Xurxo Couto: "Si é posible eliminar a hepatite C como problema de saúde pública"

A Estratexia para a eliminación da hepatite C como problema de Saúde Pública da Xunta realizou desde xaneiro un total de 63.000 probas e permitiu detectar 83 casos de infección activa na nosa comunidade. Unha das principais medidas que recolle a estratexia é a implantación de cribados poboacionais oportunistas e o ofrecemento de probas de detección precoz da Hepatite C. Así, desde o comezo do presente ano, a Xunta está a ofrecer a realización de probas de detección precoz deste virus a todas as persoas entre os 40 e os 69 anos, de xeito progresivo durante tres anos, aproveitando a oportunidade que se presenta cando se lle require nun centro sanitario unha proba analítica por outro motivo. Neste senso, en 2023 a poboación diana comprende ás persoas de 50-59 anos. Está prevista a extensión do cribado no ano 2024 ás persoas de 60-69 anos e no ano 2025 ás de 40-49 anos. 

Xurxo Couto Catoira, enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria do centro de saúde de Cabanas, é membro do grupo de traballo da Estratexia para a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia.

-Por que a hepatite C é un problema de saúde pública? 

A hepatite C, xunto con outras hepatites víricas, é un problema de saúde pública porque está presente en todo o mundo. A hepatite C é unha das causas máis importantes de enfermidade hepática crónica. Tense denominado como ‘pandemia silenciosa’ debido tanto á súa presenza a nivel mundial como á ausencia de síntomas. Pode ter consecuencias graves sobre a saúde. Algúns exemplos serían a cirrose hepática ou mesmo o hepatocarcinoma. 

-É posible eliminar a hepatite C de España? 

En termos de saúde, gústame ser positivo e considerar que si é posible eliminar a hepatite C de España. Houbo numerosos avances en relación cos métodos diagnósticos e os tratamentos que poden facer posible acadar este obxectivo. 

-É realista o obxectivo de eliminala en 2026 en Galicia? 

Eliminar a hepatite C como problema de saúde pública en Galicia implica a redución da súa morbilidade e mortalidade por baixo dun nivel no que a carga de saúde pública sexa considerada insignificante. Os obxectivos inclúen a prevención da enfermidade, a súa detección precoz, a vixilancia epidemiolóxica, o tratamento e a formación e investigación. Tendo en conta os notables avances en todo isto citado anteriormente, gústame, como dicía na pregunta anterior, ser positivo e considerar que si é posible eliminala en 2026 na comunidade galega. 

-Dentro de España, que aportou a sanidade galega na batalla contra a hepatite C?

Galicia foi das primeiras comunidades que implementou de maneira universal o diagnóstico nun só paso nos sete grandes complexos hospitalarios. Na actualidade, desenvolvemos unha estratexia integral realizada por inmellorables profesionais que teño o gusto de considerar compañeiros. 

-Dende que en 1989 un grupo de investigadores deu co virus e identificou a súa transmisibilidade a través do sangue, cal foi o principal fito? 

Moitos foron os avances. Considero que o diagnóstico nun só paso (anticorpos e viremia nunha mesma mostra) é primordial, así como o desenvolvemento dos novos tratamentos antivirais de acción directa panxenotípicos. 

-Como traballa a enfermaría con este tipo de doentes? 

Dende a miña perspectiva profesional como enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria considero que a prevención, en todos os seus niveis, é o máis importante en relación coas hepatites víricas. No momento actual non dispoñemos dunha vacina específica que poida evitar esta infección polo que ser coñecedor de como se transmite e realizar unha correcta promoción e educación para a saúde, dende o primeiro nivel asistencial, é fundamental para abordar este tipo de problemas de saúde. Os enfermeiros de familia acompañamos ás persoas ao longo do seu ciclo vital en todos os procesos de saúde e enfermidade de xeito holístico. Somos o perfil profesional ideal para realizar este traballo. 


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas