"Urxencias é o colchón da sanidade"

A Coruña, vernes 11 de febreiro de 2022.- “As Urxencias somos a porta de entrada: a imaxe que se faga o paciente do hospital constrúese aquí”, explica Beatriz García Trigo, supervisora deste servizo no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña. Tamén nesta unidade os profesionais teñen desde fai dous anos a responsabilidade de identificar aos pacientes con covid dos que non sofren a enfermidade. Este cribado foi e é clave para asegurar o funcionamento de todo o complexo.

Volvendo á irrupción do virus nas nosas vidas, García Trigo cóntanos que nos primeiros días da pandemia se percibía claramente o medo da sociedade ao contaxio. “Na primeira vaga houbo algún día, de xeito moi puntual, que fomos máis profesionais que pacientes. O medo era palpable, houbo xente que pasou infartos na súa casa”, afirma a supervisora, no que é un reflexo palpable dese medo que se apoderou da poboación.

Eses días foron anecdóticos e pronto as Urxencias do CHUAC, como as do resto de hospitais do noso país, comezaron sufrir un incremento desmesurado da súa carga asistencial. Xa non só chegaban enfermos con covid; moitos deles falecían alí mesmo, pero ningún deles o fixo en soidade: “Aquí ninguén morreu só, nin tan sequera nos momentos máis duros da pandemia. Poñíamoslle un EPI ao acompañante e estaba co paciente ata que se ía”, recorda a supervisora mentres pasamos por diante da Área de Observación de Urxencia. Neste espazo, con máis dunha centena de camas, médicos, enfermeiras e auxiliares deben atender a decenas de persoas nunha mesma quenda xa que aquí se trasladan os pacientes antes de tomar a decisión sobre o seu ingreso definitivo ou a súa alta hospitalaria.

Como é o seu día a día como supervisora de Urxencias?

Somos tres supervisoras -Iria, Cris e máis eu- as que nos encargamos de que todas as áreas do servizo estén cubertas e intentamos que as enfermeiras roten por cada unha delas para que coñezan ben o servizo. É certo que se es una profesional recén graduada non estás preparada para ir directamente á área de críticos e para ir a Triaxe precisas unha formación específica.

Ademais, buscamos que as enfermeiras roten porque hai áreas que máis complexas que outras, como pode ser Observación, que é unha área moi dinámica porque entran e saen pacientes con diagnósticos diferentes continuamente e onde hai máis dun cento de camas.

As enfermeiras non teñen entón uns pacientes fixos asignados.

Non, iso é en hospitalización. En planta coñeces ao paciente, a súa patoloxía, incluso a súa vida familiar, que ten moita repercusión na evolución do paciente. En Urxencias non sabemos con que nos imos atopar, cada día é diferente e temos que atender aos pacientes coa máxima celeridade posible. Coa ampla carga de traballo que temos resúltanos imposible algo tan importante como é a comunicación co paciente.

É esa unha das razóns das movilización das enfermeiras de Urxencias nos últimos meses?

Si. As enfermeiras pedimos máis dotación de persoal, porque é tanta a carga de traballo que temos que nos impide falar cos enfermos, e a comunicación é fundamental. Se chega un paciente, por exemplo, cun infarto, ademais do que lle explique o médico, a miña función e que esa persoa estea nun entorno tranquilo e que teña unha enfermeira de referencia. 

“Eu son Bea, a súa enfermeira. Tal como lle dixo o médico, parece que ten un infarto, entón agora imos levalo a un sitio que se chama Hemodinámica. Aquí vanlle poñer unha vía e vai notar moita calor porque lle van dar un vasodilatador”. Se eu fose capaz de explicarlle isto ao paciente, iría moito máis tranquilo.

Neste momento a situación imposibilita calquera tipo de comunicación. O contexto de estrés no que estamos traballando tamén nos pon en risco a nós, porque as posibilidades de que cometas un erro, por pequeno que sexa, aumentan considerablemente. 

Neste sentido, unha das solucións por parte da xerencia foi a implatación do pool no pasillo. Está a funcionar?

Si. Antes tiñamos que trasladar unha enfermeira doutras áreas de Urxencias, deixalas deficitarias, para cubrir o pasillo

Aquí nada depende de nós: no sabemos o número de persoas que vamos ter que atender ou se haberá camas dispoñibles nese momento en planta para poder ingresar a quenes o precisen. Por iso, se non nos chega un pasillo, temos que abrir dous, tres… Que facemos se non cos pacientes que non poden subir a planta pero que tampouco se lles pode dar a alta? 

Como funciona o pool?

O pool é un turno de 10 enfermeiras contratadas que para nós é fundamental. Estas profesionais son necesarias e ademais a maioría, aínda que son xente nova, recén graduada, xa estiveron aquí e coñecen a dinámica do servicio.

Vanse contratar máis enfermeiras para as outras áreas de Urxencias?

Para min como supervisora é prioritario que a carga de traballo por enfermeira se reduza e poida coidar de menos pacientes, porque neste momento a carga de traballo desbórdanos.

Neste sentido, estamos mantendo reunións coa xerencia do CHUAC e somos optimistas, veremos cambios pronto. Ademais do pasillo, preocúpanos especialmente que a Área de Observación ten un déficit importante de enfermeiras pola noite, un dos momentos de máis carga. O servicio necesita con urxencia un respiro.

Lograrase entón reducir o ratio de enfermeira-paciente?

Si. Imos intentar que en Observación haxa unha enfermeira por cada 12 pacientes, ata agora estabamos en 16, sabendo que esos 12 non son fixos, son pacientes que entran e saen da unidade constantemente, que é un matiz determinante de Urxencias. 

Necesitamos contratar moito persoal de enfermería, especialmente para cubrir determinados espazos como os Boxes verdes (urxencias menores) ou Polivalentes. Esta é unha área que orixinalmente se abriu con 15 camas e unha enfermeira e unha auxiliar, pero aquí necesítanse mínimo dúas en cada quenda: a este espazo derivamos aos pacientes covid, polo tanto necesitan illamento, e tamén positivos que teñen tratamentos complementarios para outras doenzas. É complicado.

Parece que as persoas cando teñen que vir a urxencias  -sempre que non sexa algo grave- xa asumen que van ter que esperar un certo tempo, a veces horas, o que pode causar irritabilidade. Sentides que esta unidade é máis hostil que outras?

Si, por iso é tan importante ter tempo para falar coa xente e explicarlle a situación. Entendo que a veces os pacientes chegan aquí e ven moitos profesionais pero cada un de nós ten as súa funcións e o que está claro é que non podemos estar en dous sitios á vez.

É particularmente importante en Urxencias a humanización en enfermería?

Todo é comunicación. Somos a porta de entrada: a imaxe que se faga o paciente do hospital constrúese aquí. O enfermo vai chegar a planta tranquilo ou nervioso e enfadado en función da súa experiencia previa en Urxencias.

Ademais de traballar a comunicación co paciente, en Urxencias é fundamental ter un coñecemento amplo porque se fai fronte a todo tipo de doenzas.

Aquí nunca sabemos que é o que nos vamos atopar ao chegar a traballar. Temos que estar sempre preparadas para enfrontarnos a calquera diagnóstico: afogamentos, politraumatismos, intoxicacións, infartos, síncopes… E atender a todos estes pacientes no mínimo tempo posible.

Como de importante é a formación enfermeira en Urxencias?

É fundamental e a intención ten que xurdir de nós. Salvo o curso de Triaxe, que se fai xa dentro da unidade, as enfermeiras deben buscar, e custear, a súa formación. Isto non ocorrería se tivésemos unha formación reglada, como ocorre cos médicos de UCI ou de Cirurxía: todos reciben a mesma formación especializada, non depende do propio profesional formarse ou non.

As enfermeiras neste servizo somos xeneralistas. Non quero dicir que non sexa adecuada para o servizo, pero o ideal sería recibir unha formación específica da unidade onde, repito, debemos dar atención rápida a pacientes de todo tipo, tamén aqueles que chegan graves e que a súa vida corre perigo.

Estase a reflexar nesta unidade a presión que sofre a Atención Primaria?

Por suposto, e as veces chéganos algún paciente e pensamos “Isto non é unha urxencia”. Pero os pacientes van ir sempre onde haxa alguén que os coide e para iso Urxencias é o colchón da sanidade; o que non se resolve en ningún outro sitio, ven aquí. 

A saturación da Atención Primaria fíxose notar en especial en Urxencias durante esta sexta vaga?

Nótamolo toda a pandemia. Nos tivemos que reorganizar espazos, estruturas, para separar a pacientes covid dos non contaxiados, máis atender outras doenzas independentes ao covid. Si que é certo que ao principio notamos reticencia a vir aos centros sanitarios, porque había medo a contaxiarse e isto provocou que nalgún caso se pasasen infartos na casa. Isto foi moi puntual, o aluvión de pacientes foi a máxima destes dous anos.

As enfermeiras tamén sufriron ese medo ao contaxio?

Si que vivimos momentos difíciles. Pasamos medo porque non sabiamos moi ben a que nos enfrentabamos: ao principio parecía que ía ser unha gripe común, despois empezamos a ver morrer a moita xente. Foi moi duro.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves

Viernes de 8:00 a 14:30 horas

 

 

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves

Viernes de 8:00 a 14:30 horas