A cura húmida é un xeito de facer o tratamento local da ferida. “O nome real”, segundo nos conta o enfermeiro Ramón Delgado, “debería ser cura fisiolóxica porque se aproxima máis a como adoita funcionar o corpo na curación, iso si, aproveitando os distintos apósitos que poñen a ferida nesas condicións. Chámaselle cura húmida para diferenciala da cura tradicional, que adoitaba ser unha cura seca.”
Ramón Delgado aténdenos desde a súa consulta de cura en ambiente húmido da Área Sanitaria de Ferrol, que el coordina. A unidade comezou a funcionar en 2011 coa idea de revisar as solicitudes de produtos relacionados coa cura de feridas crónicas e úlceras e a súa correlación cos datos clínicos do paciente.
A figura representativa da unidade é a enfermaría. “Non temos un médico por riba, aínda que si colaboramos con todas as especialidades, máis directamente con medicina interna, cirurxía vascular ou dermatoloxía. En Ferrol tamén temos cámara hiperbárica, que non hai no resto da sanidade pública galega e, por suposto, tamén hai relación directa cos médicos e enfermeiras da cámara.”
-Que é a consulta de cura húmida?
A consulta nace hai uns cantos anos coa idea de xestionar o uso, na Área Sanitaria de Ferrol, dos apósitos de cura en ambiente húmido. O que buscabamos realmente era que tivese unha orientación máis xenérica para ser o que hoxe se coñece en moitos hospitais como unha unidade de feridas, aínda que non estamos recoñecidos como tal. Estamos especializados en todo tipo de feridas e facemos asesoría ao resto do persoal da Área, tanto de Atención Primaria, como de especializada, como socio-sanitaria… Non só de enfermaría, senón a todos os niveis.
-Que balance fas dos 12 anos de existencia da unidade?
Empezamos en outubro de 2011. Aquí levamos algo máis de cinco anos xa coa estrutura de consulta e vendo pacientes. Anteriormente, tamén tiñamos a parte asistencial, pero un pouco máis informal. Colliamos os pacientes que cadraba porque tiñan unha dificultade especial e atendiámolos. Nós empezamos a traballar con moitos dos produtos que se inician mesmo a nivel de Galicia.
-Estamos, polo tanto, nunha unidade pioneira en Galicia.
Pensábase que a implantación dun novo catalogo ía ser un problema de cara ao coñecemento dos produtos, ao uso axeitado deles, e foi a primeira que se encargou deste tipo de xestión. Incorporouse tamén a parte de asesoría e empezouse a atender pacientes con complexidade específica. Podemos sentirnos pioneiros en todos estes temas. Fomos un reforzo moi importante de cara ao programa que se incorpora máis tarde desde a consellería, o Úlceras Fóra.
-Ten máis complicacións a cura húmida que a cura seca?
Como todas as accións da medicina ten algunhas situacións nas que non está recomendada, pero a inmensa maioría dos casos se poden abordar desde a cura húmida. Realmente, é o uso de apósitos que teñen unha capa externa que protexe a ferida e dalle unha certa condición na interfase da ferida.
-Como é unha xornada nesta unidade?
Arrancamos habitualmente mirando os pedidos que hai na Área e facendo un seguimento para ver se os produtos que se piden son os axeitados. Cando, pola razón que sexa, hai algunha disparidade, poñémonos en contacto co profesional e comentamos o caso. Temos un índice de rexeitamento de pedidos próximo ao 1 %. Incidimos na formación no uso dos produtos, como agora que temos un catálogo novo e facemos cursos para que os profesionais os coñezan. Esa é unha das partes da xestión que tamén nos serve para ver e entender como se están a facer as cousas e se é necesario cambialo. Ás veces todos temos moita presa e as feridas crónicas non sempre responden inmediatamente ás curacións.
-Cando empezades a ver os pacientes?
Ás 8:30. Movémonos normalmente entre 15 e 20 pacientes diarios. Ao mesmo tempo, atendes ao teléfono e aos pedidos, que están entrando seguido. Estamos dúas enfermeiras habitualmente. Unha atende á clínica e outro, ao resto. Así é máis levadeiro.
-Cal é o perfil das persoas que pasan pola consulta?
Son pacientes de idade avanzada, aínda que, de cando en vez, vén algunha persoa nova. A prevalencia máis habitual, case o 70 %, son as úlceras vasculares venosas. Adoitan ser pacientes que recidivan con bastante facilidade. A seguinte é o pé diabético xa avanzado, con patoloxías importantes, mesmo amputacións. Son os perfís básicos, pero podemos ter feridas de calquera tipo: desde feridas cirúrxicas que normalmente non teñen ningún problema ata feridas con algunha complicación.
-Trabállase a cura, pero como potenciades a prevención?
É unha das funcións da unidade. Foméntase, desde mesmo antes de ter os produtos no catálogo, o uso de determinados produtos preventivos. Non temos todo o que se quixera ter, pero si moitas das cousas esenciais. Non se dispón en domicilio de superficies especiais como colchóns. O sistema de préstamo de produto é complicado de xestionar. No hospital, as superficies que se compran sempre pasan pola nosa unidade para ver se cumpren os requisitos necesarios para que sexan axeitados.
-Que tipo de formación recibe a enfermeira que se dedica a esta especialidade?
Desde a Área programamos todos os anos cursos relacionados con este tipo de cura. Son cursos ou ben xenéricos, explicando o uso dos produtos, as accións preventivas e os cambios no catálogo coas novidades dos produtos que se incorporan ou que son substituídos por outros, ou ben específicos, falando de como atender determinadas patoloxías (pé diabético, úlceras vasculares, que son as máis frecuentes, úlceras por presión…). Persoalmente, participei xa no primeiro catálogo do SERGAS e no primeiro concurso autonómico que se fixo pasamos de ter 17 produtos aos 54 que temos agora. Cada catro ou cinco anos se volve concursar de novo. Cos cambios, incorpóranse novos produtos que se miran previamente en Ferrol. Ás veces, o que temos no catálogo non é suficiente e buscas alternativas. Cada vez dase máis a chamada cura avanzada, cando usas algún tipo de substancias, mecanismos ou aparellos que non son habituais de momento. É o caso, por exemplo, dos factores de crecemento, que se empezan a aplicar nas feridas.
-Cal é o nivel de curación?
O nivel de curación neste tipo de pacientes non é moi alto. Temos pacientes de máis de 90 anos con patoloxías que recidivan con certa facilidade, sobre todo as úlceras vasculares, que son as máis frecuentes e as que máis reaparecen ao cabo dun ano. Por moito que fagas en materia de prevención, e dadas as condicións dos pacientes, é moi difícil que non reaparezan. A nivel de recoñecemento, para nós é moi importante que os pacientes xa non van polo resto da Área en canto pasan por aquí. Cando volven ter calquera cousa, aparecen por esta porta.
-Quédavos tempo para a investigación?
Algo queda, pero se tiveramos máis tempo, daría para moito máis. Xa simplemente a recollida de datos que facemos a nivel de consumos, daría para investigar bastante. Non hai moita información ao respecto. Ás veces estás condicionado pola premura da dirección. Na Área fixéronse cousas para mellorar a prevención, o seguimento dos indicadores, a formación… Estamos titorizando residentes de Enfermaría familiar e comunitaria que veñen por aquí a rotar. O verán témolo cuberto con rotacións externas.
-E sempre pendentes dos últimos avances?
Ao estar conectada a consulta co catálogo, somos un punto de incidencia directa das empresas. Canto teñen unha novidade, veñen por aquí a contarcha porque saben que un dos puntos de entrada e compra pasa porque o produto nos convenza a nós. A nós interésanos estar ao día tamén de todo o que pode beneficiar a un paciente concreto nun momento concreto. Ás veces, participamos en estudos de investigación de produtos non comercializados, por suposto co paciente perfectamente informado.
-Que foi o que máis te chamou a atención nos últimos tempos?
O que che comentaba antes dos factores de crecemento. Non é unha situación nova. O que é novo é que se trata dun circuíto pechado de uso. Agora estamos traballando nun sistema moito máis selectivo. Aínda que é o mesmo proceso, colles unha fracciónmoi concreta do plasma e formas un coágulo que, unha vez aplicado, ten un efecto máis evidente. É outra liga de investigación que, polo momento, non estamos aplicando en moitos pacientes.
-Como ves o futuro da unidade?
A min quédanme dous telexornais. Agardo que isto siga cando eu marche. Temos xente, pero a remuda é complicada. Os detalles económicos son os que non facilitan que poda haber unha remuda clara. Aquí estamos a traballar nunha quenda fixa de mañá, que xusto é na que menos cobras. Veremos como se soluciona. Haberá que darlle unha saída, pero non aquí na Área, senón a nivel da consellería: dotar determinadas prazas de enfermeiro que teñen unhas condicións moi específicas. Noutras comunidades autónomas están a falar de enfermeiras de práctica avanzada ou xestoras de casos. Nalgúns sitios, fórono resolvendo. Pouco a pouco haberá máis especialización. Agora mesmo en España, hai varios masters en feridas. Ata que se consiga esa figura máis especializada aínda falta moito.