Fonte: Consellería de Sanidade
A Xunta presentou a nova campaña de vacinación que se pón en marcha este luns para facer fronte á gripe, á covid e ao virus respiratorio sincitial. A campaña inclúe como novidade a vacina intranasal fronte á gripe para os nenos e nenas de entre 2 e 5 anos. Ademais, este ano vacinarase ao persoal dos centros de educación infantil, nos que hai nenos e nenas de ata 5 anos.
Entre os obxectivos da campaña deste ano destaca o de acadar maiores taxas de vacinación fronte á gripe en persoal sanitario, colectivo no que actualmente a taxa é do 57 % e preténdese chegar ao 75 %. Polo que atinxe ás nenas e nenos, a taxa de vacinación da gripe é do 56 % e agárdase conseguir o 60 %. No caso das embarazadas, o obxectivo é acadar unha taxa de vacinación do 60 %, sendo na actualidade esta cifra do 46 %.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou a importancia prioritaria que a Xunta concede á vacinación, posto que se trata da ferramenta máis eficaz para previr a enfermidade. Ao respecto puxo en valor que Galicia conta co calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo. Tamén incidiu en que a nosa comunidade é líder en España, tanto en taxas de cobertura, como na introdución de novas inmunizacións.
O máximo responsable da Consellería de Sanidade explicou, así mesmo, que os primeiros en inmunizarse fronte á covid e a gripe serán as persoas das residencias de maiores e centros de discapacidade, tanto os residentes como os traballadores, que xa serán vacinados o luns. Tamén referiu como data clave o conselleiro o día 7 de outubro, que será cando a Xunta comezará a vacinar fronte á gripe ás nenas e nenos de 6 a 59 meses, coa aplicación da intranasal a partir dos 24 meses.
Galicia está entre as comunidades con maiores taxas de poboación vacinada en todas as franxas de idade, acadando unha posición de liderado absoluto na covid onde, nalgúns grupos de idade, chega a superar en 25 puntos a media do conxunto de España.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinalou, ademais, que continuará o ensaio clínico GalFlu, que captou preto de 60.000 participantes no pasado ano e que pretende que participen outros tantos este ano, co obxecto de comprobar se a vacina de alta carga da gripe, que se emprega en maiores de 80 anos, é igualmente beneficiosa nas persoas de entre 65 e 79 anos.
Respecto do virus respiratorio sincitial, a directora xeral debullou os resultados da campaña anterior, que acadou unha porcentaxe de inmunización global superior ao 95 %. Esta iniciativa supuxo unha redución dun 90 % nos ingresos por VRS.