Enfermería de Atención Primaria (VI): "Somos o saco roto no que caen todos os problemas sanitarios”

Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
 

Digna Rodríguez é a coordinadora de Enfermaría do SAP de Vimianzo desde 2022. A súa traxectoria no SERGAS transcorre sobre todo na Atención Primaria, ata 2012 vinculada a Área Sanitaria de Pontevedra e a partir de 2013, á Área da Coruña-Cee. Experiencia máis que suficiente para botar con ela un repaso ao día a día do centro de Vimianzo e á situación da Enfermaría Comunitaria.  

Coa coordinadora do centro vimiancés continuamos o ciclo de entrevistas que iniciamos o ano pasado e que continuamos en 2025 coas responsables de Enfermaría dos centros galardoados pola Xunta nos Premios dos Plans Locais de Saúde. Podes ler as anteriores entrevistas nestes enlances: As PontesRibeiraA EstradaFontenla Maristany de Ferrol e A Laracha.

 

-Cantas enfermeiras traballan no Centro de Saúde de Vimianzo? 

No centro de Saúde de Vimianzo somos 4 enfermeiras en consultas, ademais das dúas compañeiras do Equipo de Soporte de Atención Domiciliaria (ESAD,) que están vinculadas ao noso centro. No SAP de Vimianzo, traballamos un total de 11 enfermeiras en consulta de Atención Primaria, 2 enfermeiras do ESAD e 8 enfermeiras no PAC. 

-Cal é a ratio enfermeira/paciente no voso centro? 

A ratio é de 1 enfermeira por cada 1427 pacientes no SAP:

- Camelle, Noelia Pallas Chouciño: 1/949

- Ponte do Porto, Laura Paris Lago: 1/1306

- Baio, Maria del Carmen Lamela: 1/1373

- Zas: 1/1266

1. Dolores Brenlla Ameijeiras: 1/1423

2. Rosa Refojo Rodríguez: 1/1110

- Camariñas: 1/1364

1. Silvia Santos García: 1/1423

2. Pamela Miñones Rego: 1/1306

- Vimianzo: 1/1705

1. Digna Rodríguez Romar: 1/1236

2. Eva Outes: 1/2627

3. Fátima Pena Cameán: 1/2359

4. Elena Cambre (pediatría): 1/600 

-Cal é o perfil medio dos pacientes que tratades?

A maioría dos nosos pacientes superan os 70 anos de idade, pluripatolóxicos e con gran dependencia do sistema sanitario. Actualmente realizamos cada enfermeira unha media de 3-4 visitas domiciliarias debido a gran poboación inmobilizada que temos. Non traballamos en poboacións moi conflitivas, así que o trato enfermeira-paciente é moi próximo e de respecto mutuo. 

-Que imaxe ten a enfermeira comunitaria na sociedade e na profesión?

En canto á sociedade, a enfermeira comunitaria é totalmente descoñecida. Os pacientes non coñecen esta figura nin o rol que deesmpeña nos nosos centros de saúde. No ámbito sanitario, son profesionais moi cualificadas en canto ao paciente de Atención Primaria, coñecedoras de que a prevención é a base do sistema sanitario e que é moi necesario instruir os pacientes desde a idade temperápara evitar a cronicidade, dentro do posible. 

-Hai tempo para dedicarlles ás actividades comunitarias?

Realmente, non hai tempo material para adicarlle ás actividades comunitarias. Cando realizamos esta actividades, sabemos que son, na maioría dos casos, no noso tempo libre ou tendo que axustar as axendas ao límite para poder realizalas. 

-Que significa para o centro a concesión do premio á dimensión da satisfacción dos pacientes dos Plans locais de Saúde 2024?

Para nós, e sen menosprezar ningún dos premiados, é un dos galardóns mais importantes, xa que son os nosos pacientes, por e para quen nós traballamos, os que o deciden. Fíxonos moita ilusión recibilo, porque parece que sempre andamos a correr, que non nos podemos parar, tanto como quixeramos, con cada un dos nosos pacientes, pero eles non o ven así, ven que lle prestamos o tempo e o esforzo necesarios.

-Como traballades en Vimianzo a satisfacción dos vosos pacientes? 

Este premio, non é só de Vimianzo, é de todo o SAP, xa que cando asinamos o Plan Local de Saúde, non o fixemos como un único centro, senón como a unión de todos os centros do noso SAP, e así traballamos a diario, coma un único equipo, dándonos apoio uns centros a outros. 

Procuramos prestarlles todo o tempo posible, dentro do axustado horario das nosas axendas: intentando acudir, cando é preciso, aos domicilios, non só como tratamento senón como prevención e tentando participar en todas cantas iniciativas se nos presentan, xa veñan dos concellos, centros de ensino, asociacións… porque consideramos a acción comunitaria como a base da Atención Primaria. 

-Desde o voso punto de vista faltan médicos e enfermeras nos centros de saúde?

Sí, faltan médicos e enfermeiras. Segundo as ratios, non é así, pero consideramos que para dar unha correcta atención aos pacientes, as ratios deberían reducirse e ampliar o tempo de atención a cada paciente. Se isto fora así, poderiamos adicarlle mais tempo á prevención e non só á Enfermaría/Medicina como tratamento de enfermidades. 

-O piar do sistema sanitario é a Atención Primaria. Considerádevos tratados como tal?

Nós claro que nos consideramos o piar do sistema sanitario. Somos a porta de entrada ao sistema, a cara mais próxima que teñen os pacientes. Pero a visión que temos e que, neste momento, somos o “saco roto” no que caen todos os problemas sanitarios: listas de espera moi abultadas en Atención Especializada, burocracia administrativa nas consultas… ao ser a cara máis próxima ao paciente, todas as dúbidas e “problemas” que non se resolven na especializada, recaen en nós. 

-Cóntase coa Enfermaría na búsqueda de solucións aos problemas da Atención Primaria? 

Si, nestes momentos, a actividade de Enfermaría en canto a resolución de problemas e búsqueda de solucións é fundamental. A maioría dos protocolos ou novas guías de actuación baseanse, principalmente, no labor da enfermeira. Aínda que podemos velo tamén doutra maneira: mais responsabilidade representa mais traballo, co mesmo tempo e custo. 

-Cal é o logro máis significativo da Atención Primaria nos últimos anos? 

O aumento dos programas de prevención e, por conseguinte, o aumento da supervivencia. 

-Que cambios che gustaría ver nun futuro?

A diminución das ratios enfermeira/paciente, a consolidación de postos de Enfermaría Comunitaria ou, no seu defecto, as enfermeiras vinculadas en exclusiva a Atención Primaria e o aumento das publicacións e investigacións por parte de Enfermaría.

-Como valorades as últimas novidades relacionadas coa chamada prescrición enfermeira? 

Insuficientes, a prescrición que podemos realizar desde a Enfermaría é moi escasa. Seguiremos dependendo de solicitar a prescrición médica para aplicar nas nosas técnicas. 

-Cando veremos unha enfermeira xestionando un centro de saúde? 

Non creo que tardemos moito. Somos un referente nos nosos centros de saúde, polo que se debería de eliminar a figura do médico como Xefe de Servizo. No noso caso, como di sempre a nosa Xefa de Servizo, somos asamblearios e decidimos todo en conxunto. Eu considero que estamos ao mesmo nivel, non hai diferenza (só nominativa) entre a Xefa de Servizo e a Coordinadora de Enfermaría. 


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes