A consulta de tabaquismo do CHUF atende actualmente 66 pacientes

Fonte: Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS

  • Este e outros datos facilitáronse na sesión sobre o Tabaquismo que se celebrou no salón de actos do Hospital Naval por mor do Día Galego sen Tabaco
  • Pasaron xa por esta consulta dende o seu inicio un total de 135 pacientes, dos que 23 xa remataron o ciclo de recuperación con máis dun ano sen fumar; 29 están en proceso, e 37 están en fase de preparación
  • Na Área Sanitaria de Ferrol hai un Comité de Prevención do Tabaquismo que aborda todas as cuestións sobre o tabaco de xeito conxunto e multidisciplinar
  • A Área Sanitaria de Ferrol sumábase en remoto, como o resto das áreas sanitarias de Galicia, aos actos da Consellería de Sanidade neste día


A Área Sanitaria de Ferrol sumouse hoxe ao Día Galego sen tabaco e aos actos que convocou a Consellería de Sanidade por mor deste día. Unha das actividades foi unha charla coloquio que impartiu a profesional de Enfermaría de Pneumoloxía, Pilar Darriba Rodríguez, sobre as Experiencias da Consulta de Enfermaría en hábito tabáquico. Neste ámbito, explicou que esta consulta esta a atender na actualidade un total de 66 pacientes, pero dende o seu inicio pasaron xa por esta consulta un total de 135 pacientes, dos que 23 xa remataron o ciclo de recuperación con máis dun ano sen fumar; 29 están en proceso; e 37 están en fase de preparación.

Esta charla foi no salón de actos do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e estaban convidadas tanto as asociacións do Consello Asesor de Pacientes como a poboación xeral. O lema deste ano para este novo día galego é "O teu compromiso é clave, únete a unha Galicia sen fume". Todas as actividades enmárcanse no Plan Inspira Saúde en Galicia, que é o plan galego de actuación multidisciplinar en tabaquismo.

Ademais, de xeito paralelo neste mesmo día, o director asistencial, Luis González Taboada e o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo, uníronse en remoto ó acto que tiña lugar na Consellería de Sanidade. Nesta conexión fixeron referencia, entre outras medidas, ao reforzo de sinalización coa prohibición de fumar no entorno dos centros sanitarios; á necesidade de involucrar as asociacións civís e a cidadanía en xeral; así como salientar o traballo desenvolvido polo Comité de Prevención do Tabaquismo da Área, que aborda esta cuestión de xeito conxunto e multidisciplinar, e que está detrás da mencionada charla que tivo lugar no salón de actos do Hospital Naval. 

Consulta de Tabaquismo da ASF

O primeiro paso para abandonar o tabaco dáse no centro de saúde, explicaron, e son estes profesionais, xunto cos das especialidades de Neuroloxía, Cardioloxía e Oncoloxía, os que máis derivan á consulta específica de Tabaquismo no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

A enfermeira de Pneumoloxía, Pilar Darriba, falou da actividade na consulta de Tabaquismo do CHUF. Nesta consulta, faise unha valoración inicial e xeral do paciente por parte da enfermeira, entrevista, diversos test, e valores como talla e peso, entre outros. A continuación, o paciente pasa á consulta co penumólogo, explicou, onde se establece un diagnóstico e tratamento acorde. A primeira consulta sempre é presencial e as consultas sucesivas poden ser tanto telefónicas como presenciais, e de acordo co paciente. Realízase un programa de seguimento de ata sete contactos. 

Nesta consulta están a atenderse na actualidade 66 pacientes. En total, realizáronse 1.007 consultas entre febreiro de 2022 e o presente mes, dirixidas a un total de 135 pacientes. O 54 % foron consultas presenciais, e o 46 % telefónicas. Pilar Darriba expuxo que o principal motivo argumentado para deixar de fumar é a saúde, por patoloxías recentes derivadas do consumo do tabaco. Concluíu, como fai sempre que se refire ao tabaquismo, que "as consultas de tabaquismo son fundamentais para axudara aos pacientes a deixar de fumar"; e que "o éxito acadarase se o profesional identifica e recoñece as preocupacións do paciente, incorporándoas ó seu proceso".

 


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

08:00 a 14:30 horas los viernes.

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

08:00 a 14:30 horas los viernes.