Fonte: Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.
-
Dúas enfermeiras se incorporaban a principios deste ano a Área Sanitaria de Ferrol para desenvolver este programa de apoio e colaboración cos centros de saúde do Ortegal na atencións ás persoas inmobilizadas nos seus domicilios
-
"Facemos unha foto de como están os pacientes nese momento", explican Isabel Leal e Marta Sánchez, apoiando no seu día a día ós profesionais dos centros de saúde.
O equipo de Soporte deAtención Domiciliaria (ESAD) da Área Sanitaria de Ferrol realizou un total de 971 intervencións dende a súa activación en xaneiro de 2023, entre consello, seguimento, coidados, educación sanitaria, e valoración da historia clínica. Estes equipos están enmarcados no Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023 para toda Galicia, onde se incorporaban 70 novos profesionais de Enfermaría, dos que dúas, Isabel Leal González e Marta Sánchez Formoso, están a desenvolver xa este programa no Ortegal, que abrangue, Cariño, Cedeira, Ortigueira, Mera, Espasante, As Pontes, e Mañón-O Barqueiro.
O equipo de Soporte deAtención Domiciliaria (ESAD) da Área Sanitaria de Ferrol realizou un total de 971 intervencións dende a súa activación en xaneiro de 2023, entre consello, seguimento, coidados, educación sanitaria, e valoración da historia clínica. Estes equipos están enmarcados no Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023 para toda Galicia, onde se incorporaban 70 novos profesionais de Enfermaría, dos que dúas, Isabel Leal González e Marta Sánchez Formoso, están a desenvolver xa este programa no Ortegal, que abrangue, Cariño, Cedeira, Ortigueira, Mera, Espasante, As Pontes, e Mañón-O Barqueiro.
Segundo indican dende a Consellería de Sanidade sobre este programa, a poboación galega do rural, cun alto índice de envellecemento e unha elevada prevaleza de enfermidades crónicas, presenta en moitas ocasións dificultades, por distintas causas, para acudir ó sistema público de saúde. A orientación comunitaria da atención primaria trae consigo un cambio de paradigma que supón a evolución dunha atención centrada tanto na enfermidade como no eido biopsicosocial, é dicir, na persoa dun xeito integral e no seu contexto social e familiar.
Para levar a cabo esta actividade, a axenda do persoal de ESAD constituíuse con 6 ocos diarios, cun tempo estimado de 50 minutos cada un, que se pode adaptar en función das necesidades de cada paciente e o tempo empregado para os desprazamentos. De feito, explican as enfermeiras da Área Sanitaria de Ferrol, "coas primeiras valoracións precisábamos máis tempo, ás veces ata tres horas por paciente, pero agora xa vai máis fluído nos seguintes encontros".
Perfil de paciente e dinámica de traballo
Os equipos de ESAD foron ampliando o perfil de paciente dende a posta en marcha do servizo, pero o perfil fundamental na actualidade son pacientes inmobilizados, pacientes crónicos complexos, ou maiores de 75 anos con pluripatoloxía, etamén, polimedicados que tiveran algún ingreso hospitalario nos últimos 6 meses. "O perfil aínda así é variado, porque inmobilizados hainos de diferentes idades e por moi diferentes causas", matizan.
Estas profesionais valoran a historia clínica do paciente, "facemos unha valoración integral non só a nivel clínico, constantes ou evolución, senón a nivel social, como se alimenta, barreiras no fogar, coidados que require, limitacións, entre outras moitas cousas. Facemos unha foto de como está o paciente nese momento".
Con todo isto, "facemos un informe amplo que se rexistra na historia clínica electrónica, para que quede a disposición dos nosos compañeiros, que son os seus profesionais habituais. Somos un apoio para eles no seu día a día, para ampliar ó máximo a información destes pacientes porque contamos con máis tempo para iso". Tamén destacan estas profesionais a estreita colaboración a ese nivel xa que os titulares dos cupos coñecen a eses pacientes e entre os dous ámbitos teñen unha visión "máis holística".
Achegamento ó paciente e apoio para os compañeiros
"Se detectamos algo, por exemplo, unha úlcera que se pode complicar, podemos xa darlles consellos ós propios pacientes ou coidadores sobre o seu tratamento, ou sobre a existencia de colchóns antiescaras, e evitar unha futura atención por iso, e incluso unha posible hospitalización"; ou, tamén, "alertar ós seus propios profesionais dalgunha complexidade que apareza, porque moitos destes pacientes non soen querer ir ó médico a non ser que sexa por algo urxente", describen. "Ó principio non era doado porque desconfiaban, pero unha vez que os visitas más dunha vez, e falan cos seus profesionais do centro de saúde, son pacientes que agradecen sen máis que os vaias ver", afirman.
Isabel Leal destaca sobre este soporte de atención domiciliaria "a calidade de coidados para o paciente, e a tranquilidade para o traballador, xa que con ese coñecemento previo pódese traballar mellor. De feito a min gustaríame chegar a traballar a un sitio que non coñezo e que haxa un perfil xa definido e estudado dos pacientes máis complexos". Pola súa banda, Marta Sánchez destaca como clave "a educación e a prevención sanitaria que se pode facer, porque cando detectas algo xa llo pasas directamente ó seu médico ou enfermeira. Con máis visitas indagas máis e eles contan máis". As dúas coinciden no valor de ter máis tempo do ordinario para ver ó paciente.