Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
Internet e as redes sociais puxeron ao alcance da adolescencia unha cantidade enorme de contidos sobre sexualidade, pero non sempre información rigorosa nin modelos saudables. Fronte aos mitos, á influencia da pornografía e ás novas formas de control nas relacións, o grupo multidisciplinar Dsexo leva a educación afectivo-sexual ás aulas da comarca de Ferrol.
Nesta entrevista, a matrona do centro de saúde de Neda, Natalia Pérez Martínez, unha das enfermeiras participantes, explica o peso central da profesión no programa e defende unha sexualidade baseada no autocoñecemento, no consentimento, na liberdade e no respecto, e afastada do medo, da culpa e dos discursos moralizantes.
-En que consiste o labor da Enfermaría dentro do equipo?
A Enfermaría desempeña un papel fundamental dentro do programa, xa que a maior parte das persoas que integran o equipo somos enfermeiras especialistas ou residentes de Enfermaría.
A nosa formación proporciónanos competencias específicas en promoción da saúde, educación para a saúde e atención comunitaria, ámbitos clave para traballar coa poboación adolescente. Ademais, a enfermeira é unha profesional moi próxima á comunidade e con grande experiencia na prevención, na comunicación e no acompañamento das persoas ao longo das diferentes etapas da vida. Isto convértenos en figuras de referencia para abordar cuestións relacionadas coa saúde afectivo-sexual desde unha perspectiva integral.
-Que achega a mirada enfermeira a un programa de educación afectivo-sexual dirixido á adolescencia?
A mirada enfermeira aporta un enfoque positivo da sexualidade, centrado na saúde, no benestar e nos recursos das persoas, máis que nos riscos ou nas enfermidades.
Entendemos a sexualidade como unha dimensión natural do ser humano, presente ao longo de toda a vida, que debe poder vivirse desde o autocoñecemento, o respecto, a liberdade, a confianza no propio corpo e o disfrute compartido. Tratamos de transmitir unha visión afastada do medo ou da culpabilización, promovendo relacións saudables, responsables e satisfactorias.
-Dsexo reúne profesionais de distintas especialidades. Como se organiza o traballo entre matronas, enfermeiras de Saúde Mental, profesionais de Psicoloxía Clínica e residentes?
Conseguimos organizar un equipo moi cohesionado a pesar de estar formado por profesionais de diferentes especialidades e unidades asistenciais, que ademais non sempre compartimos espazos físicos de traballo. Para iso promovemos reunións periódicas e distintos espazos de coordinación, tanto formais como informais, que facilitan a comunicación, o intercambio de experiencias e a creación conxunta de actividades e contidos.
Probablemente o que máis nos une é compartir unha mesma filosofía de traballo: promover unha educación afectivo-sexual positiva, baseada na reflexión crítica, na participación activa do alumnado e no respecto ás súas experiencias e inquietudes. Buscamos fuxir dos discursos moralizantes ou centrados exclusivamente nos riscos, apostando por unha educación que favoreza a toma de decisións informadas e responsables.
-Que vantaxes ofrece este enfoque multidisciplinar á hora de abordar unha cuestión tan complexa?
A sexualidade é unha realidade complexa que inclúe aspectos físicos, emocionais, psicolóxicos e sociais. Por iso, contar cun equipo multidisciplinar supón unha gran riqueza.
Cada profesional aporta coñecementos, experiencias e perspectivas diferentes que enriquecen tanto o deseño das actividades como a forma de acompañar ao alumnado. Este intercambio permite abordar os temas dun xeito máis completo, adaptado ás necesidades reais dos grupos e á diversidade de situacións que poden xurdir nas aulas.
-Cal é a resposta do alumnado?
A valoración xeral é moi positiva. Nos cuestionarios que realizamos ao finalizar as sesións, o alumnado destaca especialmente o carácter participativo das actividades.
Un dos aspectos mellor valorados é que non nos limitamos a realizar presentacións teóricas, senón que empregamos dinámicas en pequenos grupos, talleres e actividades que lles permiten participar activamente, compartir opinións e reflexionar colectivamente.
Ás veces existe a idea de que a adolescencia vai asociada á falta de interese ou de implicación. A nosa experiencia demostra xusto o contrario.
Cando lles ofrecemos un espazo seguro, respectuoso e libre de xuízos, as e os adolescentes responden con interese, realizan achegas moi valiosas e amosan unha gran capacidade de reflexión sobre cuestións relacionadas coa sexualidade e as relacións afectivas.
-Que preguntas, preocupacións ou inseguridades aparecen con máis frecuencia durante as sesións?
As preocupacións máis habituais adoitan estar relacionadas cos cambios do corpo durante a adolescencia, as primeiras relacións afectivas e sexuais, a imaxe corporal, a identidade, o consentimento, os métodos anticonceptivos e as infeccións de transmisión sexual.
Tamén aparecen dúbidas sobre como establecer relacións saudables, como comunicar límites ou como actuar ante situacións incómodas ou de presión dentro das relacións.
-Os mozos teñen acceso a unha cantidade enorme de información. Teñen coñecemento real sobre sexualidade ou detectan carencias?
Na actualidade reciben moitísima información a través da internet, das redes sociais e doutros medios dixitais. Porén, dispoñer de moita información non implica necesariamente ter unha boa educación sexual.
Seguimos detectando numerosos mitos, crenzas erróneas e información pouco rigorosa.
Ademais, observamos que a pornografía ocupa con frecuencia un papel importante como fonte de aprendizaxe informal, o que pode contribuír a transmitir modelos irreais das relacións sexuais, reforzar estereotipos de xénero e normalizar determinadas formas de violencia cara ás mulleres.
Por iso consideramos fundamental ofrecer espazos educativos baseados na evidencia científica e adaptados á realidade da adolescencia.
-Existe algunha diferenza entre as inquietudes ou actitudes que mostran os rapaces e as rapazas?
Aínda seguimos observando algunhas diferenzas influídas polos mandatos e estereotipos de xénero que continúan presentes na nosa sociedade.
Os rapaces adoitan expresar máis preocupacións relacionadas coa imaxe corporal ou co tamaño do pene, mentres que as rapazas preguntan con máis frecuencia sobre anticoncepción, consentimento ou prevención de situacións de violencia.
Con todo, tamén existen moitas preocupacións compartidas, como o coñecemento do propio corpo, os cambios da adolescencia, as relacións afectivas ou o medo ao rexeitamento.
-Como atenden a diversidade de identidades, orientacións e modelos de relación presentes nas aulas?
Facémolo desde o respecto, a inclusión e a diversidade. Consideramos fundamental crear espazos seguros nos que todas as persoas poidan sentirse recoñecidas e valoradas independentemente da súa identidade de xénero, orientación sexual ou modelo relacional.
A educación afectivo-sexual debe contribuír a construír unha sociedade máis respectuosa, libre de discriminacións e na que todas as persoas poidan vivir a súa sexualidade de forma libre e segura.
-Que peso teñen as redes sociais e internet na maneira na que a mocidade entende as relación sexuais?
Teñen un peso cada vez maior. As redes sociais son unha ferramenta moi presente na vida da mocidade e inflúen de maneira significativa na construción da súa visión das relacións, da sexualidade e da propia imaxe corporal.
Poden ser unha ferramenta útil para acceder a información e recursos de calidade, pero tamén poden favorecer a difusión de contidos falsos, estereotipos, mitos ou prácticas pouco saudables. Por iso é importante fomentar o pensamento crítico e a capacidade de avaliar a fiabilidade das fontes.
-Unha das sesións céntrase no consentimento. Segue a ser necesario explicar este concepto?
Probablemente máis que nunca. A pesar da maior presenza deste tema no debate social, seguimos detectando confusións arredor do que significa realmente o consentimento.
Traballamos a idea de que o consentimento debe ser libre, explícito, consciente e reversible en calquera momento. Pero tamén intentamos ir un paso máis alá, introducindo o concepto de desfrute mutuo, do respecto e do coidado entre as persoas implicadas.
Non se trata só de evitar situacións de violencia, senón de promover relacións baseadas no respecto, na comunicación e no benestar compartido.
-Que liñas vermellas deberían aprender a recoñecer os mozos e mozas nunha relación?
Observamos avances importantes neste aspecto, en parte porque é un tema que cada vez se traballa máis nos centros educativos. Aínda así, queda camiño por percorrer.
Gústanos promover a reflexión para que sexan eles e elas quen identifiquen os sinais de alerta.
A maioría recoñece facilmente comportamentos como a mentira, a falta de respecto, as humillacións ou a violencia. Porén, aínda existen máis dificultades para detectar outras formas máis sutís de control, como a esixencia de contrasinais, a supervisión constante das redes sociais, a xeolocalización ou determinadas formas de presión emocional.
-O programa tamén dá a coñecer os recursos sanitarios dispoñibles. Coñecen os adolescentes onde acudir cando teñen unha dúbida ou un problema relacionado coa súa saúde sexual?
En xeral, non. Moitos adolescentes descoñecen os recursos sanitarios aos que poden acudir ante unha dúbida relacionada coa súa saúde sexual e reprodutiva. Por iso adicamos unha parte das sesións a explicar os servizos dispoñibles e os dereitos que teñen como usuarios do sistema sanitario.
Tamén resolvemos dúbidas frecuentes relacionadas coa confidencialidade da atención sanitaria ou coa necesidade de acudir acompañados por unha persoa adulta.
-Como deberían coordinarse as familias, os centros educativos e os profesionais sanitarios para ofrecer unha educación afectivo-sexual coherente?
A educación afectivo-sexual é un proceso continuo que acompaña ás persoas ao longo de toda a vida. Aínda que non falemos explicitamente de sexualidade, sempre estamos transmitindo mensaxes, valores e modelos de relación.
Por iso é fundamental que familias, centros educativos e profesionais sanitarios traballen de forma coordinada e coherente. O ideal é ofrecer unha educación baseada na evidencia científica, libre de prexuízos, adaptada a cada etapa evolutiva e ás necesidades de cada neno, nena ou adolescente.
Só desde esta colaboración podemos favorecer que a mocidade desenvolva unha vivencia da sexualidade saudable, segura, responsable e respectuosa consigo mesma e coas demais persoas.
