Jump to Navigation


A Área Sanitaria de Ferrol estreou o seu 'Hospital Virtual' co I Taller de Endoscopia aplicada á enfermidade inflamatoria intestinal

Foi a primeira experiencia de este tipo a nivel nacional
lunes, 15 abril, 2013

 “É un proxecto que parte dos profesionais e que aproveita os recursos que existen no centro hospitalario para mellorar na formación”, así se refire o cirurxián da Área ferrolá, titor de residentes desta especialidade, e coordinador do proxecto, Ramón López de los Reyes, ó novo Hospital Virtual da Área Sanitaria de Ferrol. Este Hospital Virtual , informa o Sergas, está emprazado no cuarto andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario ferrolá e conta con dúas aulas de simulación -unha sala de habilidades laparoscópicas e endoscópicas e unha de habilidades médicas-, ás que se engade unha aula dotada con medios audiovisuais.

 
Nas III Xornadas de Investigación da Área, que se organizaban en febreiro, adiantábase a posta en marcha deste proxecto, que se activa e estreou o venres pasado, co I Taller de Endoscopia aplicada á Enfermidade Inflamatoria Intestinal. Este taller é o primeiro destas características de especialidade a nivel nacional, e, neste senso, tanto os profesionais de Dixestivo como o citado cirurxián destacan a importancia de que “en Ferrol coincidan dúas cousas así”. “Aulas de simulación deste tipo existen moi poucas a nivel nacional e, en Galicia, só na Coruña e no Hospital Veterinario Rof Codina de Lugo”, indica Ramón López; e, por outra banda, Javier Castro Alvariño, responsable de Dixestivo remarca que “é unha gran satisfacción para nós que o primeiro encontro destas características que se realiza a nivel nacional sexa en Ferrol e nesta novo espazo, cuxas posibilidades docentes son enormes”.
 
O I Taller de endoscopia aplicada á Enfermidade Inflamatoria Intestinal reuniu a 40 especialistas nesta enfermidade. Está dirixido por expertos a nivel nacional, e abordou dun xeito teórico e fundamentalmente práctico as distintas técnicas específicas endoscópicas, tanto na vertente diagnóstica como terapéutica, que son aplicables na atención da Enfermidade Inflamatoria Intestinal, e que se desenvolven xa nesta Área. Supón igualmente a práctica sobre modelos endoscópicos con material animal, que funcionarán como simuladores. Lembrar neste senso que o Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Universitario é un dos poucos hospitais españois onde a endoscopia está aplicada e integrada á consulta monográfica sobre esta enfermidade.
 
Hospital Virtual, simulación
“A simulación -recrear de forma artificial procesos reais- para conseguir o obxectivo da aprendizaxe debería ocupar un lugar importante na formación”, indica Ramón López de los Reyes, que, tras coñecer experiencias destes Hospitais Virtuais noutras comunidades autónomas, púxose en contacto con outros profesionais da Área coa fin de recrear un en Ferrol. O novo Hospital virtual supón crear unha aula de simulación laparoscópica (a laparoscopia é unha técnica cirúrxica minimamente invasiva que evita a realización de grandes incisións cirúrxicas); e aglutina nunha aula de habilidades para facilitar o seu manexo todo o material e parataxe dispoñible, tanto novo como xa existente, que se emprega na Área para as distintas actividades formativas. “Trátase de integrar nun tódolos esforzos individuais de cada Servizo”, subliña o cirurxián, Ramón López de los Reyes.
 
O Sergas explica que a simulación permite un primeiro coñecemento teórico da técnica que se vai realizar, e facelos primeiros adestramentos clínicos antes da súa aplicación ó paciente. Ademais, este adestramento pódese realizar tantas veces sexa necesario; mellora a técnica de aprendizaxe, eliminado o estres que supón realizala cun paciente; e, paralelamente, mellora tamén a seguridade do paciente. En definitiva, acúrtase e mellórase a capacitación en determinadas técnicas médico cirúrxicas; e facilita o adestramento para futuras situacións clínicas complexas. No que se refire á laparoscopia, só o feito de practicar, aínda que sexa con material animal e inerte, supón un manexo do instrumental e unha adaptación visual á técnica.
 
Este novo Hospital Virtual servirá para a realización de cursos programados, para a formación de novos especialistas e de alumnos de medicina, ademais de para a formación continuada de profesionais sanitarios, tanto facultativos como de enfermaría, xa en activo, e tanto do centro hospitalario como dos centros de saúde da Área. Organizarase de tal xeito que se poda traballar tanto en grupo como a nivel individual.
 
Aulas de habilidades
O proxecto de Hospital Virtual conta cunha sala de habilidades laparoscópicas e endoscópicas, duns trinta metros cadrados, dotadas cun conxelador e un frigorífico para o mantemento do material orgánico, armarios para a almacenaxe, tomas de auga e un ordenador con acceso a internet. Consta de cinco torres laparoscópicas, cos seus respectivos endotrainers(simulador de cavidade abdominal) para laparoscopia dixestiva, xinecolóxica e urolóxica, e simuladores para artroscopia (acceso minimamente invasivo ás cavidades articulares realizando a intervención con parataxe específico e un sistema óptico); un equipo para a práctica de laparoscopia de porto único; e dúas torres de endoscopia dixestiva dotadas de duodenoscopio para CPRE (estudo e tratamento da vía biliar dende o intestino), gastroscopio, enteroscopio e colonoscopio.
 
Outra sala de semellantes dimensións resérvase para as habilidades médicas, e está dotada con armarios para a almacenaxe dos maniquíes simuladores, tres mesas para a realización de prácticas e unha padiola. Conta tamén cun ecógrafo e un respirador pediátrico. Entre outro moito material, figuran manequíns para Resucitación Cardio Pulmonar; simulación de broncoscopia; parataxe de toraconcentesis; de punción lumbar; de canalización de vías periféricas, centrais e con control ecográfico; de sondaxe vesical; de fondo de ollo; adestrador de parto; ou acceso vascular pediátrico.
 
Por último, completa este Hospital Virtual unha sala con capacidade para en torno ás 30 persoas, con medios audiovisuais e sala de lectura.
 
Dos profesionais e para os profesionais
“A experiencia da simulación era posible se contábamos coa infraestrutura necesaria; e, neste senso, a Dirección de Soporte da Área, con Antonio Acevedo como responsable, e a Comisión de Docencia, con Juan Antonio Garrido, apoiou dende un primeiro momento este proxecto”, explica o cirurxián Ramón de los Reyes. “O seguinte paso era obter a tecnoloxía necesaria para realizar inicialmente simulación laparoscópica; e o interesante neste punto é que é un proxecto que partiu da colaboración dos profesionais, e que en tempos complexos, soubemos aproveitar os recursos. Hai tecnoloxía, que aínda activa, foi substituída por outra máis avanzada para beneficio do paciente, e que a nós nos serve para exercitar algunhas técnicas e ofrecer mellor formación ós novos residentes”, afonda.
 
“Durante a procura de material -continúa este cirurxián- foron xurdindo novas ideas e motivacións, e outros materiais que estaban dispersos polos distintos servizos do Hospital e ó que se lle podía dar uso común. Entón integrouse nun só proxecto toda a simulación médica e cirúrxica”.
 


by Dr. Radut.