RESOLUCIÓN, con carácter definitivo, do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2023 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos

De conformidade co previsto na base oitava da Resolución do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro), pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 86, do 5 de maio), e tras seren valoradas as reclamacións presentadas contra a Resolución do 20 de setembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 184, do 27 de setembro) pola que se publicaron as puntuacións e destinos provisionais obtidos, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE: 

Primeiro. Declarar resolto definitivamente o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2023 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, coa adxudicación dos destinos que se indican no anexo desta resolución. 

Con esta resolución remata a adxudicación correspondente ao ano 2023, logo de se publicar a Resolución do 29 de setembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 196, do 16 de outubro) pola que se resolve o concurso na categoría de médico/a de familia de atención primaria. 

Segundo. As listas coas puntuacións e, de ser o caso, os destinos definitivos asignados en cada unha das categorías están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). 

Ademais, o estado de cada solicitude pode consultalo o/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos. 

Terceiro. De conformidade co previsto na base novena da Resolución do 20 de novembro de 2017, modificada pola Resolución do 25 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 86, do 5 de maio), os/as concursantes que obteñan praza neste proceso deberán cesar na que, de ser o caso, desempeñen dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique esta resolución. 

Por necesidades organizativas e co obxecto de preservar o normal funcionamento das institucións sanitarias no proceso de incorporación dos/das profesionais como consecuencia da resolución deste proceso, os/as profesionais que estean a prestar os seus servizos no Sistema público de saúde de Galicia cesarán o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De conformidade co artigo 30, número 2, do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, a toma de posesión do novo destino obtido débese efectuar dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde; no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. 

Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos. 

Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles/as adxudicatarios/as de praza no concurso que xa estean ocupando praza con carácter definitivo no mesmo centro de destino ou en virtude de comisión de servizos ou reingreso provisional. 

No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

Quinto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir da mesma data.

CONSULTA AQUÍ OS DESTINOS ADXUDICADOS.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas