Jump to Navigation


A conselleira de Sanidade presentou ao novo xerente de xestión integrada da Coruña

viernes, 8 marzo, 2013

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, presentou ante os profesionais a Francisco José Vilanova Fraga como novo xerente de Xestión Integrada da Coruña, un acto no que tamén estivo presente a xerente do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez González, así como o ata agora xerente, Alfredo García Iglesias. A conselleira de Sanidade agradeceu a Alfredo García, que cesa por motivos de xubilación ao cumprir 65 anos no vindeiro mes de xuño, o seu traballo durante estes anos que, entre outros logros significativos, permitiu implantar a estrutura de xestión integrada nesta área.

A este respecto, Rocío Mosquera lembrou que é necesario aplicar fórmulas que permitan poñer ao paciente no centro do sistema, ofrecéndolle unha atención integrada, sen chanzos, e para elo é imprescindible utilizar as ferramentas da xestión clínica e a xestión por procesos, que facilitan a integración entre niveis asistencias e permitan diminuír a duplicidade de probas, os desprazamentos e os ingresos hospitalarios innecesarios e a variabilidade asistencial. Na súa intervención no acto salientou, así mesmo, o recoñecido prestixio profesional do novo xerente, remarcando  o seu compromiso profesional e persoal co sistema sanitario público.

Pola súa banda, Francisco Vilanova amosou a súa satisfacción por atoparse ante o reto que supón o cargo, importante e ilusionante, e para o que solicitou a colaboración e participación de todos os profesionais. Sinalou o pulo ás obras do Plan Director do C. H. Universitario da Coruña así como o seguir avanzando no proceso de xestión integrada, como dúas das súas prioridades máis destacadas.

Experto en xestión sanitaria

O novo xerente de Xestión Integrada da Coruña é un experto en xestión sanitaria, tanto pola súa formación académica como pola súa traxectoria profesional, desenvolvendo diversos cargos directivos nos diferentes ámbitos da administración dos servizos públicos de saúde, así como en varios centros hospitalarios, informou o Sergas nunha nota.

O novo xerente naceu en Laracha no ano 1961, e é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago. Entre a súa formación académica, conta co Curso de Especialista en Xestión Sanitaria e co Máster en Xestión Sanitaria, ambos da Universidade da Coruña; e tamén co Programa de Alta Dirección en Institucións Sanitarias da Universidade de Navarra IESE en Madrid 2001. Na actualidade ocupaba, dende o ano 2009, o cargo de xerente do Hospital Universitario Lucus Augusti, na cidade da Muralla.

Con anterioridade, Vilanova Fraga ocupou o cargo de coordinador de consultas externas na Dirección de área de Ferrol. Tamén exerceu como director de Organización e Xestión Clínica do CHUAC. Ademais, foi membro do consello de administración do Hospital Virxe da Xunqueira. Engadido a todo o sinalado, Vilanova Fraga foi director médico do Hospital Provincial de Pontevedra, e ocupou postos directivos no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Tamén foi subdirector xerente da Clínica Universitaria Puerta de Hierro de Madrid.



by Dr. Radut.