Jump to Navigation


O Sergas inviste este ano 140.000 euros na mellora do equipamento das Unidades de Partos

A xerente do Sergas, María Nieves Domínguez González, destaca o desembolso de 30.000 euros en actividades formativas e divulgativas relacionadas coa atención neonatal e o fomento da lactancia materna
martes, 30 octubre, 2012

A xerente do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez González, presidiu a inauguración das VI Xornadas de Saúde Perinatal, celebradas esta semana, baixo o lema Cambiando o presente para mellorar o futuro. A responsable do Sergas destacou a mellora da dotación de material nas áreas de partos dos seus centros hospitalarios. Concretamente, ao longo do presente ano, realizouse, según Domínguez, un investimento de 140.000 euros para este apartado nos distintos hospitais da rede do Sergas, e outros preto de 30.000 euros en actividades formativas e divulgativas relacionadas coa atención neonatal e o fomento da lactancia materna.

A xerente do Sergas dixo que a atención ao embarazo, parto e puerperio continúa a ser un tema de gran interese para o seu departamento. Así, grazas ao traballo conxunto de profesionais, pacientes e cidadáns, sinalou que a administración sanitaria galega iniciou a Escola de pais e nais, coa que xa se fixeron catro talleres en Vigo e vanse iniciar outros no resto de cidades galegas. Asimesmo, editouse o novo libro de saúde da embarazada, publicación na que o Sergas incorporou as últimas evidencias e recomendacións.

Igualmente, o departamento que dirixe Rocío Mosquera, según o Sergas, continúa coa formación práctica de profesionais de distintas categorías, mediante estadías en centros de referencia en boas prácticas en atención ao parto/nacemento e coidados.

Para rematar a súa intervención, a xerente do Sergas dixo que este encontro servirá como unha oportunidade de crecemento persoal e profesional, así como para acadar o obxectivo de conseguir máis pacientes satisfeitos da atención que reciben e profesionais orgullosos dos servizos que prestan e da organización na que traballan.

 



by Dr. Radut.