"A enfermeira é un profesional fundamental para a investigación", Manuela Sestayo enfermeira e investigadora do IDIS

Manuela Sestayo é unha enfermeira que participa no proxecto europeo Timely que busca transformar a rehabilitación cardíaca e a prevención de riscos cardiovasculares a través da intelixencia artifical e a eSaúde. Manuela subliña nesta entrevista o impacto positivo da plataforma mentres reflexiona sobre o papel crucial da enfermaría na implementación de tecnoloxías na atención médica.

Mirando cara ao futuro, visualiza unha atención médica cada vez máis integrada coa intelixencia artificial e a telemedicina, pero sempre centrada nas persoas. O seu mensaxe é claro: a investigación é o motor que impulsa o progreso na atención médica e cada enfermeira pode desempeñar un papel fundamental nesta misión. 

Como te sentes ao ser parte dun proxecto tan innovador? 

É un orgullo, e tamén unha grande responsabilidade. Comparten espazo ambas sensacións. Pero máis que nada, moi orgullosa do traballo feito para chegar ata aquí e tamén da profesión en xeral, de que poidamos levar a cabo investigacións deste calibre como enfermeiras.

Como foi a tua experiencia ao traballar tanto como enfermeira na atención directa a pacientes como na investigación no proxecto Timely?

Este é o segundo proxecto europeo no que teño o privilexio de participar, entón a experiencia vai un pouco máis rodada. Sempre hai cousas que custan un pouco máis iniciar, coma en todos os proxectos, pero o que é combinar ambas facetas, de atención clínica ca da atención investigadora, xa vai un pouquiño máis rodada grazas ao proxecto anterior, pero no inicio faise un pouco costa arriba porque estamos acostumados a dedicarnos plenamente ao  paciente. Tamén é o que nos ensinan máis na facultade, polo menos no meu ano empezábase a falar un pouco da investigación, pero aínda non había moito campo no que poder investigar. Agora vexo compañeiras máis novas que veñen coa mente máis aberta cara a investigación. Lévase ben, a min o que máis me gusta é poder traballar en contacto co paciente e esto permíteche facer ambas cousas, é marabilloso.

Estiveches no Reino Unido, voltaches a Galicia, que che motivou a participar neste proxecto de investigación?

O motivo polo cal voltei de Inglaterra realmente foi a morriña. Tirábame moito a terra. Foi unha vez estando aquí cando descubrín o Instituto de Investigación de Santiago de Compostela, o IDIS, e aí vin as convocatorias que tiñan e xa empecei co primeiro proxecto europeo. Realmente foi máis por curiosidade, non ves todos os días este tipo de convocatorias. Pódome apuntar ás listas do SERGAS e traballar cos meus compañeiros, que me encanta, pero quixen probar estoutra vía, para ver de que ía, soaba interesante, proxecto europeo, pacientes con cardiopatía isquémica, prevención… a prevención é súper importante. Foi un pouco así. 

Como cres que esta plataforma pode cambiar a forma na que se trata a rehabilitación cardíaca e a prevención de riscos cardiovasculares nos pacientes?

A plataforma que se está desenvolvendo a través do estudo do Timely busca asistir no que é a fase 3 da rehabilitación cardíaca. A rehabilitación cardíaca divídese en tres fases, unha primeira, a fase hospitalaria, cando o paciente está ingresado e se lle fan as tarefas de revascularización. A fase dous, a da rehabilitación cardíaca de forma ambulatoria. Os pacientes xa están dados de alta e veñen ao centro a facer a rehabilitación cardíaca. E a fase tres, unha fase de mantemento. O paciente é dado de alta da rehabilitación cardíaca e ten que facer pola súa conta, manter os hábitos de educación sanitaria, exercicio físico, dieta, cumplir coa medicación… 

A ferramenta do Timely busca intervir nese memento, na fase tres, e funciona en combinación cuns dispostivos de monitorización permitíndolle aos  pacientes sentirse máis controlados. É un seguimento máis estreito. Vénselle os pasos diarios que camiñan e o rexistro da presión arterial. O paciente entra nun grupo de intervención do estudio, no que hai duas ramas -grupo control e grupo intervención- para medir a efectividade da ferramenta, o grupo intervención leva tamén un tensiómetro, un dispositivo de electrocardiograma, un parche de electrocardiograma e unha pulseira de actividade que conta os pasos. A través deses tres dispositivos e da aplicación, somos quen, de forma remota a través da plataforma do estudio, de ver a actividade física que fai o paciente. A ferramenta serve tamén un pouquiño de elemento motivador, porque non é o mesmo que ti lle digas ao paciente “mira as recomendacións das guías clínicas de cardioloxía preventivas son estas: camiñar 30 minutos ao día mínimo, 10.000 pasos, etc. que realmente que saibas que alguén che está revisando eses datos e vendo que cumpres. A ferramenta tamén permite que lles mandemos mensaxes directamente ao paciente, mensaxes de tipo motivacional: “veña, case estás a punto de chegar ao teu obxectivo diario de hoxe, segue así" ou "vaia, hoxe parece que non chegaches ao teu obxectivo, a ver se mañá podes conseguilo"…este tipo de mensaxes.

A ferramenta creouse tamén en cumprimento coas guías europeas de cardioloxía preventiva.  Hai pois moita información e aos pacientes gústalles sentirse informados. Tamén hai enlaces útiles, aí entrou a faceta de enfermaría porque fixemos unhas pequenas fichas informativas con debuxos,  moi esquemáticas para que os pacientes poidan entender, por exemplo, a importancia da alimentación, dos niveles de colesterol ou a importancia de deixar de fumar, pequenas técnicas de relaxación para manexar o estrés, etc. Son fichas informativas que van integradas na aplicación.

É unha aplicación moi versátil, con moitos apartados entre os que destacan a monitorización a distancia do paciente e o elemento motivador. Esperamos conseguir dotar aos pacientes de independencia, que se sintan tamén máis empoderados, con máis coñecementos para poder manexar a sua enfermidade. Ao final, isto trátase dunha enfermidade crónica, pero queremos que os pacientes non teñan medo, que sexan conscientes do que lles pasa, que o  entendan e que poidan manexalo de forma independiente, autónoma. Este é o obxectivo. Tendo eles estas ferramentas e coñecéndoas, minimizamos tamén o risco de eventos porque eles son coñecedores dos síntomas de alarma e que teñen que estar atentos. 

Que papel xoga a enfermaría na implementación e seguimento deste tipo de ferramentas tecnolóxicas na atención médica?

A enfermeira é o enlace de todo isto. A nosa figura sempre está ao pé da cama do paciente, ao pé do paciente ambulatorio no caso de primaria. Servimos de enlace. Somos o elemento que conecta os pacientes coas ferramentas, sobre todo estes pacientes máis maiores, desde 70 anos para arriba que igual non son tan tecnoloxicamente hábiles ou que teñen un pouco de aversión inicial. O papel da enfermeira nisto é fundamental, estás aí, explícalles, tes a paciencia, esa calma, ese coñecemento e os pacientes tamén confían en tí, creas un reporte con eles.

Como está a ser a resposta dos pacientes ao usar a aplicación TIMELY no seu proceso de rehabilitación cardíaca?

A verdade é que nos sorprende para ben porque a ferramente ten moitos compoñentes, os tres dispositivos a maiores, o da tensión, o do electro e a pulseira e cada un ten o seu funcionamento, hai que linkalos coa aplicación... ten a sua complexidade. Non sabiamos moi ben cal ía a ser a acollida, sobre todo, aquí en Galicia onde a nosa poboación está moi avellentada, pero está a ser sorprendentemente boa. Son precisamente eses pacientes máis maiores os que teñen máis ganas e máis disposición de probar, de facer, e pelexan con ela ata entendela. Está sendo increíble. O noso paciente máis añoso ten 80 anos, foi un dos últimos en incluir, e de verdade é unha marabilla este señor, camiña todos os días coa pulseiriña, fai todo o que se lle manda, está encantado coa ferramenta. Vémolo nós máis como un handicap posible do que eles realmente o perciben despois.

Como ves o futuro da atención médica coa integración da intelixencia artificial e a eSaude na práctica clínica?

É a onde se está dirixindo toda a atención médica. Toda a investigación vai cara iso,  plataformas de saúde, de telemonitorización… isto é o que vén. O principio diríache que a integración sería complicada pero tras esta experiencia, tras o que estou vivindo, non me parece imposible. O que si mencionan moito os pacientes, incluso con esta aplicación Timely, é que agradecen e lles tranquiliza saber que hai alguén detrás. eSalud, ferramentas tecnolóxicas e intelixencia artificial, si.  Pero sempre  pensado para persoas  e feito por persoas, manexado por persoas detrás. Isto é o que lles tranquiliza, e isto é a onde ten que ir a medicina. Non vai haber unha intelixencia artificial que sustitúa aos médicos. Temos que traballar en conxunto con estas ferramentas e seguir sendo nós os que prestamos e damos os coidados. As ferramentas facilítannos moitísimo o traballo, porque ao final, un paciente de Lalín non ten que vir aquí ao hospital a facer rehabilitación cardíaca, senón que a través da telemonitorización eu podo vixiar os seus pasos, a sua tensión, darlle consellos alimenticios, isto é bo, pero sempre estou eu detrás ou os meus compañeiros enfermeiros ou os compañeiros médicos. É cara aí cara onde vexo o futuro. Creo que si é posible porque a poboación galega está sempre súper disposta e á vanguarda. Somos así. Somos loitadores. Somos inconformistas. Creo que ten futuro.

Como cres que este proxecto contribúe ao avance e recoñecemento da enfermaría no ámbito da investigación e a innovación tecnolóxica?

Cada vez máis. Agora ao traballar no IDIS estou máis en contacto con outras compañeiras enfermeiras que traballan noutras liñas de investigación, de cáncro, de pediatría….cada vez máis os propios consorcios europeos poñen estas propostas e buscan candidatos para traballar nos proxectos de investigación e cada vez buscan máis o perfil enfermeiro porque saben que somos unha profesión moi versátil, que temos moito coñecemento teórico e tamén temos esa capacidade práctica, se fai falta sacar mostras, podemos sacar mostras, interpretamos electrocardiogramas…somos unha profesión súper versátil que serve de nexo co paciente. Temos altas capacidades en idiomas. Para a investigación somos un profesional fundamental. 

Animarías ou que consello darías a outras enfermeiras que estean interesadas en involucrarse en proxectos de investigación coma este?

Animo a todos os meus compañeiros e compañeiras a participar na investigación. Non fai falta que sexa un proxecto súper grande, un proxecto europeo, internacional. Fanse moitas cousas a nivel nacional, tamén a nivel local, aquí en Galicia. É unha forma de poder ver o resultado do teu traballo. Xa algo tan sinxelo como nunha consulta medir cantos pacientes veñen, que porcentaxe hai de homes e de mulleres ou ver a evolución dos pacientes coas pautas que lle din, isto xa é de interese mesmo para nós, para ver se o traballo que facemos está realmente achegando algo, isto mesmo xa é investigación. E podes dar os teus resultados. Por exemplo, na miña consulta da Pobra do Caramiñal, os pacientes melloraron porque lles estou dando esta dieta que vin nas guías en vez destoutra que era a que estaban facendo. Con isto tamén nos axudamos a nós, uns a outros porque eu aprendo do que fas ti, ti do que fago eu. Crecemos e axudamos ao paciente que é o que nos impulsa. Animo a todo o mundo que o tente, que busquen online onde hai moitas plataformas de axuda a investigadores. Non fai falla que sexa a grande escala, con pequenos pasos tamén e como avanza a ciencia. 

 


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas