Jump to Navigation


A Xunta aproba o proxecto de lei que permitirá a libre elección de personal de enfermaría

O texto tamén ofrece a posibilidade aos usuarios de decidir cal será o seu médico, pediatra ou hospital
viernes, 3 mayo, 2013

 O Consello Galego aprobou onte o proxecto de Lei de garantías de prestacións sanitarias que, ademáis de fixar esperas máximas para operacións ou consultas, outorga as garantías necesarias aos usuarios do sistema público de saúde de Galicia para a libre elección de médico de familia, de pediatra, de persoal de enfermaría e de centro hospitalario. Tamén outorga as garantías para a solicitude dunha segunda opinión médica, para a formulación das instrucións previas e, ademais, para a información dos dereitos, deberes, servizos e programas do sistema público de saúde de Galicia. Segundo informa o Sergas, a lei garante aos pacientes a libre elección de médico de familia, de pediatra e persoal de enfermaría, así como de centro hospitalario. Para tal efecto, o paciente poderá realizar a elección de centro hospitalario no momento en que o médico de familia o derive por motivo de enfermidade e poderá facer a elección para cada proceso novo de enfermidade. Respecto da segunda opinión médica, o paciente poderá solicitala para un número de procesos maior que na actualidade. No que atinxe ao documento de instrucións previas, no cal o paciente deixa constancia da súa vontade para o momento en que pola enfermidade non poida expresala, poderá formalizarse ante as persoas encargadas do Rexistro Galego de Instrucións Previas, xa que ata o de agora só podían formalizarse ante notario ou diante de tres testemuñas sen relación familiar ou patrimonial. Xunto con todo o anteriormente sinalado, no anteproxecto establécese, respecto dos dereitos e deberes, que os centros sanitarios deberán dispoñer de información clara, veraz, accesible e transparente para as diferentes garantías. Ademais, recóllese a creación dun sistema de información que é fundamental para coñecer os progresos e avances nos obxectivos do sistema de garantías e, igualmente, un sistema específico de información personalizada para os pacientes. 



by Dr. Radut.