As catro organizacións colexiais da enfermaría galega e a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) pídenlle á Xunta que, de xeito urxente, aborde o dereito das enfermeiras e enfermeiros á reclasificación profesional no grupo A1 da administración pública, asunto que consideran “de vital importancia para o recoñecemento da profesión”.
Na actualidade, os membros do colectivo enfermeiro pertencen ao grupo A2, malia que cumpren os requisitos para estar adscritos ao grupo A1: titulación académica e grao de responsabilidade.
No documento enviado á Consellería de Sanidade ínstase ao goberno galego a liderar unha demanda que atingue ao colectivo enfermeiro de toda España. “Non pode demorarse máis a posta en valor da profesión. Somos un piar indiscutible da sanidade e estamos altamente cualificadas grazas á formación universitaria especializada e á práctica laboral rigorosa e comprometida cos coidados de saúde de calidade”, recolle o escrito.
As enfermeiras galegas reclaman tamén que “se se considerase a creación do grupo A1 polos méritos de formación e asunción de responsabilidade, as enfermeiras especialistas deben incluírse nesa reclasificación”.
A reclasificación no grupo A1 non só responde a unha cuestión de xustiza tras a entrada en vigor do coñecido como Plan Bolonia, senón que “repercutirá na mellora da motivación e satisfacción profesional do colectivo, ademais de reter o talento nun momento de escaseza de profesionais e de falta de relevo xeracional”.
A reticencia política a situar a enfermaría no nivel que lle corresponde implica un freo ao desenvolvemento profesional, unha devaluación salarial e un veto ao acceso a determinados postos de responsabilidade no ámbito sanitario.
O escrito asínano Inés López Carral, presidenta do Colexio da Coruña; Lourdes Bermello López, presidenta do Colexio de Lugo; Ascensión Pérez Sampayo, presidenta do Colexio de Ourense; María Sol Montenegro Alonso, vicepresidenta do Colexio de Pontevedra e Gemma Rodríguez Álvarez, presidenta de AGEagefecFEC.