As presidentas dos catro Colexios de Enfermaría de Galicia, entre elas Inés Lopez Carral, presidenta do Colexio da Coruña, trasladáronlle ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, algunhas das principais reclamacións do colectivo. Coincidindo co Día Internacional das Enfermeiras, que se celebra o vindeiro domingo, as representantes da enfermaría galega, conscientes de que o sistema sanitario galego se enfronta a graves problemas estruturais e organizativos, quixeron poñer en valor diante do conselleiro o papel das profesionais da enfermaría como verdadeiro motor de cambio.
Neste primeiro encontro, as presidentas trasladáronlle ao titular da carteira de Sanidade a importancia de axeitar os cadros de persoal de enfermaría ás ratios europeas. Galicia é a segunda comunidade con peor ratio (517 enfermeiras por 100.000 habitantes). No conxunto de Europa son 850 e no global de España, 630.
Entre as reclamacións conxuntas do colectivo enfermeiro encóntranse antigas reivindicacións, xa coñecidas pola Xunta, como a reclasificación como grupo A das enfermeiras, sen subgrupos. Trátase non só de cumprir coa LOPS, a Lei de Ordenacións das profesións sanitarias (ao contar co requisito de titulación e concurrindo o nivel de responsabilidade esixido a este subgrupo), senón de poñer en valor e recoñecemento a formación e o traballo realizado polas máis de 14.000 enfermeiras galegas. Desde os colexios profesionais de Lugo, Pontevedra, A Coruña e Ourense destacan que “as enfermeiras e enfermeiros son profesionais da saúde altamente cualificados, resultado dunha formación universitaria especializada e dunha práctica laboral rigorosa e comprometida coa provisión de coidados de saúde de calidade” e, polo tanto, así deben ser recoñecidos en todos os sentidos: a nivel administrativo, legal, laboral e profesional.
O desenvolvemento da especialidade de Xerontoloxía e o recoñecemento do solape de quendas como tempo traballado foron outras das demandas que os Colexios puxeron sobre a mesa neste primeiro encontro co conselleiro.
Para as enfermeiras galegas, potenciar e favorecer a colexiación como requisito para exercer na Sanidade pública non só debe ser considerado como un xesto para dar cumprimento e salvagarda da lei 11/2001, de 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, que establece no seu artigo 3º a obligatoriedade da colexiación, senón a garantía tanto para a administración como para a sociedade en xeral de contar con profesionais sanitarios capacitados e acreditados.
Á reunión, na que se abordaron tamén melloras nas condicións do colectivo de enfermaría en seguridade no traballo, conciliación, formación, investigación, itinerario profesional, así como melloras retributivas e estabilidade no emprego, acudiron como representantes do colectivo Inés López Carral (presidenta do Colexio de Enfermaría da Coruña), Eva Gómez Fernández (presidenta electa do Colexio de Enfermaría de Lugo), Lourdes Bermello López (presidenta en funcións del Colexio de Enfermaría de Lugo), Ascensión Pérez Sampayo (presidenta do Colexio de Enfermaría de Ourense) e María Sol Montenegro Alonso (vicepresidenta do Colexio de Enfermaría de Pontevedra). Ademais do Conselleiro, estiveron presentes en representación do Servizo Galego de Saúde a directora xeral de recursos humanos, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria e o director xeral de asistencia sanitaria.