Alfonso Hermida
Comunicación del Colegio de Enfermería de A Coruña
O Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña e a Academia Galega de Enfermaría veñen de asinar un convenio de colaboración para promover o desenvolvemento científico, cultural e social da profesión. O acordo permitirá compartir información e recursos, impulsar proxectos, organizar actividades divulgativas e ofrecer asesoramento ás colexiadas interesadas na investigación e na produción científica. O presidente da Academia, Isidoro Rodríguez, defende que investigar debe formar parte da práctica asistencial e anima as enfermeiras a alcanzar o máximo nivel académico: “É un erro querer segregar a praxe asistencial ou clínica da investigadora”.
-Que supón para a Academia Galega de Enfermaría a sinatura deste convenio co Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña?
Nos estatutos da Academia recóllese, de xeito explícito, que esta manterá relacións institucionais próximas e de traballo coas identidades enfermeiras e dun xeito particular cos Colexios Oficiais de Enfermaría. Algo que dende a nosa sociedade consideramos básico e necesario, pois entendemos que se pode (e debe) traballar sobre a Enfermaría dende diferentes perspectivas (profesional, de formación, universitaria ou sindical), tratando de ir todos a unha. Polo menos, ir na mesma dirección.
-Que obxectivos concretos se marcan ambas entidades?
O obxectivo xeral é o de fomentar a promoción científica, cultural e social da Enfermaría dende un prisma profesional e disciplinar, compartindo actividades e materiais.
-En que ámbitos lle gustaría que se centrase a colaboración?
O obxectivo planificado deixa moitas liñas de actuacións abertas. No acordo asinado sinálanse algunhas de xeito puntual: fomentar o intercambio de información e apoio técnico sobre a Enfermaría; promover alianzas de deseño e desenvolvemento de programas e proxectos conxuntos; colaboración en xornadas, foros e outras actividades de sensibilización, divulgación e información, facilitando a participación dos profesionais de ambas as dúas entidades; elaboración, publicación e difusión de materiais.
-Como pode contribuír este acordo a achegar o coñecemento científico e académico á práctica asistencial das enfermeiras?
A través da planificación de actividades e accións concretas, tendo sempre presente que as persoas destinatarias en primeiro termo serán as/os enfermeiras/os e como non os destinatarios últimos serán a poboación en xeral, a través das dúas entidades
-Que oportunidades abrirá o convenio para as enfermeiras colexiadas da provincia da Coruña, especialmente para aquelas interesadas na investigación e na produción científica?
As enfermeiras colexiadas na provincia da Coruña despois deste convenio teñen a porta aberta da Academia, dende asesoramento e asistencia nos procesos de investigación e produción científica, aplicándose dun xeito practico e personalizado, ata a posibilidade de participación nas actividades divulgativas que organiza a Academia.
-Mirando a medio e longo prazo, que pegada lle gustaría que deixase esta alianza para a Enfermaría galega e para as novas xeracións de profesionais?
A medio prazo, sería un bo logro que esta alianza se traducise no aumento de investigación, que esta función da Enfermaría se vexa como unha actividade cotiá e complementaria da función asistencial. A máis longo prazo, que aumentase o número de doutores en Enfermaría, que non se nos conte cos dedos da man, que sexa algo habitual que a Enfermaría asistencial conte co doutorado, o que nestes momentos só se observa na docencia, por ser este un requisito para impartila.
Con todo, debemos ter presente a relevancia e o avance que suporía que a Enfermaría asistencial non só se especialice, senón que tamén se doutore. Isto elevará a calidade da asistencia. Neste momento, non hai consciencia desta necesidade por parte dos profesionais e mesmo das empresas contratantes (tanto na administración pública como na privada). A función investigadora continúa a ser considerada allea ás funcións da Enfermaría, tan só figura en papel mollado.
-Para que serve o doutoramento na practica da clínica?
Esta é a pregunta que fan moitas profesionais: para que me serve o doutorado? Se eu non penso dedicarme á docencia, a empresa non o recoñece no meu deseño curricular, eu vou seguir a realizar o mesmo traballo e a percibir o mesmo soldo, ademais eu quero continuar sendo enfermeira asistencial.
Animo ás profesionais da provincia da Coruña a dar este paso. Non ten por que ser innecesario, duro ou difícil como pode presumirse a priori, e o certo é que paga a pena a nivel persoal (por coñecementos que se poden aplicar na praxe clínica), no profesional (xa chegará o momento en que nos sexan recoñecidos) e a nivel disciplinar. porque a Enfermaría ten que continuar xerando o corpus teórico específico dos coidados.
A estas alturas xa temos claro que Enfermaría non é Medicina. Isto débese a enfermeiras que traballaron e están a traballar e investigar no campo dos coidados para ter un corpus teórico propio. Quen mellor que a enfermeira asistencial para adaptar e deseñar as teorías e modelos, como fixeron as nosas predecesoras.
É un erro querer segregar a praxe asistencial ou clínica da investigadora. Só é cuestión de coñecer e aplicar o método científico no labor diario. Nós, as profesionais de hoxe, temos a obriga de mellorar a profesión e deixar a nosa pegada, aínda que só sexa por egoísmo: somos os usuarios de mañá (incluso ao mellor hoxe).
Para rematar quero dicir que esta profesión tan apaixonante (a Enfermaría) meréceo. Aínda máis, todas/os profesionais da Enfermaría merecemos alcanzar o máis alto nivel académico e exercelo. E, como non, os nosos usuarios desfrutalo.
