Como combater os efectos das altas temperaturas sobre a saúde

En España morreron 4.700 persoas por culpa do exceso de temperatura entre finais de abril e comezos de setembro de 2022, segundo os datos oficiais. É dicir, 3 de cada 100 mortes que se rexistraron en España nese período atribuiuselle á calor. A cifra multiplica por tres a media dos últimos anos.

Médicos e enfermeiras que fan a residencia no centro de saúde dos Mallos, na Coruña, organizaron unha charla sobre os efectos das altas temperaturas sobre a nosa saúde.

Unha desas enfermeiras é Marta Iglesias. “Deberiamos evitar a exposición ao sol nas horas centrais do día, que son de 12.00 a 16.00 horas”, recomenda Marta. “Os máis pequenos, antes do ano de vida mellor que non se expoñan. Os menores de tres anos, se van á praia, que o fagan sempre con medidas físicas de protección como gorra, gafas de sol, camiseta e factor de protección solar”.

E se estamos na casa? “Daquela, pecharemos fiestras, persianas, poñeremos o ventilador e evitaremos fontes de calor como o forno, o secador ou as bombillas halóxenas”, enumera Marta. “Hai que evitar comidas abondosas, difíciles de dixerir. Preferentemente, consumir comidas frescas como as ensaladas. As barbacoas? Non son unha boa idea. É fundamental a hidratación. Entre litro e medio e dous litros ao día. Non ten porque ser só agua. Tamén poden ser zumes ou froita con moito contido en auga, como o melón ou a sandía. Todo isto salvo que haxa algunha contraindicación médica por algunha enfermidade concreta”.

Hai que diferenciar entre esgotamento por calor e insolación ou golpe de calor. No esgotamento por calor, a temperatura corporal nunca chega aos 40º. Os síntomas son dor de cabeza, mareos, náuseas, pel pálida, suorenta e fría. Como debemos reaccionar? “Hai que rehidratar a persoa e baixarlle a temperatura buscando un lugar á sombra e afrouxándolle ou quitándolle a roupa. Beber a pequenos grolos, non un litro de golpe. E refrescalos con panos fríos”, cóntanos Carolina Arroyo, outra das enfermeiras residentes que traballaron na organización desta charla.

Na insolación ou golpe de calor, a temperatura pasa dos 40º. A pel ponse vérmella e quente, aínda que se cadra non haxa suor. Pulso e respiración acelerados. A diferenza co esgotamento por calor é que neste caso a persoa pode estar con baixo nivel de consciencia ou algo adurmiñada ou irritable. “O primeiro que fariamos é avisar aos servizos de Urxencias 112 ou 061. Mentres non dá chegado a axuda, tentaremos baixarlle a temperatura con panos fríos. Se esta persoa ten baixo nivel de consciencia, sería perigoso darlle de beber porque podería atragoarse. Se temos dúbidas de se é un golpe de calor ou un episodio de esgotamento por calor, o ideal é non darlle auga e avisar a Emerxencias”, asegura Carolina.

As profesionais insistiron na importancia de usar protección solar. “E non só cando imos á praia. Tamén cando saímos dar un paseo. O protector solar non nos protexe de todos os raios, pero si hai diferenza entre unha crema que teña un índice de 15 e outra que teña un de 50. A de 50 cúbrenos un 98 %. Unha de 15, apenas o 93 %.”, explica Carolina.

É importante aplicar a protección 30 minutos antes da exposición. “Non serve facelo cando chegamos á praia, porque tarda un chisco en facer efecto. Estaremos protexidos por espazo de dúas horas. Despois necesitariamos botala de novo. Tamén cando súamos”.

Canto tempo podemos botar sen queimarnos?, preguntámoslle a Carolina. “O número que vén nas cremas chámase factor de protección solar. Axúdanos a calcular o tempo que podemos estar expostos sen queimarnos. Por exemplo, se eu vou á praia e aos dez minutos de tomar o sol noto que empezo a queimarme, multiplico 10 polo factor da crema que uso. Se utilizo unha crema factor 50, tardaría en queimarme, neste caso, uns 500 minutos. Sempre en condicións ideais de aplicación da crema”.

Os grupos de risco son a terceira idade, as embarazadas, os máis pequechos, os profesionais que traballan na rúa e as persoas inmunodeprimidas ou a tratamento con antihipertensivos, ansiolíticos ou medicamentos que poidan baixar a tensión. “Aos pequenos de ata seis meses que estean coa lactancia exclusiva materna, hai que ofecerlles o peito continuamente. Igual que aos que estean coa artificial se lles ofrecerán máis mamadeiras”, recomenda Marta para finalizar.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes