Victoria Carral, directora de enfermeiras da área sanitaria de Santiago e Barbanza:“As enfermeiras especialistas teñen que traballar como tal”

Visto: 1484

A directora de enfermeiras da área sanitaria de Santiago e Barbanza recoñece que hai dificultades para encontrar profesionais ante o gran volume de xubilacións.

Victoria Carral é a directora de enfermaría da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza desde hai seis anos. Tras a declaración por parte da OMS do final da emerxencia sanitaria da COVID, Victoria, diplomada en Enfermaría pola Universidade de Vigo e máster en Ciencias da Enfermaría pola Universidade de Alicante, recoñece que “as profesionais chegamos cansas, porque vivimos unha situación moi crítica que nunca viviramos. Levamos arrastrando ese cansazo todo o tempo. Pero ao mesmo tempo estamos moi ilusionadas. Seguimos comprometidas co coidado dos nosos pacientes e coa saúde da población. As enfermeiras non baixamos a garda porque aínda seguimos tendo pacientes ingresados con COVID.”

Con Victoria Carral iniciamos unha xeira de entrevistas cos responsables de enfermaría das tres áreas sanitarias da provincia da Coruña. As entrevistas enmárcanse na Semana da Enfermaría, que estamos a celebrar.

Cales son os obxectivos máis inmediatos da súa dirección?

Temos un déficit importante de persoal de enfermaría, polo que un dos principais obxectivos é a cobertura ao cen por cento. Necesitamos a reposición porque hai un volume moi grande de xubilacións. É fundamental tamén ter máis prazas de enfermeiras especializadas. Ademais, desde a dirección queremos apoiar a enfermaría dos distintos servizos e unidades nas súas necesidades e darlles as ferramentas e medios para que poidan progresar nas súas funcións. 

Cantas persoas traballan baixo a súa dirección?

En toda a área sanitaria hai 1.620 enfermeiras.

Abondan? Hai moita carga de traballo?

O Ministerio aínda non definiu a ratio malia as nosas demandas. No noso hospital, sobre todo en hospitalización e tendo en conta o envellecemento da poboación e que hai moitos pacientes pluripatolóxicos, tratamos de incrementar efectivos para ter a ratio o máis axeitado ás nosas posibilidades. 

A OMS recomenda non máis de 8 pacientes por profesional. Cúmpren esta ratio na área sanitaria?

As ratios defínense tamén en relación ás quendas. Non é o mesmo a da mañá que a da tarde ou a da noite. Pola mañá, nós temos unha ratio de 1 enfermeira para 10 pacientes. Creo que é axeitada.

Hai dificultades para encontrar enfermeiras?

Si, porque temos xente que está facendo a especialidade e as maiores necesidades xorden das xubilacións. Non o estamos tendo doado para a cobertura. O Ministerio debe pensar se as facultades teñen que aumentar os numerus clausus. É maior a demanda que o número de profesionais que saen das facultades. O que está a facer o SERGAS neste momento é evitar o contrato en precario e tratar de consolidar ao persoal, por suposto nos postos estruturais, e, nas necesidades que xorden, manter o contrato de máis longa duración. Nós no período vacacional xa fixemos contratos de seis meses e seguiremos nesa liña.

A especialización é a grande materia pendente da profesión?

Estanse reconvertendo prazas, e en primaria, por exemplo, hai 34 enfermeiras especialistas. Reconvertéronse en Pediatría e Saúde mental, pero seguramente nun tempo non moi lonxano, teremos que reconverter máis. As enfermeiras especialistas teñen que traballar como tal. Os seus coñecementos revirten na saúde da poboación. Que problema hai? Que temos máis demanda de cobertura que especialistas. A solución pasa por máis prazas e por medrar en función da demanda. Se se xubila unha enfermeira xeralista nas unidades de psiquiatría, queremos cubrila cunha especialista. E a día de hoxe non podemos. Nas especialidades hai vacantes porque non temos profesionais especialistas.

Como ve as novas xeracións de enfermeiras?

É a enfermaría máis preparada e con maiores coñecementos das últimas décadas. Hoxe saen das facultades cunha boa preparación tanto teórica como práctica. Temos unha gran sorte. Son profesionais moi valoradas en calquera parte do mundo. En Europa, as enfermeiras españolas teñen un recoñecemento excepcional.

Imprimir