fraga, adiantoulles consellos prácticas no día a día, e invitounos a manter unha continua formación e unha relación estreita tanto co paciente como os profesionais doutras categorías. Destacou o importante da actitude, científica e responsable; de que os alumnos se familiaricen coas unidades; que manteñan a confidencialidade; que pregunten e observen; e que reflexionen sobre os contidos teóricos e prácticos. Docencia en EnfermaríaPor último, lembra-la importancia da docencia no ámbito da Enfermaría na Área Sanitaria de Ferrol, que se reflicte no feito de que en maio, por primeira vez, se incorporaba á formación en Ferrol o primeiro enfermeiro especialista. O Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade estableceu unha resolución pola que os catro centros de saúde acreditados para a docencia desta Área -Narón, Caranza, Serantes e Fontenla Maristany- poden formar na nova especialidade de Enfermaría de Atención Familiar e Comunitaria. En Galicia, só foron acreditadas Ferrol e Coruña. Creáronse Unidades Docentes Multidisciplinares, formadas por Profesionais Médicos Internos Residentes (MIR) e por profesionais de Enfermería Internos Residentes (EIR) na especialidade de Atención Familiar e Comunitaria.



by Dr. Radut.