"As enfermeiras deben estar na comunidade e facilitar a integración das persoas con enfermidade mental"

Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña 
 

Comezou como unha idea do equipo de Enfermaría para abrir espazos fóra do hospital e converteuse nun proxecto vivo de integración comunitaria a través da radio. Sete persoas usuarias do Hospital de Día de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol participan voluntariamente nun programa emitido desde Radio FilispiM, a emisora comunitaria do barrio de Canido, onde cada voz constrúe pontes contra os estigmas.

Nesta entrevista coñecemos tres das enfermeiras que fixeron posible a iniciativa: Consuelo Carballal, especialista en saúde mental con máis de trinta anos de experiencia e hoxe xubilada pero plenamente activa; Mónica Aneiros, enfermeira do Hospital de Día desde hai catro anos; e Yolanda Lage, especialista en formación, que fixo deste proxecto a súa investigación de fin de residencia. 

-Como xorde a idea de empregar a radio como ferramenta terapéutica?

Esta inciativa xorde do equipo de Enfermaría do Hospital de Día de Psiquiatría, e proponse como un elemento de integración comunitaria, xa que se trata dunha actividade novidosa que se realiza fóra do ámbito hospitalario e que se beneficia do poder que teñen os medios de comunicación comunitarios como ferramentas de transformación personal e social para as persoas que padecen un problema de saúde mental. Neste caso, o programa de radio emítese dende a emisora comunitaria Radio FilispiM, ubicada no centro cívico do barrio de Canido, en Ferrol.

-Había referentes ou experiencias previas neste tipo de intervencións?

Por suposto que si. Como referente internacional temos a Radio La Colifata, en Buenos Aires (1991), a primeira radio no mundo en emitir dende un hospital neuropsiquiátrico. A súa trascendencia foi tal que serviu como inspiración para futuros proxectos similares en numerosos países do mundo, entre eles España, onde nace en Barcelona no ano 2003 Radio Nikosia. Na actualidade, existen múltiples proxectos deste tipo repartidos polo territorio español, e moi preto de nós, dende a provincia da Coruña emiten dous programas relacionados coa saúde mental: Radio Parafuso e Radio Prometea. 

-Como se estruturou o traballo co grupo?

O programa de radio proponse como unha actividade incluída dentro do programa asistencial do Hospital de Día de Psiquiatría e da que poden formar parte os usuarios que acepten participar nela de forma voluntaria e ademais se adapte aos seus intereses. Na actualidade manteñen a súa participación no grupo de radio sete usuarios. Este proxecto xorde despois dun primeiro contacto entre o hospital e a radio comunitaria en outubro de 2022 da man de “FilispiM vai”, con motivo de celebrar o Día da Saúde Mental e no que participaron usuarios do Hospital de Día de Psiquiatría e outros profesionais do servizo. Na actualidade, o noso programa de radio estructúrase en 3 fases: 

  • Preparación do programa: traballo en equipo entre os usuarios participantes e as profesionais de Enfermaría co obxectivo de elaborar a escaleta ou guión do programa e asignar as funcións de cada participante na fase de emisión. Esta preparación ten lugar a mesma semana da emisión en directo, aínda que uns días antes.
  • Emisión en directo: no estudio da radio comunitaria “Radio FilispiM (93.9 da FM), a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos que emite dende Ferrol”, ubicada no centro cívico de Canido. O programa emítese en directo o terceiro venres de cada mes, en horario de 11 a 12 do mediodía. Ao mesmo tempo da emisión en directo, o programa grávase na súa totalidade. Posteriormente, unha das profesionais de Enfermaría encárgase de difundilo online na plataforma iVoox e no blog de Radio FilispiM. Ademáis, a propia emisora repite os programas cada luns ás seis da mañá e cada xoves ás tres da tarde.
  • Avaliación: traballo grupal que se desenvolve ao finalizar a emisión en directo. Nesta reunión realízase unha valoración conxunta do programa emitido, repásase o taballo en equipo, reparto e xestión de tempos, intervencións individuais e o seu axuste en tempo e forma.

-Como se implican os usuarios na elaboración e gravación do programa?

Os usuarios participantes implicáronse no programa de radio dende o primeiro momento. Por un lado, porque manteñen constante a súa presenza tanto nas reunións de preparación como nas emisións en directo, avisando ao equipo con antelación en caso de que non puidesen acudir. Ademáis de ter en conta a súa asistencia na actividade, a implicación no proxecto destaca pola súa participación activa, aportando contidos para cada programa e intervindo nos directos. Neste sentido, vemos un grande interese en xeral pola busca e preparación de posibles temas. A pesar das dificultades iniciais para establecer un diálogo fluido a nivel grupal nos directos, co paso do tempo e a sucesión dos programas, estamos nun momento no que todos os participantes interveñen en directo e establécense diálogos fluidos e espontáneos. Hai programas nos que o tempo establecido é insuficiente para abordar todos os contidos propostos na escaleta. 

-Cal foi o principal desafío?

Sen dúbida, toda a preparación previa á emisión do primeiro programa. Foron necesarias catro reunións, visitas ó estudio da radio comunitaria para establecer unha primeira toma de contacto co espazo, os aparatos de locución e son… e a primeira emisión en directo. A partir do primeiro programa, e xa sabendo cómo é a dinámica nesta actividade, mellorou a fluidez. 

-Que función desempeñastes como enfermeiras neste proceso?

Inicialmente, promoción da actividade comunitaria. Fomos o nexo de unión coa radio para a proposta de levar a cabo un programa dende unha emisora comunitaria. Durante a propia actividade, proporcionamos acompañamento e actuamos como facilitadoras e guías no desenvolvemento do programa. Tras a emisión en directo, somos as responsables da difusión do programa nas diferentes plataformas online para a súa repetición. 

-Unha desas funcións é que as profesionais actuades como “facilitadoras do cambio”. Que implica este rol para una enfermeira de saúde mental? 

Implica que unha enfermeira debe estar na comunidade e facilitar a integración das persoas cun diagnóstico de enfermidade mental nos contornos comunitarios, tan necesario para súa recuperación. 

-Por que é tan importante abrir espazos fóra do hospital para o traballo en saúde mental?

Para derrubar barreiras e loitar contra o estigma que ainda existe coa enfermidade mental. Neste sentido, o programa de radio articúlase como un espazo horizontal en saúde mental, necesario para que persoas cun diagnóstico de enfermidade mental poidan exercer os seus dereitos e autonomía. Desde a radio, poden contribuír á loita contra o estigma en primeira persoa e defender os seus dereitos e intereses como cidadáns de pleno dereito.

-Que benefícios conseguistes para as persoas participantes?

Tras a posta en marcha do programa de radio, no equipo implicado no proxecto observamos unha serie de beneficios a nivel xeral nos participantes: xerou sentido de pertenenza a un grupo, facilitou o establecemento de relacións sociais e favoreceu o apoio mutuo; permitiu adoptar un rol activo e significativo, formando parte importante do proxecto, asumindo responsabilidades e implicándose no programa; e potenciou o desenvolvemento de habilidades persoais e a adquisición de novas aprendizaxes.

-Como foi a colaboración co Centro Cívico de Canido e a súa radio comunitaria? 

Moi boa, grazas á implicación e percorrido previo nas ondas de Radio FilispiM dunha das enfermeiras do Hospital de Día, de quen xorde a idea da posta en marcha deste proxecto. E grazas tamén ao Colectivo Opaii!, no cal está integrado Radio FilispiM, xa que foi quen aceptou a proposta do programa presentada para a súa emisión e permitiu o uso das súas instalacións no centro cívico de Canido.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 y de 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves.

viernes de 08:00 a 14:30 horas.