A pneumonía causa 10.000 mortes ao ano en España e a hospitalización de 100.000 persoas. As persoas que ingresan con esta patoloxía adoitan ser “de máis de 60 anos e pacientes con outros factores de risco como patoloxía respiratoria e cardiovascular previa, sobre todo. Tamén persoas inmunodeprimidas ou que fuman e/ou consomen alcohol en cantidades excesivas”, cóntanos Begoña Pérez, supervisora de pneumoloxía do hospital clínico de Santiago. No mundo, falecen por pneumonía 2,5 millóns de persoas ao ano. O 12 de novembro celébrase o día mundial contra o pneumonía.
-Que peso ten a pneumonía na vosa carga de traballo diario?
A pneumonía é un dos motivos máis frecuentes de ingreso na nosa unidade, debe de estar no terceiro ou cuarto lugar de ingresos. Isto provoca que a carga de traballo na planta sexa moi elevada. Cando temos un ingreso por pneumonía é preciso realizar unha valoración respiratoria, onde observamos se hai disnea, hipoventilación, traballo respiratorio, redución dos sons respiratorios, taquipnea. Tampouco podemos esquecer o balance de líquidos, a situación nutricional, a tolerancia á actividade, o sono, o descanso e a ansiedade. Ademais debemos comprobar a presencia de febre.
-De que forma se pode previr a pneumonía?
Aínda que só é un pouco xenérico hai que dicir que sempre axuda manter uns hábitos de vida saudables, nos que se encontran unha alimentación adecuada, control dos factores ambientais, abandono do hábito tabáquico…Tamén teñen moita importancia as medidas de hixiene cando existe risco respiratorio como lavado frecuente de mans, uso de máscaras para evitar contaminación e dispersión de xermes. Non nos podemos esquecer da vacinación: antigripal, contra o COVID-19 e a do pneumococo.
-A pneumonía é un problema de saúde pública de primeira orde. Como está resultando a aplicación da nova vacina?
Nestes momentos non existen datos aínda para ver a repercusión a nivel hospitalario da vacina. Teremos que esperar un pouco máis para comprobar a súa eficacia.
-Cales son as túas responsabilidades como supervisora de planta de pneumoloxía?
Como supervisora son a responsable de dirixir e coordinar a asistencia, docencia e investigación e de administrar os recursos humanos e materiais necesarios para garantir que os coidados sexan os adecuados ás necesidades dos pacientes. A supervisora é o elo entre a dirección e o persoal ao seu cargo, co obxectivo de conseguir a satisfacción conxunta do paciente, familia e persoal sanitario.
-Como é un día habitual de traballo na vosa planta?
O traballo que se realiza nunha planta de hospitalización de pneumoloxía conleva unha carga de traballo importante, polo que a actividade é grande durante as 24 horas do día. Dende aquí a miña intención é que se visibilice o traballo neste servizo. Os coidados dos pacientes, dende unha perspectiva integral, fai que se teña en conta non só a patoloxía que se ten nese momento, senón tamén como o paciente enfronta a enfermidade, ademais de ter en conta o seu entorno social inmediato. Isto fai que se proporcionen coidados de máis calidade.
Cómpre saber que tamén se levan a cabo procedementos tanto terapéuticos como diagnósticos, con certo grado de complexidade e potenciais complicacións, polo que o persoal de enfermaría debe estar preparado para solventar estes problemas satisfactoriamente. É moi común que estes pacientes nalgún momento se desestabilicen e requiran dunha atención individual urxente, polo que o persoal se ve na obriga de deixar sen atender o resto dos pacientes.
É preciso lembrar que na nosa planta se enconta unha UCRI (Unidade de Coidados Respiratorios Intermedios), que é un paso intermedio entre as unidades de críticos e a de hospitalización, polo que neste caso os coidados son moitos máis específicos e facemos un seguimento máis individualizado que no paciente que se encontra nunha unidade de hospitalización convencional.
Dentro do noso traballo diario tamén se extrema a limpeza dos equipos hospitalarios e na manipulación dos enfermos. Tamén é moi importante a fisioterapia respiratoria nos pacientes de alto risco.
-Cantas enfermeiras hai en planta?
Na unidade hai 18 enfermeiras e 14 TCAEs repartidas nas tres quendas. Tamén contamos cunha fisioterapeuta (especializada en fisioterapia respiratoria) na quenda de mañá. De mañá hai 4 enfermeiras e 4 TCAEs, de tarde 3 enfermeiras e 3 TCAEs e de noite 3 enfermeiras e 2 TCAEs. É un número insuficiente de persoal para toda a carga de traballo que temos que asumir.
-Como coordinas e xestionas ao persoal para garantir a eficiencia e calidade do coidado?
Neste momento (aínda son moi reciente no cargo), o meu compromiso sobre todo é co equipo de enfermaría. Aposto por un liderado participativo. A finalidade é procurar a capacitación do persoal impartindo os coñecementos necesarios que facilitan o seu traballo. O obxectivo é fomentar a participación e cooperación da enfermaría para formar un equipo de traballo no que exista un bo desenvolvemento das relacións humanas e a cohesión do grupo.
-Cales son os retos no coidado dos vosos pacientes?
O reto sobre todo é de mellorar para poder garantirlles aos pacientes os mellores coidados de enfermería posibles. O obxectivo é ser unha unidade accesible, eficiente e innovadora, tanto na calidade da súa actividade no campo asistencial como no docente e investigador.
-Como evolucionou a pneumoloxía nos últimos anos e de que maneira se reflicte no traballo de enfermaría?
A pneumoloxía evolucionou moito debido, sobre todo, aos novos equipos de soporte ventilatorio que utilizamos. Por todo isto, a carga de traballo viuse moi aumentada. Ademais tamén coincide cun aumento na idade media dos pacientes que implica ademais un aumento das comorbilidades e do nivel de dependencia dos pacientes.