O director de enfermaría da área A Coruña e Cee recoñece o déficit de profesionais e considera urxente a formación de máis enfermeiras para dar resposta ás necesidades da poboación.
Enrique Rodríguez fará en outubro 43 anos como enfermeiro do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Deses 43 anos, 20 foron como xestor. Foi director de enfermaría da Xerencia de Atención Primaria da Coruña e das Áreas Sanitarias de Xestión Integrada de Ferrol, Santiago e, na actualidade, da Coruña e Cee. “Se algo aprendín nestes 43 anos”, coméntanos Enrique, “é que en saúde nunca nada foi, é e será suficiente, xa que sempre hai necesidades que atender”.
Como chega a enfermaría a este novo 12 de maio?
A pasada semana, a Organización Mundial da Saúde declarou a fin da ESPII (Emerxencia de Saúde Pública de Importancia Internacional). Despois destes dous últimos anos e medio de pandemia nos que o papel da enfermaría, coma sempre, foi imprescindible tanto nos centros asistenciais como na inmunización da poboación, creo que ao 12 de maio se chega coa mesma fortaleza que ten o sistema sanitario e co recoñecemento da poboación. Este ano, na nosa área, coincide ademais co acto de despedida dos novos MIR, BIR, PIR, FIR e EIR, polo que aproveitaremos a ocasión para renderlles o merecido recoñecemento.
A OMS declarou o final da emerxencia sanitaria da COVID, pero invita a non baixar a garda. Como vive a enfermaría este momento?
A OMS declarou o final da emerxencia, pero non o final da pandemia. Vivimos esta declaración con esperanza e ledicia e seguiremos traballando para acabar coa pandemia, sen esquecer nunca a xenerosidade, o sacrificio e a profesionalidade que demostrou o colectivo de enfermaría nesta etapa terrible.
Cales son os obxectivos máis inmediatos da súa xestión?
Afrontar o proxecto do Novo CHUAC e coidar dos nosos cidadáns e compañeiros para garantir unha asistencia sanitaria da maior calidade posible.
A especialización é a gran materia pendente da profesión?
Probablemente os dous retos máis importantes aos que se enfronta a nosa profesión son a especialización e a investigación, pero non sería xusto esquecer os avances que se lograron coa incorporación das EIR e das especialistas. Na nosa área sanitaria traballan actualmente 152, e seguiremos avanzando nese camiño.
En total, cantas persoas traballan baixo a súa dirección?
Entre persoal de estrutura e substitutos, mais de 4.000 profesionais das diferentes categorías.
Abondan? Como se leva a carga de traballo?
En sanidade sempre hai necesidades que atender. Vivimos nun contexto de déficit de profesionais ao que hai que sumar os avances médicos e sociais que se traducen no aumento da esperanza de vida co conseguinte envellecemento da poboación. É urxente a formación de máis profesionais para dar resposta ás necesidades da poboación.
Hai dificultades para encontrar enfermeiras?
Si, e seguirá habendo mentres as universidades non se adecúen ás necesidades laborais dunha sociedade cada vez máis dinámica e con novos retos cada día.
Segundo o sindicato SATSE, España sitúase á cola de Europa en número de enfermeiras profesionais, con 5,7 por cada mil habitantes. Que se debe facer para harmonizar esta relación coa media europea?
En España, hai un déficit de profesionais para cubrir as necesidades que precisan os diferentes ámbitos da sanidade: publica, privada e sociosanitaria. Coido que a oferta de prazas nas facultades de Enfermaría se debe axeitar á demanda vixente.
A OMS recomenda non máis de oito pacientes por profesional. Cúmprese esta ratio na nosa área sanitaria?
As ratios recomendables de pacientes por profesional son diferentes segundo o ámbito asistencial e as complexidades propias das distintas unidades. Pode variar asimesmo en función das cargas asistenciais, como ocorreu coa morbilidade e a mortaldade pola COVID. Pero na nosa área traballamos cos estándares recomendados.
Como ve as novas xeracións de enfermeiras?
Ás novas compañeras véselles con ilusión ante os retos que teñen por diante e cun futuro prometedor, con todas as posibilidades laborais e de desenvolvimiento profesional.