Jump to Navigation


O Sergas reduce a menos do 2% os pacientes que desenvolven unha úlcera por presión na súa estadía hospitalaria

Para o 2013 amósase máis ambicioso e pretende situar esta porcentaxe en cifras inferiores ao 1,8%
martes, 5 marzo, 2013

A taxa de incidencia de úlceras por presión de orixe hospitalario estase a comportar de xeito moi positivo ao longo dos últimos catros anos nos hospitais do Sergas. Mentres en 2009 e 2010, casi tres de cada 100 pacientes desenvolveran unha úlcera por presión, no pasado ano a incidencia deste evento adverso situose en menos do 2%, concretamente no 1,9%. Para o 2013 o Sergas amósase máis ambicioso e pretende situar esta porcentaxe en cifras inferiores ao 1,8%. As úlceras por presión que se xeran no entorno asistencial pódense previr nun 95% dos casos, mediante a aplicación de coidados axeitados.

Estes bos resultados son consecuencia da posta en marcha, por parte do Servizo Galego de Saúde, dun programa de prevención de úlceras por presión en pacientes hospitalizados, enmarcado dentro da Estratexia Sergas 2014, segundo explican nunha nota de prensa.

Mediante este plan, o Sergas tenta diminuír a incidencia das úlceras por presión por baixo dos estándares marcados; identificar e cuantificar aos pacientes con risco para previlo e, ademais, establecer coidados preventivos individualizados. O plan significa, tamén, unha actitude decidida por parte de todos os profesionais, cara á mellora continua así como o fomento da seguridade do paciente como dimensión clave da calidade asistencial.

 

Máis do 80% dos pacientes valorados

No 2012, ao 81,3% dos pacientes ingresados nos hospitais do Sergas se lles realizou a valoración de risco de úlceras por presión. Isto supón unha mellora respecto a estes anos previos, posto que no 2011 a porcentaxe de pacientes valorados foi do 70,4%, e no 2009 do 50,60%. A porcentaxe de pacientes valorados que resultaron con risco de ulceración sitúase ao redor do 40%.

O Sergas destaca que, dende o ano 2009, dispón de indicadores de proceso e resultado para poder realizar o seguimento dos plans de prevención de úlceras por presión. Estes indicadores foron elaborados e consensuados no seo dun grupo de traballo de expertos en coidados e, dende o 2010, faise un seguimento, hospital por hospital. Logo de presentarse os resultados aos responsables de calidade dos centros, propóñense accións de mellora específicas. Neste eido, cabe sinalar tamén que a historia clínica electrónica (IANUS), que está en todos os hospitais do Sergas, ten integrado un programa de coidados de enfermería.

O Sergas agradeceu aos profesionais pola súa dedicación e o bon traballo que están a realizar, grazas aos cales é posible continuar a mellorar a calidade asistencial e a sanidade pública galega.



by Dr. Radut.