O SERGAS inicia na Coruña un programa de cribado de cancro de pulmón

Fonte: Gabienete de Comunicación do SERGAS

Galicia consolídase como referente na prevención da saúde coa posta en marcha dun programa piloto de cribado de cancro de pulmón na área sanitaria da Coruña que se vai sumar aos xa implantados de mama, colon e cérvix. Así o destacou o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña.

A pilotaxe organizada e supervisada pola Dirección Xeral de Saúde Pública vaise levar a cabo no centro de saúde do Ventorrillo da Coruña. O cribado vai dirixido ás persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos que sexan grandes fumadoras ou que deixasen o tabaco hai menos de dez anos.  No centro do Ventorrillo hai 1.200 persoas que responden a este perfil. Faranse unhas enquisas para seleccionar os candidatos a participar no cribado tendo en conta parámetros coma a alta exposición ao tabaco que tivesen nos últimos anos. 

A finais de abril comezarase a citar aos seleccionados para que se sometan a un TAC e, no caso de ser necesario, serán derivados á vía rápida de cancro de pulmón. E a todos os candidatos, participen ou non nas probas de cribado, se lles ofrecerá apoio para deixar de fumar.
 
En xuño avaliaranse os resultados desta pilotaxe para estudar a posibilidade de ampliar este cribado ao conxunto de áreas sanitarias de Galicia. O obxectivo é detectar en fases temperás un cancro que xa é o segundo con maior incidencia entre os homes e o terceiro nas mulleres e que é o que causa máis mortalidade nos varóns e o segundo no caso das mulleres.
 

Éxito doutros cribados

O cribado de cancro de pulmón sumarase aos xa existentes de mama, colon e cérvix que están a ter moi boa acollida entre a poboación. Segundo informan desde o SERGAS, as taxas de participación oscilan entre o 46 % do cribado de cancro colorrectal  -na primeira vez, xa que a porcentaxe sube ao 90 % entre os que xa participaron noutras ocasións- e máis do 80 % que rexistra o cribado de cancro de mama. Estes tres programas de detección precoz -postos en marcha en 1992, 2013 e 2020, respectivamente- permitiron detectar máis de 13.000 cancros en pacientes da comunidade galega.
 

Á vangarda en oncoloxía

Comesaña lembrou que Galicia vaise situar á vangarda no tratamento e atención a pacientes oncolóxicos ao ofrecer as terapias máis innovadoras a través da medicina personalizada ou o futuro centro de protonterapia que se instalará en Santiago de Compostela e mediante a investigación e deseño de novos fármacos a través do centro de medicamentos CAR-T.

Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes