Paz Caínzos, enfermeira comunitaria: “Sorpréndenos a capacidade do alumnado para denunciar as situacións de violencia, sobre todo as relacionadas coa parella”

ALFONSO HERMIDA
Comunicación Colegio de Enfermería de A Coruña
 

A violencia contra as mulleres e as rapazas segue a ser a violación dos dereitos humanos máis espallada por todo o mundo. Case unha de cada tres mulleres sufriu algún tipo de violencia polo menos unha vez na súa vida.

Paz Caínzos é enfermeira no Centro de Saúde de Cabanas, en Pontedeume. Vén do sector da Cooperación para o Desenvolvemento. Traballou en centros para persoas con discapacidade e centros de maiores e fixo a residencia de Enfermaría Familiar e Comunitaria na Área de Ferrol. Leva algo máis dun ano traballando en Centros de Saúde das Áreas de Coruña e Ferrol. No último curso escolar, impulsou actividades de educación sanitaria no medio escolar nas que se abordaron co alumnado do IES Breamo de Pontedeume as violencias machistas e a saúde mental.

ALFONSO HERMIDA
Comunicación Colegio de Enfermería de A Coruña
 

A violencia contra as mulleres e as rapazas segue a ser a violación dos dereitos humanos máis espallada por todo o mundo. Case unha de cada tres mulleres sufriu algún tipo de violencia polo menos unha vez na súa vida.

Paz Caínzos é enfermeira no Centro de Saúde de Cabanas, en Pontedeume. Vén do sector da Cooperación para o Desenvolvemento. Traballou en centros para persoas con discapacidade e centros de maiores e fixo a residencia de Enfermaría Familiar e Comunitaria na Área de Ferrol. Leva algo máis dun ano traballando en Centros de Saúde das Áreas de Coruña e Ferrol. No último curso escolar, impulsou actividades de educación sanitaria no medio escolar nas que se abordaron co alumnado do IES Breamo de Pontedeume as violencias machistas e a saúde mental. 

-Que tipo de información reciben as enfermeiras para detectar casos de violencia machista? 

Actualmente, no apartado de autoformación de ACIS hai dous cursos que abordan o tema:

-O chamado Básico en igualdade de oportunidades e contra a violencia de xénero fai unha introdución básica ao sistema sexo-xénero e ubica a violencia de xénero como parte do sistema patriarcal. 

-O curso A violencia cara as mulleres, como detectala e pautas de actuación desde o SERGAS, enfócase máis en recoñecela e en explicar o algoritmo a seguir de atoparte cun caso.

Este ano tamén están a facer unhas sesións tipo webinar para reforzar o tema.

-Como se traballa en Atención Primaria o problema da violencia de xénero?

Por unha banda, existe un protocolo de actuación para detectar os casos de violencia de xénero e proceder segundo corresponda a cada situación. Pola outra, desde algúns Centros de Saúde estanse a levar a cabo accións de cara a previla con obradoiros de sensibilización a diferentes públicos.

-Daquela, en consulta hai protocolos de intervención sanitaria ante casos de violencia contra as mulleres? 

Si, agora co Ianus 5, unha das primeiras cousas que chama a atención e a pestana que invita a facer o cribado de violencia de xénero a todas as mulleres maiores de 14 anos. O cuestionario WAST só ten tres preguntas e é moi sinxelo de pasar. Si dá negativo, rexístralo na historia e non o volves pasar ata dentro de 2 anos. Si dá positivo, os seguintes pasos consistirían en pasarlle o  cuestionario AAS (Abuse Assesment Screen), analizar o risco coa ferramenta DA (Danger Assesment) ou facer o correspondente parte de lesións. Ante a dúbida, é importante informar as nosas sospeitas tanto a Pediatría como a Traballo Social, para darlle seguemento entre todos.

-Poderías contar algún exemplo de traballo en prevención da violencia? 

Durante a miña residencia como EfeC, tiven a oportunidade de participar nun proceso que se levou a cabo co alumnado de 2º e 3º da ESO do IES Breamo de Pontedeume durante dous anos académicos. Dito proceso desenvolveuse en 3 fases:

-Unha primeira na que o alumnado identificou os problemas relacionados coas violencias machistas que querían que se trataran.

-Unha segunda onde un equipo multidisciplinar do Centro de Saúde, conformado pola matrona, os pediatras, as enfemeiras de pediatría e enfemeiros de EfeC, facilitamos unha serie de obradoiros sobre os temas priorizados. 

-Unha terceira onde o alumnado elaborou podcasts en base aos principais temas traballados para emitir na emisora de radio que tiñan no instituto. 

-Ademais da violencia de xénero, houbo outros bloques temáticos? 

Si, para este traballo tomouse como patrón metodolóxico a campaña Toca Igualdade da ONGD INTERED, que invitaba as comunidades educativas a construir un mundo libre de violencias machistas e que constaba dos seguintes bloques temáticos: os coidados do planeta, os coidados das persoas (onde nós fixemos fincapé na saúde mental), a diversidade de identidades, a educación afectiva e sexual e a prevención das violencias machistas. 

-Cales son as situacións de violencias machistas que máis se detectaron? 

Na etapa de identificación, saíron cousas moi diferentes: desde as queixas polo típico abusón/a da clase, ludopatías e consumo de alcol e drogas, ata temas como lesbofobia, gordofobia, medo a andar soas pola rúa (sobre todo, as mozas), a presión do grupo para ter parella,  a comida lixo… No momento dos podcasts, tamén saíron temas como o racismo, o bulling ou novos xeitos de violencia de xénero como o grooming, o ciberacoso, onde un pederasta se fai pasar por alguén máis novo para gañarse a confianza das rapazas, etc.

-Ves a poboación adolescente realmente concienciada na loita contra a violencia contra as mulleres?

Chamounos a atención a capacidade do alumnado para recoñecer e denunciar abertamente as situacións de violencia, sobre todo as relacionadas coas parellas. Custáballes un pouco máis poñerse en situación e levar a cabo procesos de negociación ou de comunicación asertiva que evitaran dita violencia. 

-Traballastes isto con toda a comunidade educativa? 

Por cuestión de tempo só puidemos traballar con 7 clases do IES Breamo, catro de 2º da ESO e tres de 3º da ESO, o que supuxo un total de 91 rapazas e 79 rapaces. Tamén contamos coa colaboración do equipo directivo e do profesorado correspondente. Coas familias non foi posible traballar, porque dende os tempos do COVID, a ANPA perdeu forza e case non tiña actividade.

-Continúa a colaboración co IES?

A colaboración co IES, mentres durou, foi moi interesante e bidireccional. Á parte de facer o proxecto xuntos, fixemos moitas colaboracións para dar seguimento a casos concretos de crianzas con problemas físicos ou de saude mental. Pero actualmente, das nove personas do equipo multidisciplinar que participamos no proxecto, no Centro de Saúde de Pontedeume só queda unha, polo que esa colaboración tamén minguou. 

-Que peso teñen dentro da túa xornada a planificación e organización de actividades de promoción e prevención da saúde para a comunidade?

Menos do que eu quixera, aínda que, coa publicación da “Estratexia galega de saúde comunitaria en atención primaria 2023-2027”, ábresenos unha porta para poder impulsar máis actividades relacionadas co segundo e terceiro nivel da orientación comunitaria. Como oportunidades, coa Estratexia contémplase a posibilidade de bloquear parte das nosas axendas para actividades comunitarias. Como limitantes, a sobrecarga de traballo que temos, o feito de que moitas destas actividades hai que facelas en horario non laboral e, sobre todo, que aínda falta moita sensibilización entre o persoal sanitario sobre a importancia destas actividades.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

08:00 a 14:30 horas los viernes.

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y de 16:00 a 19:00 de lunes a jueves.

08:00 a 14:30 horas los viernes.