Jump to Navigation


A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) organiza a "II Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia. A resposta institucional ao abuso sexual intrafamiliar"

Descripción: 

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) organiza a "II Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia. A resposta institucional ao abuso sexual intrafamiliar", na que contrastados especialistas en dereito e psicoloxía infantil ofrecerán relatorios nos que se afondará nesta acuciante problemática social. As xornadas desenvolveranse o vindeiro sábado 26 de xaneiro no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204, Ferrol) dando inicio as charlas ás 10.00h da mañá e rematando ás 14.00h.

 

Coa II Xornada sobre o maltrato a menores, AGAMME pretende sacar á luz pública unha problemática que tende a permanecer oculta e deformada por clixés e prexuízos: o abuso sexual infantil no ámbito familiar. Con estes catro relatorios introdúcense ademais os aspectos máis relevantes que dificultan a correcta atención das vítimas por parte das institucións, especialmente no que se refire á avaliación do testemuño e ao tratamento que nos máis dos casos reciben dentro do sistema xudicial.

 

A xornada dará inicio ás 10.00h da mañá cunha presentación das xornadas por parte dun membro de AGAMME. Ás 10.20h a psicóloga Carolina Iglesias abrirá a charla cunha palestra sobre "O abuso sexual intrafamiliar. Mitos e realidades". A continuación, ás 11.20h, a avogada e investigadora en Dereitos Humanos, María Naredo, desenvolverá a primeira presentación en Galicia do informe "A xustiza española fronte ao abuso sexual infantil na contorna familiar. Unha análise de caso á luz dos estándares internacionais de dereitos humanos". Logo dunha pausa para o café, a xornada reanudarase ás 12.20h coa intervención da responsable de Advocacy e Campañas da organización non gobernamental Save the Children, para presentar o recente informe "Infancia e xustiza: unha cuestión de dereitos". Finalmente, ás 13.10h, o psicólogo Manolo Lopo, falará sobre "A síndrome de alienación parental, o sensentido dunha polémica".

 Se precisan máis información ou aclarar algunha dúbida non teñen máis ca solicitala neste enderezo electrónico ou nos teléfonos 636142012 ou 616035193.

 

Fecha: 
sábado, 26 enero, 2013


by Dr. Radut.