Mario López, profesor do curso de experto en emerxencias: "A especialidade non interesa a nivel político. Se non a conseguen os médicos, nós nin de broma"

Nos próximos meses, ata o 30 de maio, seguirá desenvolvéndose o curso de experto universitario en emerxencias, organizado polo Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña en colaboración con ISFOS (Instituto Superior de Formación Sanitaria). Mario López Pérez, enfermeiro da base medicalizada de Mos do 061, é o encargado de impartir este curso de oito módulos de temática diferente. Tres deles son presenciais. “É un curso que levo impartindo uns 20 anos. Dabámolo por toda España, pero en Galicia non tiña moita demanda porque o SERGAS non o esixe nas listas de traballo específicas. Noutras comunidades, si. Esta é a segunda edición do curso que se fai aquí na Coruña. Ten bastante boa acollida, con persoas que quedan fóra pola demanda existente, porque é un tema que lles gusta bastante aos alumnos. Son cursos caros que se poden facer grazas ás facilidades de inscrición do Colexio”. 

Mario traballou no hospital de Santa Maria da Feira (Portugal) case 10 anos en Urxencias e Coidados Intensivos. É doutor pola USC en Enfermaría no programa de Atención Integral da Saúde. 

-Como son os alumnos que se inscriben nun curso como este? 

É un curso enfocado non só á emerxencia prehospitalaria, senón tamén á hospitalaria. Noutros sitios de España, onde é un curso obrigatorio, o perfil das persoas inscritas é xente moi nova, que non leva máis de tres anos como profesionais e que quere entrar nas listas, polo que necesitan formarse. En Galicia, hai xente nova, pero tamén compañeiros con experiencia, que teñen as súas prazas fixas e que fan o curso por reciclarse ou formarse nun área que lles interesa. 

-Tras 20 anos como docente, que cambios se produciron?

Evolucionou, sobre todo, o material. Antes eran moi novidosas, por exemplo, as agullas intraóseas ou o material de manexo da vía aérea como as larínxeas. Agora está moi extendido o seu uso, mesmo en atención primaria. A dotación dos PAC é mellorable, pero moi razoable. Todo o mundo coñece ese material, pero o problema é que ninguén se formou no seu uso. Na carreira ninguén ensina este tipo de técnicas. Saes da carreira, es profesional, es titulado, podes exercer e, aínda que se presupón que sabes facelo, tes que formarte durante o exercicio da túa actividade profesional. Moita xente séntese insegura, polo que hai quen demanda a formación nese sentido. Cos médicos pasa o mesmo, ou senón peor, porque teñen menos formación que nós.

-Respecto á propia formación en si, que cambiou nestas dúas décadas?

Volveuse unha formación máis accesible. É mais sinxelo acceder a este tipo de cursos agora que hai anos. Pero se non dependen dunha iniciativa como a dos Colexios profesionais, son formacións dispendiosas. Un curso dunha semana de soporte vital avanzado, como o que estamos a dar no momento desta entrevista, fóra do curso de expertos, pode andar entre os 300 e os 400 euros por alumno. O sistema debería formarnos porque traballamos para el, pero é difícil chegar ao 100 % da poboación sanitaria. Este curso debería telo a totalidade dos profesionais da sanidade.

-Como en moitas profesións, a práctica, a habilidade imponse no día a día.

Hai que diferenciar entre competencia e habilidades. Un médico, por exemplo, pode intubar, se sabe. Está capacitado para facelo, pero se non o fixo nunca, non vai saber. E ás veces, pasa o contrario. Hai profesionais que non están capacitados, pero si teñen a habilidade para facelo, aínda que profesionalmente non sexa unha función súa. Estas formacións, que son máis cuestións técnicas que otras causas, son imprescindibles. As técnicas hai que practicalas, hai que adestralas. E pode ser que non esteas capacitado porque nunca o fixeches ou porque cho ensinaron hai 20 anos. Levalo da teoría á práctica é fastidiado. O compoñente práctico destes cursos é moi importante.

-Esta falta de adestramento solucionaríase coa especialidade?

Dependería de como se enfocase. Hai xente á que se lle regalou a especialidade por experiencia. Eu non son especialista en Emerxencias porque non os hai, pero se algún día houbese a especialidade, probablemente, pola experiencia que teño, a min ma regalarían. Eu son crítico nese sentido e creo que a xente debería formarse de verdade: facer cursos, capacitarse e pasar certas probas de evaluación que, efectivamente, para quen teña experiencia van ser moi sinxelas. A especialidade amañaríao? Se non a regalas e fas un programa de formación estruturado e real, probablemente melloraría moito. 

-Estamos lonxe de conseguir esa formación especializada? 

Si. Non interesa.

-A quen non lle interesa? 

A nivel político. 

-Por temas orzamentarios?

Seguramente. A ver. Se o levas a outras especialidades, por exemplo a que está mais desenvolvida a nivel enfermaría, a das matronas. Están aí desde hai moito tempo e son profesionais cun recoñecemento espectacular. Pero non teñen un recoñecemento económico espectacular. Nin moito menos. Á parte da formación de base que ten unha enfermeira, teñen que facer unha residencia de dous anos, teñen unha responsabilidade interesante sobre dous pacientes moi concretos, pero cónstame que non teñen un gran recoñecemento nin social, nin económico. En Emerxencias sería o mesmo? Se hai máis competencias, hai máis responsabilidades, que deberían ir acompañadas dun compoñente económico. Iso vai aumentar os custes do servizo. Aumentará a seguridade do paciente, mellorará a atención ao paciente e haberá menos erros. Con que salves un par de vidas, aínda que soe demagóxico, xa estaría todo pagado. Pero quen solta os cartos seguro que non pensa o mesmo ca min. Melloraría bastante, pero facendo unha formación de verdade ou, polo menos, garantindo que a quen se lle dá a especialidade, reciba esa formación. Pero non creo que interese. Hai anos estiven nunha comisión de traballo para a especialidade de enfermaría de emerxencias a través da SEME, fixéronse unhas primeiras propostas, pero aquilo descarrilou só. Quixéronnos meter cos da UCI, dixeron de facer especialidade de críticos, os de UCI negáronse; despois de médico-cirúrxica e todos no mesmo no saco…En fin. Son bastante escéptico. Oxalá me equivoque.

-Conseguirano antes os médicos?

Se o conseguen eles, se cadra iremos detrás. Oxalá o consigan porque creo que beneficiaría ao noso colectivo. Se non o conseguen os médicos, nós nin de broma. 

-Ti que estiveches traballando tamén en Portugal. Onde se recoñece máis ás enfermeiras?

A miña sensación é que a poboación en Portugal valora máis a enfermaría que aquí en España. Outros compañeiros teñen a mesma impresión. Respectan máis á enfermeira. Era un hospital novo, formáronos moi ben e traballabamos moi ben. Aquí teriamos que afacernos a que os enfermeiros poidan resolver o noso problema cando imos a un centro de saúde. O primeiro filtro do sistema debería ser o enfemeiro como ocorre na triaxe hospitalaria. 


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.

 

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.