O Sergas anuncia as datas para a realización dos exercicios para o acceso á categoría de enfermeira

O Servizo Galego de Saúde publica na súa páxina web www.sergas.es​ as datas e horas previstas para as  probas selectivas que se celebrarán no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), na fin de semana do 24 e 25 de xuño deste ano.

Con esta publicación ponse en coñecemento dos aspirantes admitidos información sobre as datas e horas así como o lugar para o desenvolvemento das probas, con máis de 40 días de antelación. Os exames serán na localidade de Silleda, no recinto habitualmente utilizado para este tipo de probas polo Servizo Galego de Saúde, anticipándose á  publicación que fará no seu momento no Diario Oficial de Galicia.
 
Nestas probas selectivas que serán tipo test resultaron admitidos un total de 11.434 aspirantes, da categoría estatutaria de enfermería xunto cos aspirantes das clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).
 
O sábado 24 de xuño, na quenda de mañá, examinaranse os aspirantes a funcionarios das seguintes clases: ATS/DUE, inspector médico, licenciado en ciencias químicas, e farmacéutico inspector de saúde pública.  
 
Na quenda de tarde do día 24 realizaranse os exercicios de oposición para acceso a  funcionarios das clases de licenciado en farmacia, licenciado en medicina e cirurxía, licenciado en ciencias biolóxicas, licenciado en psicoloxía e subinspector sanitario.
 
O domingo 25 de xuño -pola mañá-, terá lugar ás 10 horas o exame da categoría estatutaria de enfermeiro na que resultaron admitidos 10.096 aspirantes que farán a proba conxuntamente con aspirantes da clase de funcionarios de inspector farmacéutico.
 
As probas anteriores organízanse en tres quendas en dúas xornadas co obxectivo de permitir que os aspirantes que tiñan optado a diversas clases e categorías se poidan presentar. Así, hai aspirantes coa titulación de farmacia que se presentan a tres clases distintas, e aspirantes con titulación de  enfermería que optan para o acceso as clases de funcionarios de ATS/DUE e subinspector sanitario  así como  á categoría estatutaria de enfermeiro, a máis numerosa.
 
Galicia será a primeira comunidade autónoma en realizar probas selectivas que inclúen prazas da Lei de redución de emprego temporal e na categoría estatutaria de enfermería cunha oferta de 1.556 prazas para concurso oposición. Recentemente publicábanse os resultados provisionais da baremación de concurso de méritos para o acceso a outras 459 prazas desta categoría de enfermeiras.
 
Neste contexto da estabilización, a nota de corte do exercicio da parte específica na categoría de enfermeira redúcese por primeira vez con respecto a convocatorias precedentes, e pasa do 50 % ao 35 %, xa que o exercicio eliminatorio considerarase aprobado acadando unha puntuación do 35% do seu valor, e dicir 17,500 puntos sobre a puntuación máxima de 50 puntos do exercicio. Mantéñense as porcentaxes do 60% e 40 % da fase de oposición e concurso, respectivamente, como en anteriores procesos.
 
O Servizo Galego de Saúde irá informando na súa páxina web das portas de acceso que corresponden aos distintos aspirantes, así como tamén diversas recomendacións de acceso e información xeral de localización nos vindeiros días.
 
O persoal directivo das áreas sanitarias organizará a asistencia sanitaria co persoal fixo que non se presenta ás probas no día festivo, e tamén organizará os permisos do persoal para que podan acceder sen problema a facer as probas, para isto se lles facilitará un permiso na quenda anterior e posterior á de realización do exame.
 
Toda a información do proceso está dispoñible na páxina www.sergas.es no apartado emprego público.
 
Está previsto que se celebren no mes de novembro os exames das categorías de técnico en coidados auxiliares de enfermería e persoal de servizos xerais (PSX), incluíndo en cada categoría a quenda de discapacidade intelectual.
 
No mes de decembro desenvolveranse as probas dos facultativos especialistas de hospital en diversas especialidades, médico admisión e  documentación clínica; médico asistencial do 061; médico coordinador do 061; médico de familia de atención primaria; odontólogo de atención primaria; celador (incluída a quenda de discapacidade intelectual); e grupo auxiliar da función administrativa.
 
En febreiro de 2024 realizaranse os últimos exames de estabilización nas categorías de enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria; enfermeiro especialista en enfermaría obstétrico-xinecolóxica; enfermeiro especialista en enfermería pediátrica; enfermeiro especialista en enfermaría de saúde mental; fisioterapeuta; terapeuta ocupacional; técnico superior en hixiene bucodental; técnico superior en imaxe para o diagnóstico; enxeñeiro técnico; técnico xestión de sistemas e tecnoloxías da información; e técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información.        
 
Importante: O Colexio de Enfermaría da Coruña pón a disposición das persoas colexiadas que o desexen un servizo de balde con saídas desde A Coruña, Santiago, Ferrol, A Barbanza e Cee. Pódese solicitar praza ata o 31 de maio.
 

Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas