As enfermeiras deben formar parte deste grupo de expertos, xa que foron as profesionais sanitarias que estiveron na primeira liña da loita contra a Covid- 19 a nivel asistencial, organizativo e xestor
Expertos e expertas en Epidemioloxía, Economía e Saúde Pública configuran este comité, mais a presenza das enfermeiras é tamén fundamental para acadar unha avalición rigorosa e independente da xestión
As organizacións colexiais de Enfermaría de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra veñen de poñer en coñecemento do conselleiro de Sanidade, D. Julio García Comesaña, o seu malestar tras coñecer a decisión do Ministerio de Sanidad de non contar coas enfermeiras á hora de configurar o comité avaliador da xestión da Covid-19 a nivel estatal.
Desde as catro presidencias non se comprende que estas profesionais sanitarias non formen parte do grupo encargado de avaliar a xestión que as diferentes administracións fixeron da pandemia. Entendemos que as enfermeiras teñen que aportar a súa visión sobre as virtudes e debilidades percibidas no sistema, xa que desde a irrupción da Covid-19 estiveron na primeira liña da loita contra o virus a nivel asistencial, organizativo e xestor.
Sen desvirtuar aos profesionais que si formarán parte deste comité avaliador, como son os expertos e expertas en Epidemioloxía, Economía e Saúde Pública, e cuxa presenza é básica, a integración das enfermeiras é de igual xeito fundamental para axudar a comprender como se xestionou a pandemia e aprender dos erros cometidos.
Os colexios de Enfermaría das catro provincias galegas reivindican, polo tanto, a importancia da figura das enfermeiras para fortalecer este comité, e agardan que o Ministerio de Sanidad sexa capaz de percatarse a tempo da necesidade da representación deste colectivo para acadar, efectivamente, unha avaliación rigorosa e independente.