Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
A Academia de Enfermaría de Galicia celebrou no salón de actos do Hospital Universitario da Coruña a súa presentación institucional na cidade herculina. No acto estiveron presentes, entre outros, Isidoro Rodríguez, presidente da Academia; Enrique González, director de Enfermaría da Área Sanitaria da Coruña e Cee e, en representación do Colexio, José María Rumbo Prieto, vogal da Xunta de Goberno.
Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
A Academia de Enfermaría de Galicia celebrou no salón de actos do Hospital Universitario da Coruña a súa presentación institucional na cidade herculina. No acto estiveron presentes, entre outros, Isidoro Rodríguez, presidente da Academia; Enrique González, director de Enfermaría da Área Sanitaria da Coruña e Cee e, en representación do Colexio, José María Rumbo Prieto, vogal da Xunta de Goberno.
Isidoro Rodríguez sinalou na súa intervención sobre a historia e as funcións da Academia que actos como este “responden á necesidade de dar a coñecer a disciplina enfermeira, base fundamental para a existencia da profesión como autónoma, dar a coñecer a nosa organización e forma de funcionamento e, como non, poñernos ao servizo da comunidade enfermeira, sanitaria e mesmo ao resto da sociedade, así como das institucións sociais establecidas na nosa contorna.
-En que medida sente que a Academia de Enfermaría de Galicia empeza a ser unha voz influente no sistema sanitario galego?
A Academia de Enfermaría empeza a ser influente no momento en que as institucións e organizacións a empregan como fonte de asesoramento na que non hai ningunha inxerencia doutras esferas económicas, políticas ou sociais. A Academia ditamina en cada caso dun xeito obxectivo o que se lle consulte en cada momento.
-Que relación mantén a Academia coa Administración?
A Academia mantén moi boas relacións cos institucións sanitarias, coa organización colexial das profesións sanitarias, especialmente coa de Enfermaría, con academias doutras disciplinas así como cos organizacións civís e militares. Establecemos un clima cordial de cooperación mutua e fortalecemento da disciplina enfermeira no ámbito social na ampla expresión e concepto, mantendo sempre no cerne ao cidadán como usuario dos servizos de Enfermaría nos diferentes niveis, procurando e recomendando actividade preventiva de difusión da saúde, asistencial e incidindo especialmente na función investigadora da enfermeira.
-Hai algún ámbito da Enfermaría galega especialmente invisibilizado que lle preocupe?
Na Academia preocúpanos moito a función investigadora, por ser unha gran descoñecida. Moitas veces non somos conscientes a nivel profesional que, se non desenvolvemos esta función, non se nutre o corpus teórico, o que leva a que a enfermeira sexa unha repetidora de actos ou aplicadora de protocolos. A enfermeira ten que coñecer o como e o para que. Tamén son relevantes o por que e o cando. As respostas a estes interrogantes veñen dadas pola practica da investigación alí onde desenvolvamos o noso labor asistencial e ou docente.
Outra cuestión que nos preocupa é o desenvolvemento da xestión. Nestes momentos, a Enfermaría española, e a galega en particular, conta cuns xestores de alta calidade, que, con todo, non teñen acceso aos máis altos postos de xestión e están supeditados a profesionais doutras disciplinas. Isto é algo que hai que corrixir e que xa no seu momento foi trasladado á esfera política, que é onde se dirimen e solucionan estas cuestións.
-Como lle gustaría deixar a institución antes de rematar definitivamente a súa etapa como presidente?
Estou no meu segundo mandato ao fronte dun equipo de goberno con moitos coñecementos, eficaz e moi xeneroso. Cada día que pasa admírome coa capacidade de traballo e de resposta que teñen. Neste senso estou contento e sei que a Academia vai ter continuidade no tempo, que vai realizarse plenamente. Sempre é un gran consolo saber que o espírito académico se consolida día a día. Así sei que podo deixar a institución en calquera momento. Si é certo que aínda queda moito por facer. Debemos ter presente que vai facer 13 anos, que a Academia de Enfermaría de Galicia partiu de cero, sen modelos na Enfermaría aos que imitar, a pesar que de existía xa unha Asociación de Enfermaría en Biscaia co nome de Academia, á que recoñecemos como tal. Foron moitas as conversas que mantiven coa súa anterior presidenta. O noso modelo segue o modelo da Academia da ilustración, evidentemente actualizado. Espero que ao remate do meu mandato a Academia estea recoñecida socialmente como o que é: un órgano de investigación consultivo para as distintas institucións, universidades, políticas sanitarias e sociais que teña sempre no cerne ao cidadán.
Santiago Martínez Isasi, académico de número: "A investigación na universidade necesita moito apoio por parte das institucións académicas"
Tras a intervención do presidente da Academia, tomou a palabra Santiago Martínez Isasi, académico de número, que pechou o acto cunha conferencia sobre a Innovación e investigación en resucitación cardiopulmonar.
-Que balance fai da celebración deste acto?
É un acto moi importante para a Enfermaría galega, e en particular para a coruñesa. A Academia é unha institución que nos representa desde todos os eidos: investigación, parte asistencial, docencia… Para min é un motivo de ledicia e orgullo poder facer aquí esta presentación. Crieime neste hospital com enfermeiro.
-Vostede é académico de número. Que valor lle dá á existencia da Academia?
Eu entendo a Academia como un órgano de representación, non sindical ou colexial, senón en todos os ámbitos da Enfermaría, formado por persoas cunha ampla traxectoria a todos os niveis. É moito o que desde a Academia se pode propoñer.
-Falaba na súa disertación de innovación e investigación. Que se necesita para darlle un pulo á produción enfermeira nestes eidos?
A investigación na universidade forma parte do noso traballo, pero necesita moito apoio por parte das institucións académicas. No meu caso, por exemplo, lidero un proxecto nacional polo que me terían que quitar 60 horas de docencia, máis un proxecto europeo que vén agora. Por déficits nos cadros de persoal non me quitan horas, polo que ao final estou facendo unha xornada e media de traballo. E pasa o mesmo no ámbito asistencial. Forma parte dun extra do seu traballo. Eu sempre digo que podemos ter recompensa persoal, económica e profesional, no caso da enfermería asistencial só teñen una recompensa persoal. Por exemplo, noutros países se fas investigación tes horas da túa xornada para facelo. O sistema sanitario ten que facilitar que a investigación forme parte do traballo se quere apostar pola investigación enfermeira.
-En que está a traballar neste momento?
Teño financiamento por parte do ministerio para desenvolver e validar diferentes metodoloxías, estratexias e recursos para a ensinanza a nenos do Soporte Vital Básico. Outras das liñas nas que traballamos é o afogamento, a prevención de afogamento e melloras na atención dos afogados desde a prevención ata o rescate e actuación. Outra das liñas nas que estamos a traballar é a simulación clínica no grao, no posgrao e simulación in situ. Nalgún caso, lidero o proxecto; noutro son partícipe, pero esta é a forma que temos de traballar como grupo. O traballo de todos fortalece o grupo.
-Houbo un momento emotivo na súa intervención cando lembrou á familia. Canto hai de sacrificio persoal e familiar na vida do investigador?
Eu cheguei moi tarde ao mundo académico e tiven que facer sacrificios para poder ir mellorando. Sen dúbida, a familia é o piar fundamental, pero tamén a perxudicada. Cando estás coa docencia máis a investigación e a xestión da investigación, como comentaba antes, tes que sacrificar cousas, porque o día ten 24 horas. Por exemplo, o ano pasado, marchei a unha estancia de investigación de tres meses a Londres, que foi unha oportunidade moi grande cunha bolsa do ministerio competitiva. A miña muller, que é enfermeira neste hospital, e a miña filla, que ten sete anos, puideron vir só quince días a verme. Tamén viaxei a EEUU, Exipto, Paises Baixos, Barcelona, Sevilla, Malaga e algún destino máis. Algo que me preocupa é a conciliación familiar. Por exemplo, a xente que entra nova na universidade, se quere chegar a titular de universidade, ten que ir de estancia nove meses, segundo a LOSU. Esta situación pode xerar desigualdades nas traxectorias académicas se non vai acompañada de políticas institucionais de apoio, flexibilidade e corresponsabilidade que permitan garantir a igualdade de oportunidades no acceso e na progresión na carreira universitaria.
