Lupe Suárez Costa, supervisora de oncopediatría do CHUS: "Cando un se pon no lugar dos nenos, sempre se fai máis próximo a eles"

Cada ano diagnostícanse en España 1.500 casos de cancro infantil, primeira causa de morte por enfermidade en menores de 14 anos. Guadalupe Suárez Costa é desde xullo a supervisora da unidade de oncopediatría do CHUS. “Ademáis levo a supervisión de psiquiatría infanto-xuvenil e o hospital de día de psiquiatría infanto-xuvenil”. Enfermeira desde hai 18 anos, Lupe, como se lle coñece no hospital, pasou pola sanidade privada e, dentro do SERGAS, por atención primaria (concretamente o centro de saúde de Oroso “onde botei seis meses na consulta de pediatría con cursos de educación sanitaria nos dous colexios do concello sobre alcohol e tabaco”) e varios servizos de atención especializada.

No día nacional do neno con cancro, Lupe recorda que “cando entrei a traballar en oncopediatría, foi unha enfermeira que traballaba na unidade a que me ensinou como era o traballo cos nenos oncolóxicos e a que me transmitiu o seu aprecio e respecto polo mesmo.”

-Como é o día a día na vosa unidade?

Por norma xeral, os nenos ingresan desde CCEE, salvo cando se trata dun debut, que veñen derivados dende urxencias de pediatría. De CCEE veñen xa pinchados habitualmente. Na planta recibímilos a TCAE e a enfermeira que os vai atender. Acompañámolos á habitación e desde o minuto un xa empezan os coidados: medidas antropométricas, tratamentos, dietas, illamento (se o precisa), técnicas (medula ósea, tratamento intratecal, tratamento intraventricular…).

-Cantas enfermeiras traballades aí?

A unidade está formada por un cadro de trece enfermeiras, das cales catro son especialistas en pediatría. Ademais hai un grupo dunhas seis enfermeiras que tamén traballan na unidade cubrindo permisos, reforzando quendas… Ademais, traballamos coordinadas con dúas enfermeiras que están no hospital de día de oncoloxía pediátrica. Tamén forman parte do cadro de persoal oito TCAE.

-Que é o máis gratificante do voso traballo?

Sempre é un motivo de alegría cando un neno finaliza o tratamento. Somos centro de referencia de Galicia de trasplante de proxenitores hematopoiéticos, así que cando un neno trasplantado vai para a casa é unha ledicia para nós. E despois están os pequenos xestos e triunfos do día a día: que coman despois de días sen comer, un sorriso, un xogo…

-Cal é, pola contra, a parte máis desagradable?

Cando hai que enfrontarse a malas noticias: unha recaída da enfermidade, unha mala resposta a un tratamento e, principalmente, cando un neno non supera a enfermidade.

-Como manexades o estrés e outras emocións coas que lidiades no voso día a día?

Como equipo sempre nos apoiamos uns noutros e comentamos o que nos preocupa. A nivel individual, cada persoa ten unha forma de ser e de actuar e cada un lidia coas súas emocións como cre axeitado. Non se descarta a axuda externa dun profesional nos momentos máis complicados.

-Como se contribúe desde Enfermaría a crear un ambiente hospitalario máis acolledor para este tipo de pacientes?

Principalmente, sendo empático. Cando un se pon no lugar dos nenos, sempre se fai máis próximo a eles. Tamén axuda a formación e a experiencia do persoal no traballo con nenos. Por exemplo, o persoal decora a unidade en momentos importantes do ano: Entroido, Samaín, Nadal… e na medida do que se pode, xogamos con eles e entretémolos. Xunto co equipo de humanización do CHUS e a aula hospitalaria, facemos pequenos xestos que melloran a estancia dos nenos: pinturas e vinilos na unidade, taller de “ponte guapa”… Este curso, por exemplo, a aula hospitalaria ten como fío conductor do seu traballo o cine. Ademais, diferentes asociacións preparan actividades para os nenos polas tardes.

-Como é o traballo con estas organizacións como ASANOG e outras?

ASANOG está todas as tardes de luns a venres na aula facendo talleres e organizando actividades para os nenos. Están moi implicados con eles, facilitando personal que pode facer terapias individualizadas cos nenos. Outras asociacións tamén traballan cos nenos como, por exemplo, Fundación Andrea, Obra Social Pediatría, Fundación Theodora…

-Como é a interacción coas familias no momento do diagnóstico, do tratamento e dos coidados no domicilio?

Na unidade traballa un equipo multidisciplinar: oncólogos, pediatras, farmacéutica, traballador social, enfermeiras, TCAES, celadores, persoal de limpeza e de cociña. Todos contactamos coas familias para ofrecer cada un os seus servizos en diferentes momentos unha vez que se dá o diagnóstico. As familias coñecen a cada profesional e recorren a eles cando precisan.

-Hai recursos ou programas de apoio específicos para mellorar a vida destes pacientes unha vez abandonan o hospital?

Cando un neno marcha de alta, a enfermeira que o atende facilítalle ás familias distintas informacións de cara ao domicilio (coidados de reservorios SC, Hickman, SNG, PEG, a toma de determinados tratamentos…). Ademais, facilitámoslle para o domicilio diferentes medicacións que puidesen precisar (antieméticos, antibióticos…). As familias teñen o número de teléfono da unidade ao que poden chamar sempre que precisen para resolver dúbidas. Os recursos e programas de apoio específicos é un labor máis do traballador social. 

-Cales son as necesidades da enfermería oncolóxica para manter a calidade asistencial?

Coa implantación da nova xornada laboral, aprobada recentemente, esperamos que aumente o cadro de persoal para ter un menor ratio enfermeira/paciente e dispensar uns coidados de maior calidade. Precisamos unha formación específica da nosa unidade: trasplante, manexo citostáticos, manexo de excretas…

-Tedes tempo para a formación e a investigación? 

A unidade ten un persoal moi formado e que segue investindo na súa formación. É certo que enfermeiras e TCAE teñen as súas vidas, as súas familias, pero sempre atopan tempo para continuar formándose e para elaborar protocolos de traballo que fan o traballo diario máis organizado e seguro.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas