O Colexio salienta que o déficit de enfermeiras é estrutural e histórico e reclama "solucións inmediatas"

Fonte: Departamento de prensa do Colexio de Enfermaría da Coruña (Nota de prensa) 

A situación da Enfermaría española en xeral e da Enfermaría galega en particular empeora. Segundo o informe “Radiografía de la profesión enfermera. Informe de Recursos Humanos 2023”, presentado en Madrid polo Consejo General de Enfermería, Galicia precisa de 10.000 enfermeiras máis (123.000 máis no conxunto de España) para alcanzar a media de profesionais por habitante nos países europeos. 

Benjamín Rodríguez, vicepresidente da Organización Colexial de Enfermaría da Coruña, sinala que estamos ante “unha deficiencia estrutural e histórica. Se se resistiu ata agora, foi pola excelencia e dedicación dos nosos profesionais. Porén, os datos recollidos no estudo realizado poloConsejo General de Enfermería póñennos nunha situación que vai camiño de ser irreversible: a sanidade española non poderá ofrecer unha atención adecuada a unha sociedade envellecida e marcada pola cronicidade senón se poñen enriba da mesa solucións inmediatas.” 

Galicia é a comunidade coa segunda ratio de enfermeiras máis baixa de España: 5,1 enfermeiras por cada mil habitantes. Só a Región de Murcia presenta unha ratio inferior (4,8). A media española é de 6,3. Pontevedra, Guadalajara e Ourense son as provincias con peor ratio. 

"Estes datos demostran que a equidade, un dos principais piares do noso sistema sanitario, dista moito de ser real. É imposible prestar a mesma atención con ratios de enfermeiras tan dispares como ocorre, por exemplo, entre Navarra (cunha ratio de 8,8) e Galicia (5,1). Hai cidadáns de primeira e de segunda na atención sanitaria. España está á cola de Europa e Galicia está á cola de España. Esta inequidade incide sobre a mortalidade e a morbilidade dos pacientes e afecta a saúde mental das enfermeiras, con problemas de desmotivación, precariedade laboral e estrés”. 

Só para alcanzar a media europea, o sistema sanitario galego precisaría de tantas enfermeiras como as que están colexiadas actualmente nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Actualmente, hai 13.890 enfermeiras inscritas nos catro colexios provinciais. É dicir, sería necesario un 72 % máis para converxer coa media dos 27 países que integran a Unión. Só na provincia da Coruña necesitaríanse 3.500 enfermeiras máis. 

Na próxima década, xubilaranse en Galicia algo máis de 2.000 enfermeiras, segundo o informe do Consejo General de Enfermería. Ademais, o 42 % do persoal docente e investigador das facultades españolas de Enfermaría ten máis de 50 anos. Unha situación que será difícil de paliar nos próximos anos tendo en conta os estritos criterios da ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación) para a acreditación do profesorado universitario, xa sexa como axudantes doutor ou como doutores contratados.

Accede ao informe completo neste enlace


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.

 

 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

                                                                                                                                                                                          08:00 a 14:30 horas los viernes.