Jump to Navigation


A CONSELLERÍA DE SANIDADE PRESENTA OS REQUISITOS PARA ACCEDER AO PROGRAMA GALEGO DE PROTECCIÓN SOCIAL DE SAÚDE PÚBLICA

miércoles, 19 septiembre, 2012

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, acompañada do secretario xeral técnico do seu departamento, Antonio Fernández-Campa, e do director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey, presentou hoxe os requisitos necesarios para acceder ao Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública.
 
Segundo explicou Mosquera, esta é unha iniciativa da Administración sanitaria galega para garantir a asistencia sanitaria dirixida especialmente a aqueles inmigrantes que residen de forma estable na nosa comunidade e non poidan acceder á condición de asegurados ou beneficiarios, e que ademais non teñen recursos suficientes; que tampouco poidan subscribir un convenio especial e, en consecuencia, non teñan dereito ás prestacións sanitarias por ningún outro medio.
 
O Programa entrará en vigor o vindeiro luns, despois de que a Consellería teña enviado as instrucións pertinentes aos centros do Sergas e aos departamentos territoriais. Ao mesmo tempo, os centros de saúde poñen a disposición dos pacientes os modelos de solicitude de acceso ao programa así como un tríptico explicativo, documentación que tamén estará dispoñible na páxina web do Sergas (www.sergas.es).
 
Tal e como subliñou a conselleira, os requisitos dados a coñecer hoxe permitirán diferenciar situacións de fraude ou turismo sanitario; pacientes con terceiro obrigado ao pago; e colectivos sen recursos que non dispoñan doutra vía de acceso. En consecuencia, a Xunta de Galicia mantén todos os mecanismos de loita contra o fraude e o turismo sanitario, ao tempo que garante o acceso ao sistema público de saúde a aquelas persoas residentes en Galicia sen recursos, en situación irregular ou que perderon o permiso de residencia por quedar no paro.
 
Os obxectivos deste Programa, -explicou a conselleira-, é ofrecerlles a estes cidadáns unha asistencia sanitaria nos diferentes dispositivos e asegurar a axeitada protección da saúde colectiva en Galicia fronte ás enfermidades transmisibles. Así mesmo, desta maneira, garántese o acceso ao sistema galego de saúde polas canles máis eficientes, sen restrinxilo para algúns colectivos só a través das urxencias hospitalarias ou os puntos de atención continuada (PAC), o que evitará eventuais saturacións destes servizos.
 
A conselleira enviou unha mensaxe de tranquilidade aos inmigrantes que dende o 1 de setembro deben actualizar a súa situación para acceder á asistencia sanitaria, e informou de que nestes primeiros 18 días o Servizo Galego de Saúde atendeu a 1.854 pacientes “sen cobertura” en actividade ordinaria, sen que se producira incidencia algunha. En total foron 3.058 citas programadas.
 
Rocío Mosquera subliñou que “con este programa queda pechada a reforma das vías de acceso á asistencia sanitaria en Galicia cun dobre obxectivo cumprido: garante a asistencia sanitaria aos residentes estables na comunidade, e establece mecanismos efectivos para a loita contra o fraude e o turismo sanitario”.
 
Requisitos
Os requisitos establecidos para ser incluído no Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública son, a cumprimentación da solicitude de alta, documento que inclúe o nome, apelidos, nacionalidade, país de procedencia, etc. Ademais, presentaranse declaracións responsable de ingresos en España ou calquera outro país, e de non ter acceso por outra vía á prestación sanitaria.
 
Outros documentos necesarios para a inclusión no programa son, o documento identificativo (DNI, TIE, pasaporte); o empadronamento en Galicia cunha antigüidade superior aos 183 días, e o libro de familia.
 
En Países da Unión Europea, do espazo económico europeo e da Confederación de Suíza e países con convenio bilateral, será necesario, así mesmo, o certificado de que non procede a exportación do dereito a asistencia sanitaria.
 
Igualmente, será necesario a presentación do IRPF ou autorizacion de consulta telemática e un certificado de ingresos no país de orixe.
 
Proceso administrativo e inclusión en función da situación social
A solicitude de inclusión no programa tramitarase no centro de saúde que corresponda por razón de residencia, e a unidade territorial de Tarxeta Sanitaria informará, de xeito motivado, se procede a inclusión no programa.
 
Na rolda de prensa de hoxe, a conselleira de Sanidade remarcou que se a solicitude non achega toda a documentación necesaria, a unidade territorial de Tarxeta Sanitaria poderá comprobar se o solicitante cumpre os requisitos, pero a súa situación social lle impide acreditalo coa documentación necesaria. Isto se poderá facer, con carácter xeral, mediante o informe dun traballador social do centro de saúde, do concello de residencia ou dunha ONG. Este é precisamente un dos puntos que a Consellería de Sanidade traballou coas ONG nas diversas reunións mantidas estas semanas.
 
A titular de Sanidade tamén sinalou o feito de que a unidade territorial de Tarxeta Sanitaria poderá iniciar o expediente de oficio cando a persoa non poida realizar o trámite por razóns de saúde. Do mesmo xeito, a unidade territorial poderá comprobar de oficio o cumprimento dos requisitos ás persoas que tiñan tarxeta sanitaria antes do 1 de setembro deste ano.
 
Ningún residente sen asistencia sanitaria e agradecemento aos ONGs
Rocío Mosquera volveu lembrar que as vías de acceso á asistencia sanitaria en Galicia son: obter a condición de asegurado ou beneficiario no Instituto Nacional da Seguridade Social e no Instituto Social da Mariña; subscribir convenio especial ou estar incluído en convenios colectivos específicos; estar incluído nalgún dos supostos de situacións especiais (menores; embarazo, parto e post-parto; urxencia, emerxencia ou risco vital; solicitantes de protección internacional; e, ademais, vítimas de trata de seres humanos); ou a adhesión ao Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública e ao Programa de Saúde Pública para enfermidades que supoñan risco para a comunidade.
 
Trala presentación dos requisitos de acceso, a conselleira de Sanidade remarcou que ningún residente en Galicia vai quedar sen asistencia sanitaria, e que a nosa Comunidade Autónoma cumpre estritamente a legalidade, complementando a reforma levada a cabo polo Estado, e ampliando e mellorando os seus programas de saúde para, deste xeito, poder manter os magníficos niveis de control das enfermidades transmisibles que se están a acadar.
 
Do mesmo xeito, sinalou que Galicia é unha comunidade solvente, e polo tanto ten a capacidade de dar cobertura sanitaria aos seus inmigrantes residentes estables, independentemente da súa situación, co que favorece o reequilibrio da realidade demográfica que supón ter unha das poboacións máis envellecidas de Europa.
 
Para rematar a súa intervención, Mosquera agradeceu o traballo realizado e a colaboración prestada polas distintas asociacións e ONGs, como o Foro Galego da Inmigración, Médicos del Mundo e Lazos Pro-solidaridad, entre outras, que, ao longo destas últimas semanas, veñen de reunirse cos directivos da Consellería de Sanidade coa fin de por en marcha este Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública.



by Dr. Radut.