Enfermeiras e alzhéimer: as coidadoras non teñen quen as coide

ALFONSO HERMIDA
Comunicación Colegio de Enfermería de A Coruña
 

O alzhéimer afecta máis de 800.000 persoas en España, segundo a Sociedade Española de Neuroloxía. Cada ano, aparecen 40.000 casos novos, a maioría en persoas de 65 anos. É unha das causas máis comúns de demencia. En concreto, entre o 50 e o 70 % dos casos totais de demencia débense a esta enfermidade. Máis da metade dos casos que aínda son leves están sen detectar.

Todas as demencias, pero especialmente o alzhéimer, teñen consecuencias importantes principalmente para quen as sofre, pero tamén para quen coidan dos pacientes, as enfermeiras e as familias. Achegámonos á residencia pública Torrente Ballester da Coruña, onde traballan as nosas entrevistadas: as enfermeiras Isabel Yáñez, Silvia Mosquera e Martina Lestón. 

-Que supón o alzhéimer no voso día a día?

Isabel Yáñez.- O alzhéimer supón para as enfermeiras, desde o punto de vista laboral, unha dose tremenda de paciencia e empatía. Son pacientes que, ademais da perda de memoria, queren que os atendas de inmediato.

Silvia Mosquera.- Sofren cambios importantes na súa personalidade e no seu comportamento. Son pacientes que teñen trastornos do soño e, pola nosa parte, requiren de empatía e paciencia para poder telos o máis tranquilos posibles. É moi importante que eles se encontren seguros nunha contorna que para lles sexa coñecida. Evitamos trasladarlles de habitación, por exemplo. É dicir, os mínimos cambios para que non se desubiquen. 

-Como mudou nos últimos anos o perfil destes pacientes?

Martina Lestón.- Na actualidade, é unha enfermidade moito máis diagnosticada. Os pacientes duran moitos máis anos, polo que a deterioración é peor. Ao durar máis, os pacientes teñen desde pequenos lapsus de memoria ata que mesmo deixan de comer. Vemos toda a evolución da enfermidade. É moi duro para os pacientes, pero, sobre todo, moi duro para as familias. Cústalles moito entendela e suponlles moito estrés. Que o paciente ingrese nunha residencia pública, como é a Torrente Ballester, é un alivio para moitas familias e para os pacientes supón recibir un coidado moito máis preciso.

-Como son os coidados enfermeiros?

IY.- Van encamiñados a manter na medida do posible a súa independencia. Cada vez temos máis axudas técnicas para eles, axudas que se van desenvolvendo ao longo do tempo. As medicacións tamén van evolucionando e conseguen retrasar un chisco a enfermidade. 

ML.- Hai que recoñecer o labor das auxiliares. Elas pasan con eles moitísimas máis horas ca nós. Tamén a ratio de persoal de auxiliares é moito maior. Dedícanlles moitas horas. Son pacientes que manipulan os cueiros, desfan as camas e teñen risco de caídas, polo que teñen que estar moi encima deles. O traballo das auxiliares de enfermaría cos pacientes debería ser moito máis valorado.

-Como se usa a tecnoloxía nestes coidados? 

IY.- Temos unha habitación sensorial, onde os pacientes experimentan desde sons ata luces, cores e outros estímulos. O servizo de terapia ocupacional está moi pendente deles. 

ML.- Recentemente, introduciron o uso de pequenos robots para pacientes con alzhéimer moi avanzado. No centro, temos dous gatos robóticos. Ao paciente reláxalle moito a acción de aloumiñalos. O gato móvese, fai acenos e miaña. O paciente está pendente do robot e así evítase que se ergan ou se poñan a berrar. Estimúlaos moito e así quedan relaxados porque se concentran no coidado do robot.

-Nunha residencia como esta, faise algún tipo de terapia de prevención con usuarios que non teñen tanta deterioración cognitiva?

SM.- O servizo de terapia ocupacional venos e valóranos diariamente e detecta os posibles cambios a nivel cognitivo.

ML.- Adoitan realizar actividades para que non perdan as poucas habilidades que conservan: motricidade fina, como atar os cordóns dos zapatos, puzzles…

-Como é a relación entre familias e enfermeiras?

SM.- Para algunhas familias, nós somos os seus referentes. Ás veces é complicado poder comunicarse co seu familiar e recorren a nós para coñecer como é a evolución e como se encontran. A relación coas familias é boa.

IY.- Depende moito da familia, de como asimilan a enfermidade. Se teñen familiares que saben o que lles vai pasar e como é o estado do paciente, a relación é moito máis cordial, porque saben do que están a falar. A relación cun familiar que nega a enfermidade é máis difícil, porque non entende porque lle pasan as cousas.

SM.- Cando non entenden ou non queren ver a realidade, ás veces por descoñecemento, ás veces porque negan a evolución natural da enfermidade, é todo máis difícil.

ML.- Nalgunhas ocasións, vemos tamén que os familiares si entenden a evolución do alzhéimer, pero teñen un sentimiento de culpa moi importante. Segue habendo moitas familias que non aceptan o ingreso do seu familiar nunha residencia e que, cando ven a mala evolución, teñen ese sentimento de culpa e chegan a pensar que na casa non sería así. Iso ás veces si que supón algún problema na nosa relación coas familias. 

-E o voso desgaste? Como e quen coida das coidadoras?

IY.- A nós non nos coida ninguén. Nin a administración. Dalles igual. Temos enfermeiras moi maiores que seguen coidando de enfermos moi maiores. Sabemos que a nosa profesión é así, pero entendemos que deberiamos ter algún tipo de coidados que ninguén nos dá. 

-Que tipo de coidados deberían ser?

IY.- Xubilación anticipada, por exemplo.

ML.- Que chegar a certa idade ninguén nos obrigue a facer a quenda das noites. Nesta residencia, temos enfermeiras de máis de 60 anos que non poden adaptar o seu posto a non facer unha quenda de nocturnidade que supón desgaste, estrés ou máis problemas de sono. 

IY.- O traballo a quendas desgasta moitísimo máis que, por exemplo, un traballo de luns a venres polas mañás. De feito, envellecemos antes. Unha enfermeira de 65 anos vén ser como calquera outra profesional con 75.

-De que forma se pode paliar esta situación? Que pasos estades dando para que solucione? 

IY.- Estamos loitando a través dos sindicatos para que exista un coeficiente redutor, unha xubilación anticipada ou unha xubilación parcial. Moito colectivos teñen a xubilación con contrato de remuda. Nós tivémolo, pero quitáronolo. Hai que traballar ata o final. Entendo que os policías ou os bombeiros se xubilen con 58 anos porque teñen un traballo de risco. O noso tamén o é. Un risco físico, de gran desgaste, con pacientes que nalgúns casos poden chegar a ser agresivos, que polas súas enfermidades crónicas teñen xermes, bacterias ou virus resistentes e cos que estamos en contacto. Pero iso a administración non o ten en conta.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.

 

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.