Jump to Navigation


As matronas galegas celebran a Semana Mundial do Parto Respectado, tamén durante a pandemia.

martes, 19 mayo, 2020

A Asociación Galega de Matronas, xunto á Federación de Asociacións de Matronas de España (FAME), únense esta semana á celebración da Semana Mundial do Parto Respectado do 17 ao 23 de maio para lembrar que as decisións que as mulleres toman en relación aos seus partos e nacemento dos seus bebés deben ser respectadas, tal e como recolle o lema deste ano promovido desde a ENCA (Rede Europea de Asociacións do Parto).


O parto respectado defínese coma un parto no que a muller conta con toda a información avalada pola evidencia científica para poder tomar unha decisión libre e informada sobre o seu proceso asistencial e o do seu bebé, e no que se conta cunha asistencia humanizada por parte dos profesionais da saúde, que prestan atención tanto aos factores físicos coma aos psicolóxicos e emocionais que interveñen nun hito tan importante na vida como o é o parto e o nacemento. O parto respectado pode ser un parto natural ou un parto con intervencións, o importante é que a protagonista sexa a muller.


Nunhas datas tan sinaladas coma as da celebración da Semana Mundial do Parto Respectado, as matronas mantemos o noso compromiso de velar pola saúde das mulleres e lembramos de novo á administración a necesidade en tempos de Covid-19 dun procedemento unificado común de atención ás embarazadas para todos os hospitais galegos, ademais da publicación  dunha guía de recomendacións para as familias que garanta o acceso a información sobre o embarazo, parto e nacemento nestes tempos de crise sanitaria.


Como profesionais, temos o deber de proporcionar o mellor acompañamento á muller, a súa parella e o seu bebé para que a experiencia do nacemento sexa satisfactoria e gratificante. Para iso é preciso que a muller reciba toda a información posible sobre a súa situación e así poida tomar unha decisión libre e informada. As decisións da nai deben ser respectadas, e as matronas temos un compromiso de apoio ás mulleres nas súas decisións. Por iso, é prioritario que a matrona sexa o profesional de referencia no equipo sanitario que atende un parto e nacemento e tamén no seguimento do embarazo normal e do puerperio. Isto xunto con uns ratios adecuados 1 matrona/1 muller (one to one) é unha garantía para asegurar un parto respectado. Pon unha matrona na túa vida! Mulleres e matronas, unha vida xuntas.




by Dr. Radut.