Asistencia, xestión, docencia e investigación, as catro grandes áreas da enfermaría protagonizarán o congreso de AGEFEC na Coruña

ALFONSO HERMIDA
Comunicación Colegio de Enfermería de A Coruña
 

Na segunda fin de semana de novembro (días 8 e 9) celebrarase na Coruña a oitava edición do congreso de AGEFEC, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria. As presidentas do comité organizador son Yolanda Rodríguez, enfermeira especialista en Familiar e Comunitaria do Centro de Saúde de Carballo; e Ana Garrote, enfermeira especialista en Familiar e Comunitaria e titora de residentes no Centro de Saúde dos Rosales, na Coruña. Yolanda é ademais a vicepresidenta de AGEFEC, Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Consulta aquí toda a información do VIII congreso de AGEFEC

-Que esperades do congreso?

Yolanda Rodríguez.- Sobre todo que a xente veña a desfrutalo, que leven moitas cousas novas do congreso e que sintan que forman parte de algo. Os congresos serven tamén para coñecer como traballan e que fan as compañeiras doutras zonas.

Ana Garrote.- Moitas veces os congresos son puntos de encontro con compañeiras que non vemos habitualmente ou que non lle poñemos cara aínda que escoitamos falar delas. Nos congresos créanse novos vínculos para traballar en común.

-Como se organiza un congreso? Como son os primeiros días, cando se deciden o lema do congreso, os asuntos a tratar, a organización de mesas, a selección de ponentes…?

AG.- No anterior congreso, en Pontevedra, na derradeira xornada, un grupo de compañeiras da Coruña animámonos a organizar a seguinte edición na nosa cidade. É a primeira vez que vén á Coruña. A directiva apoiounos en todo momento.

YR.- As persoas que formamos o comité organizador xa traballaramos xuntas. Houbo moitas reunións presenciais e telefónicas. Decidimos que o congreso tivese unha filosofía, que non fose un congreso sen máis. Démonos conta do descoñecemento que hai sobre a maioría das grandes áreas da enfermaría. Todo o mundo coñece a parte asistencial, pero non a de xestión, a de docencia e a de investigación. A partir de aí, fomos dándolle forma ás mesas, que nomeamos con mulleres pioneiras da enfermaría galega, principalmente da zona da Coruña, que fixeron que a día de hoxe esteamos aquí tanto como mulleres como con enfermeiras. Buscamos despois relatoras referentes para ter en cada mesa. Foi moi difícil, por exemplo, encontrar mulleres en xestión, pero traemos tres relatoras que son moi boas profesionais. Na parte asistencial veñen mulleres que lideran proxectos moi importantes, e na parte de investigación teremos tres enfermeiras doctoradas, que non abundan, desgraciadamente.

-Como son os talleres simultáneos que abren o congreso?

YR.- Tiñamos claro que queriamos talleres prácticos e actuais. Nos congresos, pecamos un pouco de repetitivos e case sempre son as mesmas temáticas, que están moi ben porque son una necesidade na nosa práctica diaria. Vemos que dun tempo a esta parte hai outras inquietudes que xorden na consulta e que nós vemos deficitarias, como os enxertos en selo, técnica moi pioneira; a deshabituación tabáquica, que a facemos conxuntamente co médico e require unha base sólida para poder sacar adiante a consulta; as intervencións comunitarias e a nova instrución 2023-2027 do SERGAS sobre elas, cun referente en Ourense, Verónica Civeira, que impartirá o taller sobre como organizar unha actividade comunitaria a partir do seu proxecto Pupas, sustos e outros desgustos. Por último, temos un tema de actualidade e moi necesario, a saúde mental na consulta, un taller que nos dará ferramentas para abordar este tipo de pacientes. 

-O primeiro día tedes dúas horas para os estudantes de enfermaría. A saída laboral de enfermaría familiar e comunitaria ten tantos problemas á hora de convencer os universitarios como teñen os compañeiros médicos?

AG.- Todo o contrario. A saída laboral é un tema aparte, pero á hora de escoller a especialidade, a nosa é unha aposta segura. Créanse máis prazas a nivel nacional para Enfermaría Familiar e Comunitaria, é decir, é unha aposta do Ministerio de Sanidade e nunca quedan vacantes. Esgótanse axiña porque é unha das especialidades que máis se escolle.

YR.- A enfermaría segue a ser moi vocacional. Os contratos non son mellores, nin moitísimo menos. A especialidade evolucionou moitísimo nos últimos anos. A profesional xestiona a súa axenda e a forma de levar os pacientes é bonita e satisfactoria.  

AG.- Poder acompañar persoas e familias enteiras durante toda a vida é unha das partes máis bonitas da profesión. É certo que despois chega a parte menos bonita cando ves que non é tan doado manterte na Atención Primaria cando xa es especialista, pero aínda así conservamos as ganas e a enerxía para loitar pola especialidade. 

-Esa vocación desenvólvese mellor nun centro de saúde que nun hospital? 

YR.- Son diferentes. Hai moitas enfermeiras que lles encanta a atención hospitalaria, a cirúrxica, a médica, a UCI. O importante é que podas estar no ámbito no que unha se sinta máis desenvolta. 

-Cales son as principais dificultades que se encontra unha enfermeira recén saída da facultade? 

AG.- Non todas as enfermeiras especialistas traballan no seu ámbito. Pasa coa nosa especialidade e con outras como Pediátrica. É unha barreira coa que nos encontramos. Ti estás formada nun campo moi específico e ter que traballar, por exemplo, nunha UCI supón a maior dificultade que atopamos. É imposible saber de todo e, ao final, especializámosnos para dar uns coidados de calidade e ofrecer o mellor dos coñecementos á poboación. 

-Que imos encontrar nos catro simposios que hai no congreso?

YR.- O apoio da industria é fundamental para o desenvolvemento dun congreso. Temos catro simposios, pero a industria colabora tamén con stands, o material para o congreso… Estamos moi agradecidas nese sentido. Os simposios son, sobre todo, mesas informativas: os de GSK e Pfizer son sobre vacinación de adulto e captación da vacinación, algo que é bastante importante ma consulta. O de Abbot é sobre a monitorización flash de glucosa e, finalmente, o de Adamed vai sobre deshabituación tabaquica, cunha médica que nos vai axudar a facer unha consulta multidisciplinar. Son simposios moi bonitos que complementan moi ben o congreso.

-E nas comunicación orais e posters? Hai moitos traballos inéditos?

AG.- As compañeras do comité científico do congreso adiantáronnos que xa se presentaron moitos traballos, máis que en  congresos anteriores, e que a calidade é moi boa, con traballos inéditos.

YR.- Estamos moi contentas pola información e orgullosas de ver tantas compañeras adicadas á investigación.

-Na xornada do sábado, abordades os catro grandes ámbitos enfermeiros: xestión, atención, docencia e investigación en mesas que levan, como comentastes, os nomes de grandes referentes históricos da enfermaría. Que pode aportar a enfermaría desta primeira metade do século XXI nestes ámbitos?

YR.- Escollemos eses nomes (Isabel Zendal, Concepción Arenal, María Barbeito e Juana de Vega) porque grazas a esas mulleres estamos hoxe aquí. É a nosa pequena homenaxe. Ao longo do século, houbo unha evolución moi importante. Elas déronnos a base para ser o que agora somos.

AG.- O gran fito da enfermaría do século XX foi a entrada na universidade. Formarnos coa mellor evidencia posible foi un gran paso. O século XXI tróuxolle á enfermaría as especialidades. Grazas á ampliación de especialidades (xa tiñamos a de matrona) e a súa estabilidade, conseguimos que nesas catro grandes esferas enfermeiras poidamos profundizar máis. Coa especialidade, temos acceso directo ao doutorado, que encamiña as partes de docencia e investigación. A especialización tamén mellora a parte asistencial, porque damos mellor atención. No ámbito da xestión é onde vemos que a enfermaría queda un chisco atrás. Aínda que se avanzou moito é aí onde máis podemos medrar. 

-Cal é a vosa opinión acerca da prescrición enfermeira?

AG.- Ao redor deste asunto hai moito ruído e ao final iso é un problema nunha sociedade na que xa hai moita polarización. Os grandes titulares non axudan. A poboación, mesmo outros colectivos, non entenden que é iso da prescripción e desconfían. A prescrición enfermeira está baseada en protocolos pechados de competencias da enfermaría. Un exemplo doado de entender. A un paciente inmobilizado, que está encamado, a quen imos visitar para saber como está, falar coa familia e ver que necesidades teñen, apreciámoslle feridas por humidade na zona da ingua porque o absorbente lle queda grande. Cando volvo á consulta, fágolle a prescrición do absorbente de menor tamaño e dunha crema para a zona da ferida seguindo o meu criterio enfermeiro. Coas bolsas de colostomía, nós instruímos a pacientes e familias sobre o seu uso, e, polo tanto, prescribimos. Son prescricións que facemos no noso día a día, porque é a nosa competencia. Traballamos en equipo cos médicos, pero hai casos que nós podemos abordar de xeito individual na nosa consulta.

YR.- Outro exemplo da prescrición é a pauta do Sintrom. Os pacientes teñen interiorizado que a fai a enfermeira. Cando sae fóra dese rango de protocolo, derivamos ao equipo médico ou ao equipo de hematoloxía. É unha prescrición totalmente segura, porque temos un protocolo que nos guía, aprobado tamén por médicos e farmacéuticos. Hai moito ruído e débese analizar que é o que molesta realmente ou que é o que se está facendo mal segundo os colectivos aos que non lles gusta. Os pacientes ás veces se sorprenden de que nós podamos prescribir (o caso dos absorbentes ou das tiras de glucemia, por exemplo). Se os titulares son que as enfermeiras poden prescribir pero non teñen formación, é lóxico que haxa confusión nos pacientes. Estase sacando fóra de lugar a prescrición.

-Cantas especialistas en enfermaría Familiar e Comunitaria hai en Galicia e cantas prazas hai?

AG.- Nestes momentos, hai 222 de promoción interna e 391 libres. Contamos con 211 prazas estruturais para todo o SERGAS. Só 30 son fixas, á espera de que se incorporen outras 60 na próxima licitación. Con estes datos, a pesar de que o Sergas inviste cada vez máis na especialidade, aínda non abonda para ofrecer oportunidades profesionais a todas as especialistas galegas. O 22 %, é dicir case unha cuarta parte das especialistas, traballan fóra da Atención Primaria.

YR.- Hai moitas enfermeiras en Primaria que somos especialistas e que temos contratos de xeralistas, é dicir, non estamos contratadas na nosa categoría. 

-Aumentan as prazas ofertadas, pero seguen sen aumentar as prazas estruturais.

YR.- Reclamamos que, se se inviste nunha especialización de enfermaría e custa moito diñeiro facer unha residencia, e ademais o Estado amplía as prazas todos os anos, é competencia das comunidades regular esa especialidade. Se tes persoal formado, no que investiches moitos cartos, o ideal é que estiveramos todas en Primaria.

AG.- Fálase moito da fuga de talento cara outras comunidades ou outros países, pero realmente o que hai é unha fuga de talentos dentro do sistema a outros ámbitos. Non ten sentido ser especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria e que esteas traballando nun quirófano, ou ser especialista en Pediatría e que esteas traballando nun xeriátrico. Fórmaste para dar os mellores coidados nun ámbito concreto e estás a traballar noutro? Non ten sentido.

YR.- A parte positiva é que Galicia foi a primera comunidade que creou a categoría de especialista de Familiar e Comunitaria e a primeira que ten oposición específica desta especialidade. Estanse dando cada vez máis prazas vacantes ou interinas e temos esas prazas fixas que crearon coa oposición. Vemos que hai unha intención de darnos valor ás especialistas de Familia.

A especialidade de Xinecoloxía e Obstetricia está mellor regulamentada, aínda que tamén teñen os seus problemas; Saúde Mental tamén está ben regulada e ademais saen da especialidade e decontado teñen a súa interinidade; Pediatría si que está nunha situación parecida á nosa; Xeriatría e Traballo están abandonadísimas… Como a enfermeira vale para traballar só coa carreira, non interesa que esteamos especializadas. 

AG.- Ao longo prazo, sae rendible economicamente investir na Atención Primaria e, polo tanto, na especialización das profesionais. A curto prazo, é máis doado ter unha enfermeira que sirva para todo, que hoxe traballe na UCI, mañá en hemodiálise e pasado en Urxencias. É dicir, úsannos de comodín.

YR.- Hai que valorar tamén a evolución da sociedade. Somos unha sociedade cada vez máis envellecida, con patoloxías máis crónicas. Se abordas esta situación desde unha Primaria ben traballada, vas previr moitísima Hospitalaria. A longo prazo, os números e os investimentos teñen que dar. 

-O Goberno anunciou que de forma inminente abordará a reclasificación profesional. Parece chegado o momento de elevar ao nivel administrativo A ás enfermeiras españolas. Credes que desta vai? Que vai supoñer para as enfermeiras de Familiar e Comunitaria? 

-AGEFEC e os catro Colexios de Enfermaría de Galicia pediron que a proposta da reclasificación profesional fose considerada de urxencia pola Consellería de Sanidade para que lidere esta demanda a nivel nacional. Somos profesionais da saúde altamente cualificadas grazas á formación universitaria especializada e a unha práctica laboral rigorosa e comprometida coa provisión de coidados de saúde de calidade. O grupo A2 actual está xa obsoleto, polo que reclamamos o grupo A como recoñecemento do noso nivel académico, da nosa responsabilidade na atención sanitaria e da nosa contribución esencial ao sistema de saúde.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.

 

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.