Jump to Navigation


O Sergas constitúe o pleno do Observatorio de Violencia Laboral

A enfermería está representada pola secretaria do Consello Galego de Enfermería
lunes, 18 marzo, 2013

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, presidiu esta mañá a constitución do Pleno do Observatorio de violencia laboral coa intención de que actúe como órgano colexiado que sirva de foro de diálogo permanente entre a administración sanitaria e outros colectivos e institucións representativas da sociedade galega. A enfermería está representada neste Observatorio pola secretaria do Consello Galego de Enfermería e presidenta do Colexio de Lugo, Lourdes Bermello López.


Nesta primeira sesión, presentáronse os resultados dos traballos da Comisión Técnica do Observatorio de Violencia Laboral, que se reflicten na elaboración dunha Guía informativa sobre violencia laboral de orixe externa. Así mesmo, asinouse unha Declaración de Principios co compromiso de rexeitar conxunta e abertamente a violencia en todas as súas manifestacións.


Esta e outras actuacións integraranse no Plan de Prevención de Violencia do Sergas, unha ferramenta na que participan os representantes sindicais e coa que se pretende “conseguir que este tipo de situacións conflitivas deixen de ser un problema emerxente e poidan reconducirse a través do diálogo e a información”, segundo informou o Sergas.


Entre outros aspectos, o Plan de Prevención orientarase á mellora da xestión dos episodios de violencia e da atención profesional, a elaboración dun mapa de riscos e dun plan de seguridade, accións formativas e de concienciación para profesionais e usuarios, deseño dos espazos públicos nas novas infraestruturas, e a busca de novas colaboracións con outras institucións.


No Servizo Galego de Saúde os episodios de agresión a profesionais sanitarios reducíronse nun 32% no 2012 en relación co ano anterior. Segundo o tipo de agresión, dos 188 episodios rexistrados, un 73,9% refírese á violencia verbal ou xestual, e un 26,1% é violencia física.  


 


Antecedentes


En 2010 creouse o Observatorio de Violencia Laboral no contorno das institucións sanitarias do Sergas coa misión de describir a situación e a evolución, e para levar a cabo unha análise de necesidades que contribúa, en colaboración cos profesionais, axentes sociais e outras institucións, a elaborar estratexias e políticas preventivas axeitadas.


Seguindo unha liña xa iniciada no eido da atención primaria, dende o año 2011 os  profesionais das urxencias hospitalarias dispoñen de sistemas de aviso nos seus ordenadores que poden activar en caso de necesidade, alertando de situacións de violencia ao persoal de seguridade.


En setembro de 2012 asinouse coa Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia un convenio de colaboración para desenvolver diferentes accións coas que garantir a protección dos profesionais, implantándose os medios e canles necesarios para informar e asesorar a todos os profesionais da sanidade acerca dos pasos a seguir en caso de sufrir unha agresión.


A colaboración entre institucións é unha das liñas de actuación definidas pola Consellería de Sanidade e así, ademais da Fiscalía, tamén se realizaron actuacións coa USC e se está a traballar cas forzas de seguridade do Estado a través da Delegación do Goberno para mellorar procedementos internos e reforzar a seguridade de todos os centros.



by Dr. Radut.