O Servizo Galego de Saúde propón aumentar en 182 as prazas do concurso de Enfermaría comunitaria

Fonte: Xunta de Galicia e axencias

O Servizo Galego de Saúde abordou coas organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade as previsións do concurso específico da categoría de enfermeira/o especialista en Enfermaría familiar e comunitaria, nas que acordou aumentar en 182 o número de prazas ofertadas. 

Tal e como se informou, este proceso rexerase polas bases do ano 2018 e, previsiblemente, desenvolverase nunha única fase, quedando bloqueadas todas as prazas incluídas de cara ao vindeiro ciclo de adxudicación do concurso de traslados aberto e permanente. Ábrese, ademais, un prazo para que as organizacións sindicais poidan trasladar as súas achegas. 

Consultada por Europa Press, a representante de CIG-Saúde, Ana Lestón, indicou que, aínda que a Administración recolleu as súas legacións ampliando o número de prazas, "quedaron varias cuestións que van valorar e que son fundamentais porque teñen que ver coa seguridade xurídica dos participantes".

Carlos Castro, en representación de CSIF, valorou positivamente a Mesa Sectorial e o aumento de prazas, que responde, según insistiu, ás súas alegacións.

Finalmente, Luz Fernández de CC.OO. alertou de que nesas 182 prazas non van incluídas tres prazas que prestan servizos en cupos de Pediatría (Ordes, Oroso e A Carballeira), polo que solicitou que tamén se oferten sempre que haxa interinidade en rlaza vacante no centro.

Na Mesa Sectorial de Sanidade tamén se abordaron as medidas excepcionais impulsadas pola Consellería para garantir a cobertura do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Así, e diante da carencia de persoal que afecta este dispositivo, o departamento sanitario da Xunta anunciou a adopción de medidas urxentes.

Entre elas, e tal e como avanzou o conselleiro de Sanidade no Parlamento galego, a disposición dunha bolsa de voluntarios, con 60 profesionais xa anotados, para afrontar as dificultades de cobertura do servizo de Urxencias de Ourense.

Ademais prevese estender ao persoal do servizo de Urxencias de Ourense as condicións favorables que acompañan ao criterio de difícil cobertura, como son a provisión de prazas fixas mediante concurso de méritos ou triplo de puntuación dos méritos polos servizos prestados.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

Horario de oficina:

8:00 a 14:30 horas de lunes a viernes