"Hai un factor moi importante que retrasa o diagnóstico da endometriose: a falsa crenza de que a dor menstrual é normal"

A Coruña, martes 15 de marzo de 2022.- Cando unha muller padece endometriose, o tecido que de xeito normal debería medrar únicamente nas paredes do útero comeza a desenvolverse noutras zonas do corpo, como o intestino, fígado, pulmóns ou incluso no cerebro. Ademais de causar fortes dores, quenes a padecen poden ver afectada tamén a súa fertilidade.

Aínda que é unha enfermidade que afecta a entre o 10 e 15% das mulleres, alo menos aquelas que están diagnosticadas, porque se calcula que habería moitas sen un diagnóstico, que a veces pode retrasarse ata 5 ou 6 anos desde que as especialistas sospeitan dunha endometriose. A pesares da súa incidencia apenas se ten falado desta enfermidade, e só agora comezamos a escoitar sobre o tema. Isto é grazas á investigación que se empeza a realizar nesta liña e tamén aos testimonios que compartiron personalidades como as actrices Lena Dunham ou Susan Sarandon, que padecen a enfermidade. isabel loureiro matrona

Co obxectivo de visibilizar esta enfermidade crónica, cada 14 de marzo se celebra o Día Internacional da Endometriose. Para coñecer máis sobre esta enfermidade e cal é o papel da enfermería no coidado das mulleres que a padecen, entrevistamos a Isabel Loureiro, matrona no centro de saúde de Ordes, con 25 anos de experiencia repartidos en diferentes hospitais como o CHUAC, o CHUF ou hospital da Costa de Burela.

Cal é a función da matrona en relación a endometriose?

Temos un papel fundamental especialmente á hora de sensibilizar ás mulleres, e ao resto de profesionais sanitarios, sobre esta enfermidade. Entre as nosas funcións están o fomentar uns coidados menstruais nas mulleres, xa desde nenas: que saiban que é a regra, como colocar un tampón ou unha copa menstrual, cuestións básicas e sinxelas das que ás veces nos esquecemos ou non lles damos a importancia que teñen.

Ao longo da súa carreira, necesitou ou buscou formación máis alá da adquirida na carreira e na residencia?

Si. A formación que recibimos na carreira e no EIR é básica, por iso despois precisas actualizarte e seguir formándote en moitos ámbitos, como é a rama de xinecoloxía. A noso aprendizaxe incide máis en obstetricia, pero a matrona é a profesional de referencia para todo aquelo que implica a saúde sexual e reprodutiva das mulleres, de aí a necesidade de ampliar coñecementos: en concepción, embarazo, parto, postparto, menopausia, e tamén despois. As matronas estamos a carón das mulleres desde a menarquia ata que falece.

"Crecemento do tecido propio do endometrio fóra da cavidade uterina". Parece que a definición está clara, entón por que é tan difícil de diagnosticar?

A definición é moi clara, a dificultade reside en que o tecido do endometrio pode medrar en calquera parte do noso corpo. O máis frecuente é que a endometriose apareza na cavidade pélvica ou nos ovarios (endometrioma) pero hai casos nos que aparece no pulmón ou no intestino, zonas do noso corpo onde a endometriose pode presentar un tipo de sintomatoloxía que non nos leve a pensar, de primeiras, que se poida tratar desta enfermidade.

Tamén hai un factor moi importante que retrasa o diagnóstico da endometriose: a falsa crenza de que a dor menstrual é normal. Pode haber molestias, pero no momento en que a muller presenta dores intensas durante a regra hai que ver que pasa porque podemos estar fronte a un caso de endometriose. Ás veces manifestase en relacións sexuais dolorosas, molestias ao ouriñar ou defecar, dor inespecífico na espalda… Non é fácil dar co diagnóstico, e isto é moi frustrante para a muller, e tamén para a profesional. O único xeito de sabelo con certeza pasa en moitas ocasións por facer unha cirurxía exploratoria.

A aparición de tecido típico do endometrio noutras partes do corpo como o pulmón ou o intestino pode provocar o desenvolvemento doutro tipo de patoloxías?

O grado de malignización que se coñece é moi baixo, pero si é certo que en casos concretos pode estar relacionado. Por exemplo, os endiometromas, de xeito moi excepcional, poden dar lugar a un cancro de ovario, por eso se estirpan, sendo un dos poucos tipos de endometriose que case sempre teñen un tratamento quirúrxico.

Cal é a orixe da endiometrose? Por que se produce?

Non hai unha causa única para explicar a enfermidade. Hai varias teorías que a explican e unha delas defende que hai mulleres que teñen un aparato reproductor cunha forma diferente que provoca unha regra retrógada: isto ocorre cando a totalidade do sangrado menstrual, en lugar de saír do útero e ser eliminado pola vaxina, segue cara a cavidade pélvica, esparexéndose, xa que non atopa saída.

Si se sabe con certeza que existe unha tendencia familiar, de feito se a nai, as irmás ou as tías dunha muller padecen ou padeceron endometriose e ela presenta síntomas, temos que profundizar para confirmar o diagnóstico.

Ademais, as mulleres de raza caucásica teñen máis predisposición a desenvolver endometriose, tamén as que presentan menstruación moi abundantes ou frecuentes, ou as mulleres que teñen a regra durante moitos anos, é dicir, unha menarquia temperá e unha menopausia máis tardía.

E, por suposto, os nosos hábitos de vida inflúen dalgún xeito na enfermidade, como a inxesta de alcol, o sedentarismo, o consumo excesivo de tóxicos e alimentos procesados.

É entón agora máis frecuente que no pasado?

O que ocorre é que cada vez sabemos máis da endometriose. Esta é unha boa nova, porque ata agora era un tema que estaba apartado, de feito, aínda que demos co diagnóstico acertado, non existe un tratamento definitivo, senón que en moitos casos hai que probar para adaptalo ás necesidades da muller con endometriose.

A que idade acostuman aparecen os síntomas da endometriose?

A calquera idade, moitas veces desde a menarquia, cando a nena xa experimenta moita dor nos primeiros ciclos, pero pode darse en calquera momento da idade fértil. 

A edometriose considérase unha enfermidade crónica?

Si, aínda que non ten porque presentarse sempre coa mesma intensidade. É moi raro que desapareza antes da menopausia e non sempre se vai chegado este momento, aínda que os síntomas son de menor intensidade porque xa non hai ciclo menstrual. Si é certo que durante o embarazo e postparto a mellora é notable, especialmente se hai lactancia materna porque deste xeito se inhibe a función ovárica.

É posible para as mulleres con endometriose levar unha vida normal?

Hai diferentes formas de endometriose: desde a que non provoca ningún tipo de síntomas e que se diagnostica, por exemplo, facendo un estudo de infertilidade porque unha paciente ten dificultades para ser nai, ata as formas máis graves, como por exemplo a endometriose profunda. Neste caso a endometriose non ten tanto que ver coa extensión do foco senón coa profundidade, o que denominamos adenomiosis, que é cando o tecido endometrial se infiltra na parede muscular do útero.

A endometriose pode evolucionar e iso vai depender de factores como a idade ou onde esté localizada, habendo así mulleres que chegan a necesitar unha baixa laboral pola incapacitación que produce esa dor. 

Os tratamentos en qué consisten?

Temos dúas opcións: tratamento médico ou quirúrxico. Case sempre se opta por un tratamento médico, salvo en casos moi puntuais como no caso dos endometriomas, que consisten en calmar a dor con analxésicos e antiinflamatorios, por unha banda, e en disminuir o tecido endometrial, por outra. Isto conséguese diminuindo a cantidade da sangre na menstruación mediante o emprego de hormonas: pílula anticonceptiva, anel, parche e DIU de hormonas, e tamén con tratamentos hormonais específicos para a enfometriose. 

Pero, como dicía antes, o tratamento debe ser moi indivualizado porque vai depender do que cada muller precise: se quere ter fillos non se pode empregar un método anticonceptivo.

Ademais da medicación ou o tratamento quirúrxico, hai outras recomendacións a maiores, como a práctica de deporte ou seguir unha dieta determinada?

Hai factores de risco que evidentemente non podemos modificar, pero hai rutinas que axudan a diminuir a posibilidade de padecer endometriose, como facer exercicio físico a diario, levar unha alimentación saúdable, que sexa o menos refinada posible, evitando tamén os conservantes… É dicir, levar unha vida saudable. 

Cantas pacientes ten con endometriose na súa consulta?

Entre un 10-15% de mulleres teñen endometriose diagnosticada, pero hai moitas máis que a padecen sen sabelo, porque como falabamos antes, a veces damos por feito que a dor de regra é normal.

Por iso é importante ensinar as nenas desde pequenas que esta dor non é natural e que se doe, hai que acudir á especialista para ver que acontece.

Cando tempo acostuma a pasar desde que a muller comeza con síntomas ata que finalmente se descubre que á razón desas dores é endometriose?

Por desgracia, en ocasións o diagnóstico retrásase ata 5 ou 6 anos; estamos traballando para evitar que isto non ocorra. Desde fai 12-15 anos empezouse a investigar máis sobre a endometriose, fixáronse protocolos de actuación, creáronse unidades especializadas… Isto era moi necesario, só en España o 10% de mulleres son máis de 2 millóns, polo tanto non estamos ante unha patoloxía que se manifeste de xeito excepcional.

E tamén importante acudir con máis periodicidad ás profesionais da saúde como as matronas?

As revisións periódicas son imprescindibles, pero tamén que haxa un clima de confianza, que saiban que estás aí e que, en canto a saúde sexual e reproducción, es a profesional de enfermería de referencia, quen as pode orientar e axudar. Na miña consulta teño pacientes de todo tipo: as que nunca fóran a unha consulta coa matrona, as que comezan a vir porque de repente presentan molestias na menstruación ou nas relacións sexuais… 

Nos 25 anos que leva exercendo de matrona, cales son os principais avances que se fixeron en relación á saúde sexual da muller?

A evolución foi abismal. Especialmente houbo un cambio na nosa propia mentalidade, pois as mulleres empoderámonos, buscamos o que necesitamos e queremos e loitamos por conseguilo. Para min é o máis importante, en calquera ámbito: que a muller sexa capaz de seguir adiante e eliminando trabas.

E con respecto á investigación?

Cada vez máis porque se está vendo a importancia desta enfermidade, o número de mulleres ás que afecta, por iso se se lle presta máis atención a nivel clínico. Vemos analxésicos máis avanzados, compostos hormonais máis adaptados, e aínda que as liñas de tratamento médico seguen sendo as mesmas, si que se deron pasos con respecto á cirurxía, como coa implantacón da laparoscopia que é moito menos invasiva.




Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves

Viernes de 8:00 a 14:30 horas

 

 

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves

Viernes de 8:00 a 14:30 horas