Jump to Navigation


SANIDADE AMPLÍA A BIBLIOTECA VIRTUAL CUN NOVO BUSCADOR QUE DARÁ ACCESO A TEXTOS COMPLETOS E CON GRAN CAPACIDADE DE BÚSQUEDA

lunes, 8 octubre, 2012

 

A Biblioteca Virtual do Sistema Sanitario Público de Galicia (BiblioSaúde) acaba de incorporar o acceso ao recurso de información médica Uptodate, consolidado nos últimos anos como unha das ferramentas de información científica máis fiables do mundo. Con esta nova ferramenta, todo o persoal do Servizo Galego de Saúde pode acceder aos textos completos dende o seu posto de traballo ou dende o seu domicilio a través de Mergullador.

 

Bibliosaúde é a biblioteca virtual do sistema público de saúde, naceu para cambiar o sistema existente -con bibliotecas presenciais nos hospitais- a outro que estende o acceso á información a todos os centros sanitarios. Grazas a este proxecto ponse a disposición de todos os profesionais do ámbito da sanidade información relevante e técnica que lles permite a toma de decisións na práctica clínica, na xestión, na docencia e na investigación.

 

A nova ferramenta incorporada (Uptodate) ofrece unha información imparcial e baseada na evidencia médica; está deseñado para responder ás preguntas clínicas que xorden na práctica diaria de forma fácil e rápida e ten capacidade de busca optimizada que permite localizar múltiples termos para encontrar rapidamente respostas ás súas preguntas clínicas. A información que ofrece está continuamente actualizada e as revisións temáticas son realizadas por máis de 4.000 médicos expertos nas súas materias.

 

O profesional do Sergas pode acceder a Uptodate directamente dende a Biblioteca Virtual (recoñece as IPs do Sergas), escribindo a dirección http://www.uptodate.com,   ou dende o seu domicilio a través de Mergullador (http://mergullador.sergas.es) pulsando na pestana de recursos-e  e buscando Uptodate.

 

Permite acceder a máis de 9.500 recomendacións das especialidades de alerxia e Inmunoloxía, atención primaria, cardioloxía, cirurxía xeral, dermatoloxía, endocrinoloxía, enfermidades infecciosas, farmacoloxía, gastroenteroloxía, xeriatría, hematoloxía, medicina interna, medicina paliativa, nefroloxía, neumoloxía, neuroloxía, obstetricia  e xinecoloxía, oncoloxía, pediatría, psiquiatría, reumatoloxía, e urxencias de adultos e pediátricas.

 

Tamén dá acceso a máis de 450.000 referencias de Medline, con enlace ao texto completo se a revista está subscrita a Bibliosaúde; así como textos, gráficos e resumos.

 

Outra das funcionalidades coas que conta é o acceso á base de datos farmacolóxica e base de datos de interaccións, que conteñen máis de 4.600 fármacos internacionais  para pacientes adultos e pediátricos. Isto permite aos médicos verificar interaccións de risco entre fármacos, entre fármacos e plantas medicinais, e entre plantas medicinais entre si.

 

Update tamén proporciona outros servizos como calculadoras clínicas, que facilitan o cálculo automático de 97 táboas de cálculos clínicos, eliminando así a necesidade de recordar fórmulas ou de utilizar recursos diferentes. Ten unha sección de novidades que inclúe actualizacións de cambios na práctica clínica e un resumo dos achados máis importantes de cada especialidade dende a última versión; e información para o paciente.

 

Acceso á información as 24 horas do día

Bibliosaúde recibiu en novembro do pasado ano o VI Premio Nacional á calidade e innovación outorgado pola Asociación Española de Documentación e Información (SEDIC) como “mellor contribución” en iniciativas de centros de documentación e bibliotecas de ciencias da saúde.

 

Na actualidade, a biblioteca virtual está plenamente consolidada e poden acceder a ela non só os profesionais sanitarios, senón tamén os médicos en prácticas, constituíndo, deste xeito, unha axuda importante para a súa formación.

 

Bibliosaúde ofrece servizo as 24 horas do día a todos os hospitais do Sergas, a todos os centros de Atención Primaria e, ademais, aos servizos periféricos, departamentos territoriais provinciais, fundacións públicas e institutos asociados.

 

Todo o persoal do Sergas dispón de acceso á biblioteca virtual dende a Intranet ou dende Internet. Así mesmo, pódese acceder a coleccións de revistas médicas, a textos completos, libros e bases de datos, e dispón dun servizo de petición de artigos, busca bibliográfica, ou catálogo de libros on-line.



by Dr. Radut.