Jump to Navigation


Os hospitais da Área Sanitaria ferrolá son declarados Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

Os centros xa colaboran na docencia de grao dos alumnos da Escola Universitaria de Enfermería
viernes, 30 noviembre, 2012

 

Os centros hospitalarios da Área Sanitaria de Ferrol (Arquitecto Marcide, Naval e Novoa Santos) foron declarados Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF). Esta declaración dos centros como Universitarios concretouse na xuntanza da Comisión Mixta entre a Universidade de A Coruña e o Servizo Galego de Saúde, que tiña lugar este mes en Santiago de Compostela. “Trátase dunha reivindicación cumprida; que recoñece o importante e fundamental traballo realizado polos nosos profesionais. E nós non podemos máis que agradecer ese esforzo a tódalas persoas que o teñen feito posible tanta da nosa Área como de fóra da mesma”, indicou o xerente da Área, Ángel Facio Villanueva.

Pola súa banda, Antonio Acevedo Prado, responsable da Dirección de Procesos de Soporte -que se ocupa das cuestión relativas á docencia, a investigación e á calidade-, remarca que “con esta declaración como Complexo Hospitalario Universitario, ábrense  novas vías no campo asistencial, docente e investigador; e se nos sitúa a nivel dos hospitais máis punteiros do noso entorno”.

“Complétase unha posta decidida pola docencia posgrao, afondando na docencia pregrao”, matiza. Segundo o Sergas, a área ferrolá xa conta coa docencia posgrao dos MIR, FIR, PIR ou EIR, entre outros, que é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada. Ademais, ata a actualidade, o Complexo Hospitalario Arquitecto estaba certificado como Hospital Asociado á Universidade de A Coruña; e colaboraba na docencia de grao en período lectivo, no caso de alumnos da Escola Universitaria de Enfermería e Podoloxía do Campus de Ferrol da citada Universidade. Xunto con isto, recibe alumnos de outras titulacións como Farmacia, Odontoloxía, Matemáticas, Bioloxía, Química, Ciencias Empresariais ou Traballo Social, para a realización de prácticas preprofesionais mediante acordos rubricados entre o Sergas e as distintas Universidades.

Esta área colabora igualmente, engade o Sergas, en aspectos formativos con centros de Formación Profesional nos ciclos de Informática, Nutrición e Dietética, Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría, e Técnicos de Laboratorio, Farmacia e Documentación Clínica, entre outros. A Área Sanitaria de Ferrol recibe tamén anualmente alumnos da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela para a realización de prácticas, en período non lectivo. Que o Complexo Hospitalario sexa Universitario capacítao para acceder á formación pregrao de alumnos desta Facultade tamén en período lectivo.

Requisitos para maior calidade

Na Área Sanitaria de Ferrol, creouse unha Comisión, no ano 2009, para impulsar este proceso de declaración de Hospital Universitario; e os requisitos que se esixen ós centros para acadar isto non están orientados unicamente á área da docencia (infraestrutura suficiente para o desenvolvemento da investigación clínica e científica, como aulas, bibliotecas, ou salas específicas para a investigación), senón que tamén abranguen o ámbito organizativo e de recursos humanos, como que exista unha carteira de servizos determinada, e uns ratios de persoal e de actividade cirúrxica e de consultas establecido.

A área cumpre con todos estes requisitos de estrutura de xestión, Servizos, e Unidades establecido nas distintas áreas; e conta cun número amplo de pacientes e patoloxía que facilita a relación alumno paciente, e que permite ós alumnos facer diagnóstico, coidados e desenvolvemento do plan terapéutico.

En Ferrol, na actualidade, hai unha Unidade de Investigación que dá apoio e soporte á actividade investigadora de centro e ás liñas de investigación en curso; e existe unha Fundación, a Profesor Novoa Santos, que se encarga da promoción e o fomento das actividades investigadoras mediante apoio administrativo, soporte xurídico, ou económico. Conta tamén esta Área cun Servizo de Biblioteca totalmente equipado con ó redor de 7.000 volumes e 4.000 publicacións periódicas relacionadas coas Ciencias da Saúde, e axeitadamente catalogadas.

Esta Biblioteca forma parte da rede BiblioSaúde, biblioteca virtual con acceso vía electrónica a recursos dispoñibles noutras bibliotecas do sistema sanitario público galego. E, ademais, conta xa co primero catálogo on-line das bibliotecas sanitarias galegas (BICO), iniciativa pioneira en España mediante a que tódalas bibliotecas sanitarias da Consellería de Sanidade dan un paso máis no traballo colaborativo, e con tódolos seus fondos integrados e consultables dende calquera lugar. É posible localizar máis de 45.000 documentos.

Esta área ten a disposición tamén diferentes aulas polivalentes para a docencia e a investigación cunha capacidade total para a docencia de ó redor das 500 persoas. Entre estas aulas os profesionais contan cunha aula específica de informática con 20 postos no Hospital Arquitecto Marcide, á que se engade unha nova aula habilitada e totalmente equipada no Hospital Naval. A isto engádense os dous salóns de actos, un en cada un dos citados centros, para a celebración de seminarios, simposios, xornadas, congresos ou conferencias.

No ámbito da actividade diaria, o aspecto docente reflíctese tamén na existencia dunha programación de actividades e sesións clínicas periódicas por Servizo. Estes Servizos teñen ademais unha serie de compromisos de actividade recollidos nos contratos de obxectivos onde se inclúen actividades e obxectivos neste eido que deberán ser acadados ó longo do ano.

“A certificación como persoal universitario repercutirá de forma positiva, non só no aspecto docente, senón no ámbito da investigación e da propia asistencia”, engaden dende a Dirección de Procesos. “Isto permitirá abrirnos a novas vías de investigación, participar en novos grupos de investigación, ser máis competitivos á hora de se presentar ás distintas convocatorias; e, no plano asistencial, obrigará a manter uns estándares de calidade para seguir estando acreditados. É un grande acicate para que os nosos profesionais afonden na súa formación e se abran ó campo docente”, rematan dende esta Dirección.

Auxe certificador, e Ferrol como iniciador

Por outra banda, remarcar tamén que esta Área Sanitaria de Ferrol deu nestes últimos anos un especial pulo á acreditación da formación sanitaria especializada (MIR, FIR, PIR, EIR...) para a docencia das distintas especialidades dos centros da Área, que é a máxima titulación que existe no ámbito especializado. En setembro deste ano, acreditábase a nova Unidade Docente de Dermatoloxía. Con esta, suman xa 17 as especialidades acreditadas na Área: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, e Neuroloxía.

Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), e a Enfermaría Familiar e Comunitaria. No caso desta especialidade, Ferrol é unha das primeiras Áreas, xunto con Coruña en realizar esta formación, e é a segunda promoción a nivel estatal. Xunto con isto, son catro os centros de saúde habilitados para ofrecer formación, o recentemente acreditado Fontenla Maristany, e os centros de Caranza, Serantes, e Narón.

Estanse a incorporar estas novas especialidades de xeito progresivo. Así, as e os profesionais podían escoller a especialidade de Uroloxía, no ano 2010; no ano 2011, podían formarse en Radiodiagnóstico; neste ano 2012, incorpórase o primeiro residente de Oftalmoloxía, especialidade que se acreditaba o pasado ano. Incorporábanse tamén á docencia o centro de saúde fontenla Maristany e a Enfermaría Familiar e Comunitaria. A estas acreditacións, engádese este ano a de Neuroloxía e de Dermatoloxía, á que poderán optar os futuros residentes, se así o desexan, no vindeiro ano 2013.

En total, en toda a Área Sanitaria de Ferrol, hai 66 profesionais que durante este curso están a realizar a súa residencia, actividade que non sería posible sen o traballo dos titores e colaboradores correspondentes.



by Dr. Radut.