Jump to Navigation


O SERGAS COLGA NA SÚA PÁXINA WEB UN VÍDEO EXPLICATIVO COS PRINCIPAIS ASPECTOS DO PROGRAMA GALEGO DE PROTECCIÓN SOCIAL DA SAÚDE PÚBLICA

sábado, 13 octubre, 2012

 

O Servizo Galego de Saúde vén de colgar na súa páxina web un vídeo explicativo que, en poucos minutos, expón os aspectos principais do Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública, dirixido tanto aos profesionais sanitarios como á poboación en xeral.

 

O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a instrución de creación desta iniciativa, desenvolta coa colaboración das ONGs e dirixida a garantir a asistencia sanitaria especialmente a aqueles inmigrantes que residen de forma estable en Galicia e non poidan acceder á condición de asegurados ou beneficiarios, e que ademais non teñen recursos suficientes; e que tampouco poidan subscribir un convenio especial e, en consecuencia, non teñan dereito ás prestacións sanitarias por ningún outro medio, informa a Consellería de Sanidade nun comunicado.

 

O obxectivo deste Programa é ofrecerlles a estes cidadáns unha asistencia sanitaria nos diferentes dispositivos e asegurar a axeitada protección da saúde colectiva en Galicia fronte ás enfermidades transmisibles. Desta maneira, garántese o acceso ao sistema galego de saúde polas canles máis eficientes, sen restrinxilo para algúns colectivos só a través das urxencias hospitalarias ou os puntos de atención continuada (PAC), o que evitará posibles saturacións destes servizos.

 

Ao mesmo tempo, o Programa permite diferenciar situacións de fraude ou turismo sanitario; pacientes con terceiro obrigado ao pago; e colectivos sen recursos que non dispoñan doutra vía de acceso. Desta maneira, a Xunta de Galicia mantén todos os mecanismos de loita contra o fraude e o turismo sanitario, ao tempo que garante o acceso ao sistema público de saúde a aquelas persoas residentes en Galicia sen recursos, en situación irregular ou que perderon o permiso de residencia por quedar no paro.

 

Requisitos

Os requisitos establecidos para formar parte no Programa inclúen a cumprimentación da solicitude de alta; a presentación de declaración responsable de ingresos en España ou calquera outro país e de non ter acceso por outra vía á prestación sanitaria; e o o empadroamento en Galicia cunha antigüidade superior aos 183 días, entre outros.

 

Ademais, no caso de proceder dalgún país da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo e da Confederación Suíza, ou dalgún país non comunitario con convenio bilateral, será necesario, así mesmo, achegar o correspondente certificado de que non procede a exportación do dereito a asistencia sanitaria. Igualmente, será necesaria a presentación dunha copia da declaración do imposto sobre a renda -ou a autorización de consulta telemática da mesma- ou un certificado equivalente do país de orixe.

 

Límite: xuño de 2013

Así mesmo, para as persoas inmigrantes que a 1 de setembro se atopaban en posesión da tarxeta sanitaria individual do Sergas e que neste momento non teñan cobertura, habilitouse un procedemento máis sinxelo para o acceso ao programa no que unicamente deberán presentar a solicitude de inclusión no programa e a declaración responsable debidamente asinadas, sen que sexa necesario xuntar a documentación requirida se se da á autorización á Consellería de Sanidade para o acceso telemático aos datos precisos. Este procedemento extraordinario se atopará vixente ata o 1 de xuño de 2013.

 

As solicitudes tramitaranse no centro de saúde que corresponda por razón de residencia, e a unidade provincial de Tarxeta Sanitaria informará se procede a inclusión no programa.

 

Se a solicitude non achega toda a documentación necesaria, a unidade territorial de Tarxeta Sanitaria poderá comprobar se o solicitante cumpre os requisitos, pero a súa situación social lle impide acreditalo. Isto se poderá facer, con carácter xeral, mediante o informe dun traballador social.

 

Convenio co Instituto Nacional de Estatística

Doutra banda, a Consellería de Sanidade e o Instituto Nacional de Estatística veñen de asinar un convenio de colaboración sobre a comprobación da residencia que figura na base padroal para os titulares da tarxeta sanitaria en Galicia.

 

Deste xeito, facilítase ás persoas o acceso ao Programa Galego de Protección Social de Saúde Pública, que inclúe, entre os seus requisitos, o empadroamento en Galicia, dado que poderán substituír á presentación do certificado de empadroamento pola autorización á Administración sanitaria para obter electronicamente esta información.



by Dr. Radut.