O falecemento nos últimos días de dúas persoas maiores nas praias do centro da Coruña invítanos a reflexionar sobre a cobertura sanitaria que existe nos nosos areais. Ou que debería existir. Son excepcións as praias galegas que dispoñen de persoal sanitario con dedicación plena e exclusiva.
Adrián Pita é un deses profesionais. É diplomado pola Escola de Enfermería da Universidade da Coruña desde 2007 e, ademais, profesor da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo. “Ata onde eu sei”, explícanos Adrián, “o concello da Coruña é o único en Galicia que ten a disposición dos usuarios dos seus areais unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado con médico, enfermeiro e técnico en emerxencias sanitarias, con dedicación plena e exclusiva para todo o que poida ocorrer tanto nas praias da cidade como en todo o percorrido do paseo marítimo. Iso é un punto que marca a diferencia entre poder resolver determinadas patoloxías tempodependentes sen ter que esperar a outro recurso.”