Aínda que en España o número de casos de encefalites graves é moi inferior aos que se producían hai varias décadas, desde a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) indican que nos últimos anos se observou un lixeiro aumento. Ademais dun aumento dos casos de encefalites autoinmunes asociados a factores xenéticos, ambientais e outros factores como a contaminación ou enfermidades virais previas e a mellores nos sistemas de detección, os casos de encefalite infecciosa tamén están aumentando polos movementos antivacinas ou polo cambio climático, segundo sinalan desde a SEN.
No Día mundial da encefalite, que se celebra cada 22 de febreiro, conversamos co enfermeiro arzuán Jaime Rodríguez Vidal, supervisor da planta de Neuroxolía do Hospital Clínico Universitario de Santiago desde hai catro anos.
-Que é a encefalite?
A encefalite é a inflamación do tecido cerebral. Trátase dunha emerxencia médica. O prognóstico vai depender, como en moitas outras patoloxías, dun diagnóstico e tratamento precoz. É unha enfermidade con alta morbi-mortalidade: sobre un 20 % dos doentes poden quedar con secuelas e a mortalidade pode ser de entre un 5 a un 20 %.
-Cales son as súas causas?
As causas poden ser numerosas. Nunha alta porcentaxe non se identifica a causa. No noso entorno, as máis frecuentes son as encefalites infecciosas por virus do grupo herpes. Outras encefalites infecciosas poden ser causadas por bacterias, fungos e parásitos. Nos últimos anos, as encefalites autoinmunes están aumentando en frecuencia.
-Cal é o perfil habitual dos pacientes?
Aínda que a incidencia é maior na poboación infantil e adolescente, non hai un perfil definido e pode aparecer a calquera idade.
-Que síntomas presentan e que secuelas padecen os enfermos?
Algunhas persoas poden ter síntomas dun arrefriado ou dunha infección estomacal antes de que os síntomas de encefalite empecen. Os signos e/ou síntomas que nos fan pensar nunha encefalite son alteración do nivel de consciencia, irritabilidade ou alteración da conduta xunto con datos que na exploración nos fan pensar nunha inflamación do sistema nervioso central como febre, crises epilépticas, síntomas focales como alteración da linguaxe, alteración no estudo do líquido cefalorraquídeo, alteración no electroencefalograma ou unha resonancia suxestiva de encefalite. As secuelas como alteracións cognitivo-condutuales non son infrecuentes: perda de memoria, cambios na personalidade, trastornos da linguaxe ou crises epilépticas.
-Como é o día a día na unidade de neuroloxía e en que consiste o coidado enfermeiro desta doenza?
O papel da Enfermaría é fundamental no manexo destes pacientes. Ditos pacientes moi frecuentemente presentan trastornos cognitivos, condutuales, psicolóxicos e trastornos da linguaxe, o que dificulta a súa interacción co medio e é aí onde o persoal de Enfermaría xoga un papel fundamental para lograr a integración e interacción do paciente co medio. Isto sen esquecer o coidado sanitario (administración de tratamento médico e resto de coidados de Enfermaría). Ademáis é moi importante a atención ás familias, xa que en moitos casos os trastornos condutuales (poden mostrarse agresivos mesmo cos familiares) non son entendidos polos acompañantes. Hai que explicarlles que o seu comportamento é un dos síntomas da súa enfermidade e facerlles partícipes do seu coidado.
-Como é monitorización da evolución dun paciente con encefalite?
Estes doentes, na fase aguda, deben ter un control estreito das constantes, posto que poden desenvolver febre, cambios da presión arterial, taquicardia, bradicardia etc. A vixilancia dos síntomas neurolóxicos focais coma poden ser a aparición de crises epilépticas, trastorno da linguaxe e outros, tamén son fundamentais. A valoración neurolóxica debe facerse cada 1 ou 2 horas ata que o doente se estabilice. Manter un ambiente tranquilo tamén é moi importante. Esta monitorización corre a cargo do persoal de Enfermaría, que é o primeiro en detectalo. Unha vez dados de alta hospitalaria, deber ter un seguimento neurolóxico, rehabilitador e neuropsicolóxico, xa que moitos deles terán secuelas cognitivas, psicolóxicas e físicas.
-Cantas enfermeiras traballan na Unidade?
Na planta de Neuroloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que é onde traballo, contamos con 18 enfermeiros/as no cadro de persoal con presenzas de 3 profesionais en cada quenda, tanto diurna como nocturna. Ademáis temos 12 TCAE, sendo 4 en quenda de mañá, 2 en quenda de tarde e un en quenda de noite Ademáis contamos cun celador por quenda. Con esta dotación, atendemos a Unidade de ICTUS e a Unidade de Epilepsia (que están na propia planta) ademáis do resto de cuartos de hospitalización normal.
-Pódense adoptar algunhas medidas preventivas para evitar a encefalite?
Unha das medidas preventivas máis eficaces son as campañas de vacinación poboacional. É fundamental insisitir na vacinación en nenos, persoas maiores e inmunodeprimidos.
-Que avances recentes para a mellora do prognóstico dos pacientes destacarías?
O máis destacado é o maior coñecemento das encafalites autoinmunes, identificándose, nos últimos anos, diversos anticorpos asociados con encefalites autoinmunes. Tamén é importante dar a coñecer a enfermidade, posto que o prognóstico a longo prazo depende en gran medida dun diagnóstico e tratamento precoz.
-Cales son as principais liñas de investigación no manexo da encefalite desde a perspectiva da Enfermaría?
Descoñezo neste momento que liñas se están seguindo. Coido que historicamente a Enfermaría non estivo moi involucrada na investigación.É un campo no que se está a mellorar e espero que cada vez nos impliquemos máis, xa que é a mellor maneira de avanzar na nosa profesión e obter recoñecemento como colectivo ao mesmo tempo que mellora a calidade dos coidados que podemos ofertar ós doentes.
-Que recomendacións se dan aos familiares e ao propio paciente sobre tras a alta hospitalaria?
A encefalite pode afectar toda a familia. Aceptar a nova situación pode ser angustioso. Os cambios de personalidade que poden darse no doente non sempre son entendidos pola familia. A recuperación pode verse favorecida por un calendario estruturado, onde as actividades de curta duración, tanto físicas como mentais, vaian seguidas de descansos. Estes periodos de actividade inicialmente deben ser curtos e os de descanso, longos, e pouco a pouco aumentar a actividade e diminuir os tempos de descanso.
Unha dieta sa pode beneficiar a recuperación: aumentar a inxesta de calorías e nutrintes, beber agua abondosamente, non beber alcol. Evitar azucre, graxas saturadas, comidas con moito sal e a cafeína. Comer froita, verduras e produtos lácteos que achegan vitaminas é importante.
O contacto con outras persoas pode ser importante para manexar o estrés e os sentimentos de depresión. Pode ser beneficioso unha terapia complementaria como a rehabilitación cerebral (mellora a cognicio e a memoria), fisioterapia (mellora a forza, a flexibilidade, o equilibrio e a coordinación), terapia ocupacional, psicoterapia (para mellorar o estado de ánimo e abordar os cambios de personalidade) e logopedia (coordinar os músculos da fala).
