Fonte: Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza
- A xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez, continúa co compromiso de mellorar a capacidade diagnóstica da atención primaria
- A maior partida está destinada ás padiolas de transporte, de exploración xeral e xinecolóxica e de fisioterapia por máis de 1.027.000€ e aos sistemas de adquisición e monitorización automatizada de constantes vitais, 85 en total, cun importe de máis de 1.071.000€
A Xunta de Galicia contratará por un período de dous anos, mediante acordo marco cunha única empresa, a subministración sucesiva de equipamento electromédico e mobiliario clínico con destino e centros de atención primaria do Sergas, entre os que se atopan os centros de saúde da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. O importe destes contratos supera un investimento de máis de 3 millóns e medio de euros para a área compostelá.
A partida inclúe 30 retinógrafos, 100 sistemas holter de presión arterial, 35 ecógrafos portátiles con intelixencia artificial, 85 sistemas de adquisición e monitorización automatizada de constantes vitais, 325 padiolas hidráulicas de exploración, 40 padiolas de fisioterapia, 31 padiolas de exploración xinecolóxica e 108 padiolas de transporte.
A maior partida está destinada ás padiolas por máis de 1.027.000€ e aos sistemas de adquisición e monitorización automatizada de constantes vitais, 85 en total, cun importe de máis de 1.071.000€, seguido dos ecógrafos portátiles para o que se inviste 632.000€.
Estes novos dispositivos e mobiliario son parte “do noso compromiso por ofrecer unha atención de calidade, mellorando a capacidade diagnóstica da atención primaria”, indica a xerente da área Eloína Núñez. “Estamos seguros de que estas melloras contribuirán a brindar un servizo máis eficiente e satisfactorio para todos”, engade a doutora Núñez.
A aprobación deste acordo marco persegue o obxectivo do Sergas de dotar á totalidade de centros de saúde de novos equipos diagnósticos que melloren a súa capacidade resolutiva, para facer unha mellor prevención e acadar diagnósticos precoces que eviten complicacións posteriores nos pacientes. Amais, permite levar a cabo un mellor seguimento dos pacientes crónicos e pluripatolóxicos.