Fonte: Xunta de Galicia
O Servizo Galego de Saúde desenvolve este sábado no Recinto Feiral de Silleda as probas selectivas para o acceso a cinco categorías do sistema sanitario público galego, e para as que están convocados un total de 9.408 opositores. Así, na quenda de mañá de hoxe, presentáronse á realización do exame 1.382 aspirantes das 1.618 persoas convocadas (85’4% de participación).
En concreto, nesta primeira quenda do sábado presentáronse ás probas 301 das 341 convocadas para a categoría de enfermería especialista en enfermería Obstétrico-Xinecolóxica -matrona- (88,2%). O Sergas oferta 46 prazas nesta especialidade.
Na xornada de mañá domingo, e tamén a partir das 9,00 horas, están convocados, entre outros, os exames das categorías de Enfermeira/o especialista en enfermaría de Saúde Mental (31 prazas ofertadas) e Enfermería especialista en Pediatría (32 prazas ofertadas).
Cómpre lembrar que na organización destes procesos selectivos non se realiza o chamamento dos aspirantes. Así, todos os aspirantes teñen á súa disposición na Oficina Virtual do Profesional (FIDES/ expedient-e), desde a data de publicación da data do exame no Diario Oficial de Galicia, até a acreditación persoal con código QR.
Á hora de inicio das probas os aspirantes acércanse á porta que teñen asignada co código QR que debe levar impreso e acreditando a súa identidade acceden ao exame. Con esta medida axilízase a entrada ao recinto, evitando aglomeracións innecesarias.