O Calendario de vacinación ao longo de toda a vida, vixente ata o de agora, publicouse o 15 de setembro de 2022 seguindo as recomendacións de organismos internacionais, así como as do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, e engloba a vacinación rutineira prenatal e a vacinación na poboación infantil, adolescente e adulta.
Neste ano 2023 faise necesario publicar unha nova actualización deste calendario, que pasa a denominarse Calendario de inmunización ao longo de toda a vida, coa incorporación de novas opcións preventivas que inclúen tanto vacinas como anticorpos monoclonais.
As principais novidades que cómpre destacar nesta actualización son:
- A incorporación da vacinación sistemática fronte ao herpes zóster en dúas franxas de idade: persoas segundo vaian cumprindo 65 e 80 anos.
- Substitución da vacina pneumocócica conxugada 13-valente pola 20-valente aos 65 anos, eliminando así a pauta secuencial nesta franxa de idade.
- Cambio da vacina meningocócica conxugada C pola vacina tetravalente (ACWY) aos 4 meses de idade.
- Introdúcese a vacinación fronte ao rotavirus aos 2 e 4 meses.
- Introdúcese a inmunización con anticorpo monoclonal fronte ao virus respiratorio sincitial aos lactantes antes do seu primeiro contacto co virus.
- A vacinación fronte á gripe en nenos/as de 6 a 59 meses será dunha soa dose (a excepción daqueles con condicións de risco que sexan menores de 9 anos que non se vacinaran previamente, que recibirán dúas doses separadas polo menos 4 semanas).
Todas estas recomendacións fanse desde o rigor científico, atendendo aos produtos vacinais dispoñibles no mercado e ás indicacións das fichas técnicas destes. Este documento segue a ser a ferramenta de apoio ao profesional, co compromiso de actualización das indicacións e pautas de vacinación vixentes.
Consulta aquí o documento do SERGAS sobre o Calendario de vacinación ao longo de toda a vida